“Se a situación do cómic galego se prolonga, vai conlevar a súa desaparición”

“Se a situación do cómic galego se prolonga, vai conlevar a súa desaparición”
o debuxante puxou por un museo do tebeo sen éxito pedro puig

Case 20 anos despois de “Trazo de xiz”, Prado recollía un segundo premio no salón de Barcelona por “Ardalén”, un libro que salpica auga salgada polas marxes e no que o debuxante toca distintos códigos ademais do trazo para gañar en sensacións. Do primeiro galardoado ao de hoxe, hai un cambio nas editoriais. Que xa teñen motivos de sobra para confiar nun lapis que non se aferra a un estilo. E busca.

Esperaba recibir premio en Barcelona?
Desde que estás nominado, entra dentro do posible. O premio non é nunca unha final en si mesma pero unha vez que botaches tempo en facer un libro, hai certa intuición e tiña esperanza de que funcionaría ben a nivel de lectores. En salóns como o de Barcelona a votación é máis aberta porque vota a profesión. E pasa como nos Oscar, ás veces as cousas máis cantadas non obteñen premio.

Un libro que pide unha peli, non cre?
Supoño que si. Segundo fun desenvolvendo o libro, tiña a sensación de que a historia podería ser contada nunha linguaxe cinematográfica. Se de algo estou especialmente contento é da procura de novas posibilidades. Vas vendo ferramentas que podes incorporar, certos elementos do código sensorial como unha tipografía diferente para cada personaxe ou xogas coas marxes da viñeta...

Falando de memoria, que cambiou desde que subiu ao estrado por “Trazo de xiz” a cando o fixo hai dúas semanas?
Houbo certos elementos comúns porque o ano que recibín premio por “Trazo de xiz” foi un ano de crise no salón. Non saíron os premios en ningún espazo adecuado. E nesta ocasión tamén se decidiu dalos dentro do salón aínda que mellor montado, pero si que tiven a sensación de déjà vu. O que si foi diferente é que no primeiro caso as inseguridades eran moitas. Nese tempo andabamos interesados en propoñer un tipo de cómic que non encadraba nos estándares comerciais. “Trazo de xiz” fíxeno convencido de que gustaría a catro amigos. E nestes casos un premio é un balón de osíxeno. Decateime de que non era tan errada a proposta ata tal punto que para min supuxo un antes e un despois. A partir da etapa de desaxustes cos editores pasei a unha nova na que me deixaban facer sen darlle moitas voltas. “Ardalén” supuxo unha sensación de satisfacción máis interna porque aínda que levas 30 anos metido nestes asuntos, non acabas de estar seguro se estás facendo o correcto. O premio funcionou como analxésico.

Como é capaz de dar eses acabados ás viñetas para que parezan pinturas?
Non o sei. É algo que perseguín sempre. Intento perfeccionar e conseguir desfrutar de cada viñeta que teño porque é tan tedioso... Dáte conta que “Ardalén” son 256 páxinas e non chega a unha ducia de personaxes. O acabado é o resultado do proceso de adecuar a forma de facer un libro á historia que estás contando. Aí supoño que pasan varios factores. Cando chego ao cómic, tiña máis cousas na mochila e nunca entendín a pintura dun xeito académico. Son fillo das vangardas. Todo era válido e non me acomodei nun único xeito de resolver as cousas. Despois de 30 anos debuxando e pintando, isto pode xenerar dúas opcións. Unha é a de acomodarse a un estilo ata perfeccionalo a límites gloriosos como Uderzo, ou ben está a de indagar na narrativa da imaxe. Nos seus efectos sensoriais e sentimentais, que son máis sutís que evidentes. Eu gasto o tempo en pensar ese tipo de cousas.
Que vento sopra no cómic galego?
Son rachas cambiantes. Estabamos hai catro anos nun momento magnífico. Tiñamos cuantitativamente moita xente. Unha situación multixeracional na que o patriarca era Xaquín Marín e moitos rapaces de 20 anos tiñan as súas primeiras obras publicadas nun entorno moi variado. Algo positivo porque as escolas son sempre limitadoras. Se a banda deseñada chegara a ter xefes de fila e unhas directrices que seguir, o panorama sería máis pobre. A nivel editorial empezabamos a ter certa estrutura. Non chegabamos aos tres millóns –e xamais poderemos ser autónomos editorialmente– pero tiñamos opcións interesantes.

“ardalén” supuxo unha sensación de satisfacción máis interna.
o PREMIO funcionou como analxésico

as institucións son as que poden artellar vías  para FACER PROPOSTAS E minimizar os danos

E chegou a crise.
Si, supuxo un pao para todos. O máis negativo foi que os principais axentes adoptaron posturas conservadoras e foron a asegurar as inversións. Isto conleva unha dificultade engadida para os autores novos. Se a situación actual do cómic galego se prolonga, vai conlevar a súa desaparición. Os autores optan por outras alternativas para poder vivir, o que supón perder dez ou doce anos.

Cal está sendo a actitude das institucións?
Cando a iniciativa privada non é capaz de manexar unha situación, as institucións son as que poden artellar vías, xa non digo para atallar o problema pero si para facer propostas ou minimizar os danos. Non quero dicir con isto que estea a favor da subvención pura e dura porque a cultura da subvención é unha especie de enfermidade terminal. Cando tes un sector no que dous finalistas en Barcelona eran galegos e pagan os seus impostos aquí, cando sae hai dous anos José Domingo, o sector é francamente viable en Galicia. Non é unha aposta de casino pero aínda así, non hai ideas para que o sector non remate desmantelado.

Esta situación é a mesma noutras comunidades?
Tampouco hai que ser vitimistas porque se trata dun fenómeno global. A cultura e o entretemento acaban no primeiro saco no que os estados fan os recortes. Recordo que este ano ou o pasado colgouse en Palexco un cartel moi elaborado no que se lía “Menos exposicións e máis postos de traballo”. Pareceume moi definitorio porque dá unha idea da propia estima que se ten sobre a creatividade. Que valor fai a sociedade sobre o noso traballo? Unha sociedade que lle dá máis valor a un tuit que a unha nova contrastada terá que asumir as consecuencias. n

“Se a situación do cómic galego se prolonga, vai conlevar a súa desaparición”

Te puede interesar