
A casa rural Costa da Égoa, en Carral, abriu en 2001 á beira dos muíños do Batán, un dos atractivos turísticos do municipio e que contén unha das rutas de sendeirismo máis transitadas da comarca. Aínda que nos inicios a idea non era convertir a vivenda en aloxamento turístico, Rocío Goris e Jesús Dubra acabaron convertíndoa nun remanso de paz no que conflúen cada ano centos de persoas, en especial peregrinos do Camiño Inglés.
“Nos comezos os pais da miña parella ían restaurar a casa para vendela, pero rehabilitaron os muíños e unha cousa levou á outra. Fomos moi pouco a pouco, traballando moito para manternos, e hai doce anos máis ou menos se lle empezou a dar máis promoción ao Camiño Inglés. Aí a cousa foi para arriba e agora temos xente de todos os lugares, desde Xapón a Nova Zelanda”, comenta Goris.
Asegura a hosteleira que a variante que ten “máis tirón” é a de Ferrol, aínda que cada vez máis persoas de nacionalidade británica comezan a ruta no Reino Unido, “onde percorren vinte e pico quilómetros”, e despois continúan desde A Coruña. O pulo do Camiño logrou, di Goris, que “o mes de setembro, que antes era tirando a baixo, agora funcione moi ben e sexa como unha prolongación de xullo e agosto en canto a ocupación”.
Menús de tempada
Costa da Égoa é o único establecemento da comarca da Coruña que participa no Outono Gastronómico, iniciativa da Xunta que promociona o turismo rural e os produtos de proximidade. “Esta é a 19 edición e estivemos en todas. É unha proposta moi interesante por parte da Xunta porque nos axuda nunha época do ano máis baixa en canto a reservas”, explica a anfitrioa desta casa rural carralesa.
O menú cambia todos os anos e os produtos “son todos de proximidade, da contorna, e de tempada, por suposto”. Así, nesta edición propoñen un menú con espetos de outono, crema de tempada e peixe sapo con ameixas e outro con táboa de queixos, polbo con grelos e faceiras de porco Duroc con mollo de mazá e castañas. “O perfil de visitas desta actividade son as parellas, que aproveitan para facer a ruta dos muíños do Batán, que son seis quilómetros e ten dificultade baixa, ou que só veñén para ver a fervenza”, indica.
En plena natureza, na parroquia de Beira, Costa da Égoa conta con seis habitacións e un salón con lareira polo que pasaron camiñantes de Xapón, Nova Zelanda, Filipinas, Alemania, Polonia, Estados Unidos –que se multiplicaron a raíz da película ‘The Way’, protagonizada por Martin Sheen e dirixida polo seu fillo, Emilio Estévez– e, por suposto, Reino Unido. Un refuxio rodeado de salgueiros, ameneiros ou carballos que pronto celebrará o seu primeiro cuarto de siglo.












