“Este tipo de espectáculos é unha boa forma de dinamizar a rúa”

El Ideal Gallego-2011-08-25-015-fc9f2b9b

  entrevista de débora garcía

peter punk - pallaso

Os xardíns de Méndez Núñez continúan a ser o escenario de multitude de actividades culturais para todos os públicos. Esta tarde, tócalle o turno a Peter Punk, un pallaso irreverente que describe o seu espectáculo como “politicamente incorrecto”.
—É a primeira vez que actúa na Coruña?
—Non, xa estiven varias veces, en festas privadas, coa xira do Xabarín Club e nas festas do barrio de Monte Alto. Pero penso que é a primeira vez que o fago con motivo nestas festas. Tamén me chamaron para participar na edición do Festival Manicómicos deste ano, pero non puiden vir por problemas de axenda.


—Que tipo de espectáculo vai presentar hoxe?
—É un pouco o pallaso de rúa, que se vai adaptando á situación do momento. Fago globoflexia, malabarismos, pelotas, xogos con lume, sempre como excusa para relacionarme co público. O ideal é integrar a súa reaccción no propio espectáculo.
—A que tipo de público se dirixe máis, nenos ou adultos?
—Pois como eu mesmo digo, para rapaces e rapazas de cero anos a cadea perpetua... Quero dicir, hai bromas que os nenos non entenden e que van máis adicadas aos maiores, pero os xogos gustan máis aos pequenos.
—Cando di “politicamente incorrecto”, a que se refire?
—Porque ademais de pallaso considérome bufón que non só mostra o ridículo de si mesmo, senón que se ri de todo, da política, da xente... Do mundo en xeral.
—Que opina do aumento das actuacións de rúa na programación das Festas da cidade ?
—Non coñezo moi a fondo o programa, pero me parece positivo que as políticos pensen na xente á hora de contratar actos culturais, porque este tipo de espectáculos son unha boa forma de dinamizar a rúa e pedir a participación do público. Na rúa tes que empregar moita enerxía para manter a atención das persoas –máis que nunha sala– aínda que esa relación directa é o mellor de todo.

 

“Este tipo de espectáculos é unha boa forma de dinamizar a rúa”

Te puede interesar