entrevista de marta garcía márquez
O mesmo Castelao colleu un día o lápiz para explicar con palabras o que debullaba no papel: Prantaron un arboriño e protexéreno de estacas... pero o arboriño secou e as estacas prenderon. Sinala Felipe Senén que non se trata de ser estaca, senón de velar para que a árbore non apodreza; pero no caso do patrimonio galego, os poderes públicos andan preocupados por adornar o vexetal con bisutería barata namentres as ponlas comezan a secarse sen que ninguén se decate. A desaparición do Códice é simplemente a punta do iceberg.
Molina tivo unha política coruñesista que eu creo que lle custou o cargo
Fala de César Antonio Molina como un Merlín que premeu o botón de Patrimonio da Humanidade para que a Torre seguise tendo luz nun país no que a pedra e o verde abundan.
¿Falta unha conciencia de país?
A conciencia hoxe de país é conciencia de identidade, e quen a ten, ten conciencia de diferenciación e distinción, que é o recurso que vence nun mundo que cada día se globaliza máis. Isto teríano que entender os políticos cando a Cidade da Cultura é coma un piano que non funciona se non hai bos pianistas. Onde non hai creadores, non funcionan as cousas. E vas alí e non tes onde tomar nada, pasa como na Torre, so ves a carcasa dun monstro que non alberga nada cando o Códice Calixtino merecería un museo para el como o que ten o Códice de Kells, en Dublín. O mesmo documento daríanos o guión para o seu itinerario: a historia da peregrinación, os lugares por onde pasa, as lendas e quen o fixo, cando todos os camiños se non levaban a Roma, levaban a Compostela.
Parece que as actuacións de Patrimonio son, nalgúns casos, moi puntillistas, pero logo vense barbaridades na paisaxe como, por exemplo, unha gasolineira no mosteiro de Samos.
Hai caciqueos. O artículo 46 da Constitución di que os poderes públicos garantizarán a salvagarda e a custodia do patrimonio cultural dos pobos de España. Quenes son os poderes públicos que teñen esa responsabilidade? O máis inmediato é o Concello para o coidado e mantemento, se non pode ten que acudir ás Deputacións que para algo están e que debían de ter certas responsabilidades, e logo por conseguinte a quen hai que alertar é á Xunta, sobre todo, nun tema como o da seguridade. Eu marchei de San Antón porque non podía responsabilizarme do que podía pasar.
Demasiado protagonismo para os Científicos, quizais?
Agora prima máis o tema virtual. Cando estaba eu en San Antón, a Casa das Ciencias, que ía para museo de arte contemporáneo, tiña un presuposto de 220 millóns de pesetas e eu tiña un de 19 millóns. Está moi ben, pero a historia tamén é ciencia da arqueoloxía e quen educa e maleduca son os medios de comunicación e así acaban saindo Berlusconis e Beléns Esteban porque promocionan esas cousas. O humanismo é o que estamos contando aquí. O resto é o McDonalds. En Galicia non somos conscientes do que significa isto. Danlle un martillazo á Piedade ou a Gioconda e, puf! Isto é igual. É un atentado como contra o Pórtico da Gloria. Vale moito máis o Calixtino que Messi. É a fonte e a xustificación do Camiño, a primeira guía turística e se queres científica moderna cando Galicia rivalizaba con Roma e competía con Borgoña, Provenza e Aquitania.
Saían galegos estes días nos telexornais que non sabían da existencia de tal peza.
O dramático é que logo na Cidade da Cultura non saben o que poñer. Tamén é certo que eu estudiei na Universidade de Santiago e vou á facultade e dáme vergonza por como está ou o propio Concello coas pezas de reloxes. Despois pasa que non ves obras nos museos de Galicia porque as teñen nos seus despachos os da Xunta e eu pregúntome con que tratamento museolóxico. Hai unha conselleira que tiña a mellor obra de Tino Grandío no despacho e presumía e gustáballe.
Conseguiuse a distinción de Patrimonio da Humanidade pero a Torre e o seu entorno apenas melloraron.
O Patrimonio foi unha vella teima, primeiro da Real Academia de Belas Artes que logo a tomou José Luis Vázquez Manito e Pardo-Ciórraga a través do Instituto de Estudios Torre de Hércules, que foron incansables ata que apareceu o mago Merlín que foi César Antonio Molina e que tivo unha política coruñesista e incluso galega que eu creo que lle custou o cargo e iso hai que recoñecelo. Esa é a historia pero o que pasa é que non se conta así porque vivimos nun país de caciques. Molina fixo unha política cultural como nunca se tivera e se non hai que mirar as iniciativas que naceron nese momento en detrimento doutras que había por Andalucía.
Unha das cousas que reivindica sempre é a dignificación da casa de Pablo Picasso.
Para facer un museo e dignificar a Picasso tes que ter espazos de desafogo e niso está a asociación Pablo Picasso e Ángel Padín. Esa casa debía ser Ben de Interese Cultural para protexela integralmente dentro dun conxunto que é a rúa Paio Gómez. Esa amplitude serviría para recepción de visitantes con todo o que conleva: a tenda, o espacio expositivo e logo conservada co seu espírito, a casa onde viviu Picasso. Outra cuestión é a Fábrica de Tabacos, da que levaron todo e non deixaron nada.
antigo cárcere novos usos
O entorno da Torre está totalmente chiringuitizado
O museólogo sube por ela unha vez por semana, cando vén un novo grupo de alemáns que non poden tomar café nin facer pis en preto de 500 metros á redonda porque a Torre está falta dunha recepción de visitantes que harmonice o seu entorno, unha calcomanía perfecta de como está o país. Chiringuitizado.
Cal cre que sería o uso máis apropiado para o vello cárcere?
Creo que o cárcere dá para todo pero debe de estar en función do seu contexto inmediato que é a Torre, cun entorno que está totalmente chiringuitizado e que habería que conservar ao natural, sen intervencionismos como os que se lle fixeron de farolitos con esmaltes e tranviitas e as bisuterías que nos levaron á crise. O curioso é que parece que volven outra vez.
Cales son as deficiencias que ten a Torre de Hércules?
Cada semana vou con grupos de alemáns e non podes parar porque non teñen onde facer pis nin onde tomar café. Hai unha recepción que non se sabe para que é e outra máis arriba. Terrible. Nese centro de recepción de visitantes estaría tamén o museo da Torre porque non podes musealizar o faro. Non é un museo porque se ti subes, non podes pararte a ler os carteis, se non estás acumulando o tráfico que vén detrás túa, ademais de que atornillaron papeis nas pedras. Eu viaxo por todo o mundo e a cultura tamén é saber copiar o inventado.