Mi cuenta

Las notificaciones están bloqueadas. ¿Cómo desbloquear?
El Ideal Gallego Fundado en 1917

Mi cuenta

Las notificaciones están bloqueadas. ¿Cómo desbloquear?
Betanzos

Reportaje | Un cadro de San Domingos, un selo de Manila e o misterio de Olimpia Tourné

0620_bonilla_redideal_251121_veronica.gif
0620_wayalia_redideal_251121_carlos.gif
liceo620

Un cadro da Torre de San Domingos asinado por O. Tourné en 1906 e unha táboa co selo da Compañía de Tabacos de Filipinas. Con só estes datos e moita interese, os responsables do Museo das Mariñas acaban de resolver un misterio que, como tantos, evidencia esa intensa vida cultural da que sempre alardearon en Betanzos.

En outubro de 2022, unha veciña da cidade, Natalia Buyo, mercou unha pintura nun anticuario da Coruña e, como aparecía San Domingos, donouno ao Museo das Mariñas. Aquilo era Betanzos e era en Betanzos onde tiña que estar, aínda que nin ela nin ningún dos que consultou sabían a quen correspondía a sinatura O. Tourné. “Preguntamos e buscamos información pero non atopabamos nada”, explica o director do museo, Ángel Arcay,

“Había quen sospeitaba dalgún dominico que logo puidera ter ido a Filipinas ou mesmo que levasen unha fotografía ou un bosquexo e logo fixesen o cadro...” pero nada que puideran confirmar ata que, de casualidade, investigando outros asuntos, reparan na listaxe de alumnos da escola de artes de Javier Martínez Santiso. “Daba clases particulares de pintura sobre todo a xente de boa posición social, moitas veces fillos e fillas de familias importantes de Betanzos”, indica Arcay.

Así, aparecen unha ducia de mulleres: Dolores e María García Ramos, María Couceiro, Concha Costas Amenedo, Pilar Touza, María Montoto, Manola Zuloaga, Joaquina García Iribarne, María Lago Pereira, Amparo Álvarez, Lola Naveira Beade, e varios homes –mesmo algún coñecido artista– como José Alguero Penedo, José Paz Vila, Ignacio Núñez Colomer, José Seijo Rubio, Juan Navaza Picado, Antonio Núñez Díaz.

Tamén Olimpia Tourné ¿A autora do cadro de San Domingos? No museo cren que si porque, tirando do fío, atopan a unha Olimpia Tourné Pozo nos rexistros municipais de 1897 e 1910. Nacida en Sevilla o 30 de agosto de 1877, vive cos seus pais Ramón Tourné Camacho, orixinario de Algeciras pero veciños da cidade desde 1895, e María de la Concepción Pozo Camacho,  coma ela, tamén natural de Sevilla. Comparten casa tamén con Leonor Seco Civela, do mesmo ano que Olimpia e que traballaba como criada cos Tourné Pozo.

No padrón de 1910, o proxenitor aparece como ‘tenedor de libros’, na empresa dos Etcheverría, e a autora do cadro, de 39 anos de idade e solteira, como ama de casa, rexistrados ambos como residentes no número 8 de Sánchez Bregua, a actual Rúa do Castro. Con eles vive unha menor, de só 11 anos: Concepción Tourné Jiménez. Neta de Tourné Camacho, a nena é orixinaria de Filipinas, o que pode explicar a procedencia do selo do reverso do cadro, como sospeitan os responsables do Museo das Mariñas.

As indagacións levadas a cabo  desde o complexo cultural acabaron por aclarar que Olimpia tiña un irmán, Vicente, encargado de artillería en Valladolid e Ferrol e en 1896 foi destinado a Filipinas. “Seguramente fose o pai desa nena que vivía na casa familiar e produto das súas viaxes pode ser o da táboa, seguramente reaproveitada, onde aparece o selo da Compañía de Tabacos de Manila”, engadiu Ángel Arcay.

Agora, o cadro da Torre de San Domingos pasará a engrosar a  colección pictórica do museo, e a obra de Olimpia Tourné compartirá espazo coas de Rosina Martínez ou Sofía Feliú. E quen sabe se, grazas á resolución deste e outros misterios, alguén atopa as creacións de máis discípulos ou discípulas de Javier Martínez Santiso. Para seguir ampliando o Museo das Mariñas e agrandando a historia de Betanzos.

Olimpia Tournu00e9
Cadro de Olimpia Tourné 
0620_alba_cocinas_redideal_251121_cristina
0620_arte_floral_calo_251121_carlos
0620_dans_relojeros_redideal_260109_cristina
0620_pazo_santa_cruz_redideal_251121_cristina.gif
0620_puertas_delfin_redideal_251212_cristina
PRIMERA-LINEA-620