Gabri Reigosa | “A liberdade de expresión é unha mentira que nos tentaron coar”

Gabri Reigosa | “A liberdade de expresión  é unha mentira que nos tentaron coar”
A banda Dakidarría, antes dun concerto | christian pérez

Dakidarría chegará este fin de semana ao Rock in Cambre (esta noite, ás 01.30 horas) para presentar o seu último disco, “Colaxe”.

 

Xa coñecían o festival?

Témoslle moitas ganas hai varios anos. Houbo varias intentonas estes anos pasados e por fin imos poder visitar Cambre. Agardamos que sexa un día especial e de moitos reencontros coa xente do norte.

 

Como está funcionando o novo disco, “Colaxe”, en directo?

Está sendo impresionante porque á presentación do disco súmase a volta aos escenarios despois do parón. Cada concerto está cheo e hai unha enerxía moi brutal.

 

Crían que chegarían tan lonxe cando comezaron co grupo, escapando do instituto para ensaiar?

Hai moitos anos que superamos as expectativas que tiñamos. Foi unha marabillosa casualidade, xuntabámonos para facer ruído e pouco a pouco foi facéndose o noso xeito de vivir.

 

Manteñen a mesma raiba e ganas de denunciar inxustizas.

Desde que naceu o grupo transmitimos as nosas inquedanzas sociais, é unha banda que canta ás inxustizas do mundo, á solidariedade para solucionalas.

 

Transmitimos as nosas inquedanzas, unha banda que canta ás inxustizas do mundo, á solidaridade para solucionalas

 

A liberdade de expresión existe?

Hai xente na cadea por expresar as súas ideas en cancións. A liberdade de expresión foi unha mentira que nos tentaron coar, suavizaron un pouquiño o asunto durante uns anos e agora están aquí de volta. Cando alguén canta algo que non lle gusta ao réxime ou que pode destapar algunha das súas vergoñas, directamente o van sinalar.

 

Na TVG soa un dos seus temas nas ráfagas de publicidade.

Usa un lapso pequeno, evidentemente sen letra e sen mensaxe, tan curto que nin sequera teñen que pagar dereitos de autor. Supoño que é un guiño dalgún traballador ou traballadora a nós, e iso si que nos encanta, pero ningún orgullo de aparecer nunha televisión totalmente manipulada que nunca da cabida a nada fóra do que eles queren amosar.

 

Teñen moitos seguidores novos. Hai futuro para o galego?

Si, todo se vía moi negro e tal vez agora, co fenómeno das Tanxugueiras, podemos captar un pouquiño de amor e quero crer que esa xeración que hoxe canta as Tanxugueiras terá certa sensibilidade co asunto. Por aí podemos ver unha porta aberta á esperanza, mais a situación é realmente dura. A miña xeración tiña os debuxos animados en galego na TVG e agora non hai iso.

 

Conmovedora a fichaxe de Iñaki.

Iñaki ten 20 anos e desde os 4 acudía co seu pai aos concertos. Era o noso fan máis novo e temos mogollón de imaxes con el, vímolo medrar, tal e como dicimos na canción “Terra”. Coa pandemia, Simón, o guitarrista desde o inicio, tivo que deixar o grupo e as voltas que a música nos dá nos levaron ata Iñaki. 

Gabri Reigosa | “A liberdade de expresión é unha mentira que nos tentaron coar”

Te puede interesar