
Una exposición de máis de oitenta caricaturas escollidas entre más de mil obras confirman estes días o que moitos xa sabían en Betanzos. O indiscutible talento dun home que leva case toda a vida debuxando: Antonio Palla.
A mostra, organizada pola Asociación Cultural Eira Vella en colaboración co Concello de Betanzos, pode visitarse ata o 30 deste mes de setembro na Sala Jesús Núñez do Edificio Arquivo (Liceo).
Entre rostros de veciños, da cidade e da súa contorna, Trump e Arafat; Pedro Sánchez e Aznar; Yolanda Díaz e Irene Montero; Penélope Cruz, Sofía Loren ou Marilyn Monroe; Rafa Nadal e Alcaraz, Vinicius, Ronaldo ou Simeone. “Uns coñecidos mundialmente e outros a menor escala, mais o autor quixo xuntalos a todos”, explica Xesús Torres en representación da entidade organizadora do evento, quen incide na dificultade da caricatura, unha arte “que non está ao alcance de todos os debuxantes”, aclara o dirixente de Eira Vella.
Hai tamén espazo para Elvis Presley, de quen realizou decenas de caricaturas, algunhas tan traballadas que lle levaron tres meses de elaboración: “A miña preferida é unha de perfil, onde o sorriso se torce lixeiramente cara ao pómulo esquerdo: unha síntese da súa vida e traxectoria”, resume Palla.
O autor, quen se achega a cada un dos seus traballos co mesmo entusiasmo, decidiu renunciar aos textos explicativos para convidar ao visitante a xogar ao recoñecemento, espremer a memoria e o coñecemento colectivo para identificar a cada un dos que alí se retratan, que non son máis que un 20% da obra de Palla. “En total teño máis de 1.300 debuxos gardados no móbil, pero hai moitos máis que entreguei e non arquivei”, afirma o autor, quen se confesa admirador de Castelao e Álvaro Cebreiro; de Honoré Daumier, cuxas caricaturas voluminosas puido admirar no Reina Sofía de Madrid; e de Albert Hirschfeld, todo un referente nos Estados Unidos, de “trazo extraordonario”, asegura Antonio Palla.
O seu estilo, inconfundible, baséase na busca do esencial: un perfil, un sorriso torcido, uns ollos entrecerrados... e a maxia acontece: “Hai caricaturas que están resoltas cun punto, cunha liña... A síntese é fundamental”, insiste o artista, que sitúa a súa estrea en 1979, “cando empecei a pintar o Globo de San Roque”.
Os seus deseños, inconfundibles despois de vintedous anos de colaboración ininterrompida na que ilustrou máis de noventa cuarteróns, voaron no aerostato ata 2000: “Son debuxos de tres metros e medio. Hai que calcular moi ben as proporcións, especialmente cando se trata de corpos femininos. A miña técnica foi acurtar o torso e alongar as pernas, porque o globo ensancha moito no centro”, sinala o artista, que en 2022 reanudou o seu idilio con Globo de Betanzos.
Pero Palla non só fixo caricatura, xa que ten debuxos de cabalos, felinos e incluso ilustracións arqueolóxicas, así como álbums completos sobre temáticas concretas e mesmo carteis, como os das Festas de San Roque dos anos 1987 e 1988. Uns anos que coinciden coa súa presencia nas páxinas de El Ideal Gallego, no que exerceu ata que, por motivos de traballo, marchou cara Madrid. “Daqueles anos gardo un recordo imborrable, das viñetas políticas, debuxos ao vivo de persoeiros do día en María Pita e no Parlamento de Galicia”, destaca Antonio Palla.
“Creo que nacín caricaturista porque, na miña opinión, o debuxante nace, aínda que despois poida perfeccionar a técnica. É un don natural”, asegura o autor, que agora baralla a idea de editar unha publicación na que recoller parte do seu traballo, e mesmo organizar unha nova exposición coma esta que protagoniza en Betanzos que, 35 anos despois da súa última mostra na súa cidade natal, "xa tocaba", apuntan desde Eira Vella.
“A caricatura auténtica está desaparecendo, pero mentres eu siga, seguirá existindo. Ata o último suspiro da miña vida, seguirei facendo caricaturas”, sentenza Antonio Palla Cabanas (Betanzos, 1952).











