Nobres, campesiños, mouros e señores na croa do Castro de Untia. Berros, axitación e medo no campo, extramuros, entre San Domingos, San Roque e Santo Antonio. Betanzos volverá a mergullarse no subterráneo da súa historia para celebrar a Feira Franca Medieval 2025. “A mellor do mundo”, insiste a alcaldesa, María Barral. Deste xeito, con menos curiosidade pero case co mesmo entusiasmo que en 1998.
Unha representación de Noite Bohemia no Azougue activa esta noite a chave que autoriza aos veciños a volver varios séculos atrás e recrear os seus anos de maior esplendor, da man do Señor de Andrade, do notario Xoán Branco e os sobreviventes do incendio que asolagou a cidade aló polo 1569. Antes, mañá xoves ás 20.30 horas, os nenos poderán achegarse a través dun roteiro ao Betanzos da Idade Media.
Con todo, será o venres, coa entrada do Bó e de Sancha Rodríguez; dos seus vasalos e opositores; cas danzas medievais e o pregón de Xan Munín Neira, exprofesor de Lingua e Literatura Galega do IES Francisco Aguiar, cando se abra de maneira oficial unha nova edición desta cita co medievo inescusable para a cidadanía de Betanzos. Tamén a carreira de bocois, coa que o Club de Baloncesto Santo Domingo representa o suceso que arrasou con todo no século XVI.
Para a rexedora, as claves do éxito da Feira Franca de Betanzos son dúas: o escenario no que se desenvolve e a sólida implicación da veciñanza, non só a través dos voluntarios, que se acercan aos 130 e que se encargan de recrear algúns dos capítulos máis soados daqueles anos, senón dos centos de betanceiros e betanceiras que non dubidan en vestir de época; dos comerciantes e hostaleiros que engalanan os seus negocios e sacan á rúa as súas mercadorias, e dos artesáns que se instalan estes días na Cidade dos Cabaleiros. “En total son 130, dos que 25 corresponden a asociacións e vendedores de Betanzos”, indica Barral.
En relación con este asunto, que obriga a rexeitar ducias de solicitudes cada ano ao non dispor de espazos suficientes, a alcaldesa asegurou que non se amplían “por seguridade”, xa que “a singularidade e as características do casco histórico impiden a súa extensión pola necesidade de contar con vías para a entrada de saída de vehículos de emerxencias”, sinalou a alcaldesa, quen apuntou á colocación dun ‘Punto Violeta’ na contorna na Fonte de Diana Cazadora.
O cartel deste ano, un deseño do ilustrador betanceiro Luis Galán, sitúa a desaparecida Porta da Vila no centro, arrodeada de cabaleiros, igrexas, escudos e ata o búho, outro ‘clásico’ da Feira Franca de Betanzos.