Lucía Catoira | “Limpei salas de cine durante cinco anos e agora proxectan pelis miñas”

Lucía Catoira | “Limpei salas de cine durante cinco anos e agora proxectan pelis miñas”
Catoira, na rodaxe da película ‘Matria’ | Álvaro Gago

“Todas as mulleres obreiras podemos vernos reflectidas en Ramona. Durante cinco anos limpei salas de cine e vendín palomitas e agora nelas proxectan pelis miñas, a vida é curiosa”. Quen así fala é Lucía Catoira Pan, directora de fotografía da película ‘Matria’, de Álvaro Gago, e veciña de Meixigo, en Cambre.


O filme, que chegou ás salas pasado 24 de marzo e supuxo a maior estrea comercial dunha cinta en galego, amosa a vida dunha limpadora de Vilanova de Arousa vilipendiada polo sistema e cunha vida profesional complicada. O proxecto comezou como curta e despois, explica Catoira, foi logrando a financiación para converterse en longametraxe.


“Está inspirada nunha amiga de Álvaro, o director, que coidaba do seu avó. Foi unha rodaxe difícil e esixente porque tiña que ser crible sen esaxerar as circunstancias”, di a cambresa, que nestes días atópase en Barcelona rodando ‘Mamífera’, de Liliana Torres e o ‘boom’ de ‘Matria’ viviuno na distancia.


Lucía foi a primeira muller en gañar un Mestre Mateo na categoría de Dirección de Fotografía e no seu palmarés figuran varios destes ‘cabezóns’. Desde hai anos non para e engancha un proxecto con outro. “Levo un ano sen descansar”, afirma. Entre outros proxectos, a cambresa forma parte do equipo de ‘As neves’, primeira película de ficción de Sonia Méndez; e ‘Argonautas’, a serie de Clan TV rodada en Laxe e A Coruña. 

 

“É un gran momento para o sector en Galicia porque hai xente que leva vinte anos picando pedra e os de agora estamos recollendo eses froitos”, apunta a profesional

 

Cre que, efectivamente, é un gran momento para o audiovisual galego, “pero porque moita xente leva vinte anos picando pedra, amosando a peculiaridade do noso territorio, e os de agora estamos recollendo eses froitos”. A directora de fotografía procura escoller os seus traballos en Galicia, con algunha excepción. “Por estar preto da familia e por militancia no sector. Hai que loitar contra o sentimento de que o que queda aquí son os restos”, di.


Precariedade laboral 


Lucía Catoira comezou Belas Artes pero o seu amor polo cine levouna a estudar, máis tarde, na Escola Superior de Cinema i Audiovisuals de Catalunya (Escac). A súa chegada ao mundo laboral foi na época da crise de 2008 e compaxinou moitos traballos para sobrevivir: “Daba clases a nenos, era fotógrafa en vodas e traballaba nun cine vendendo entradas e palomitas e limpando a sala. Era o meu momento favorito porque vía todos os finais das películas e quedaba escoitando as bandas sonoras. Vivía na total precariedade pero agarrábame a aquilo como salvavidas para poder facer algunha rodaxe pequeniña. É imposible que non me identificase coa personaxe de María [Vázquez] en ‘Matria’”, destaca. 

Lucía Catoira | “Limpei salas de cine durante cinco anos e agora proxectan pelis miñas”

Te puede interesar