Betanzos encara con fe a súa XXIII Feira Franca Medieval, elevada á cita máis esperada, ‘violeta’ e inclusiva desde 1998

A rexedora presentou os actos deste ano acompañada por varios edís, a organización e os patrocinadores

A Feira Franca Medieval de Betanzos encara a súa vixésimo terceira edición co compromiso de seguir crecendo e conseguir a consideración de Fiesta de Interés Turístico de España. Un selo que solicitará en 2023,  transcorrido un decenio desde a súa distinción como Festa de Galicia.
 

Entre escudos, acompañada dos seus máis estreitos colaboradores e ataviada con traxe de época, a rexedora, María Barral, deu a coñecer os detalles da cita deste ano, a máis esperada, inclusiva e ‘violeta’ desde 1998. 
 

Así, entre as novidades destacan dúas: lingua de signos para dobrar o pregón –a cargo do vicedirector do IES As Mariñas, Xulio Loureiro– e un espazo violeta de información e asesoramento na caseta de atención ao visitante, que estará situada na praza dos Irmáns García. Os dous cambios más significativos dunha mostra marcada polo respecto ás súas orixes históricas e ao arraigo social que a caracterizan e que, seguindo o costume, abrirase mañá venres, día 8, coa Entrada do Señor de Andrade.
 

En canto ‘O Bó’, a cabalo, cruce A Porta da Vila, a cidade adentrarase no túnel do tempo para retroceder cinco séculos e, durante tres días e dúas noites, desfrutar dos praceres da súa época máis gloriosa: a Idade Media.

 

Deseño

Libres de impostos por concesión de Enrique IV de Trastámara o persoeiro que encabeza o cartel deseñado polo artista Luis Galán para esta edición, os veciños  entréganse a  unha celebración que, en menos dun cuarto de século, converteuse nun dos principais reclamos turísticos das Mariñas. 
 

Non en balde, se en algo se diferencia a Feira Franca de Betanzos doutras citas similares é a implicación cidadá, que se traduce en centos de voluntarios e milleiros de homes e mulleres vestidos á maneira dos seus devanceiros do século XV, e precisamemte aquí puxo o acento Barral, ao destacar o “compromiso e colaboración de colectivos e veciños”, especialmente dos máis novos, que non dudidan en caracterizarse como señores, campesiños, mouros ou leprosos para recrear algunhas das escenas históricas máis soadas, desde o Incendio da Cidade do Século XVI, representada cunha simpática carreira de bocois a cargo do Clube de Baloncesto Santo Domingo ata a Revolta Irmandiña co discurso do mercador Afonso de Carballido pasando pola Batalla das Figueiras e a concorrida Expulsión dos Leprosos extramuros de Betanzos.
 

Entre os organizadores, incluida a rexedora, recoñecen certa inquedanza porque, despois de dous anos, son moitas as ansias por volver a celebrar e a previsión de visitantes é elevada, superior á das edicións anteriores á crise sanitaria da covid-19.
 

Tendo en conta esta situación, además do dispositivo extraordinario de seguridade e circulación, Cruz Vermella porá a disposición dos asistentes un servizo gratuito para localización de nenos perdidos na caseta de información da praza dos García Naveira.

Betanzos encara con fe a súa XXIII Feira Franca Medieval, elevada á cita máis esperada, ‘violeta’ e inclusiva desde 1998

Te puede interesar