domingo 26.01.2020

Xabier Maceiras | “Fai falta apostar polo galego e a cultura, o Día das Letras ten que ser sempre”

O escritor Xabier Maceiras lanzará nuns días, o 27 de maio, as súas “Crónicas de Arteixo” en formato papel, despois de superar recentemente as 200.000 visitas no seu blog, que leva o mesmo nome e que recupera as historias do Arteixo esquecido, o de antes do polígono de Sabón e de Inditex.

Maceiras posa co seu último libro | manuel soto
Maceiras posa co seu último libro | manuel soto

O escritor Xabier Maceiras lanzará nuns días, o 27 de maio, as súas “Crónicas de Arteixo” en formato papel, despois de superar recentemente as 200.000 visitas no seu blog, que leva o mesmo nome e que recupera as historias do Arteixo esquecido, o de antes do polígono de Sabón e de Inditex.

Non será unha presentación ao uso, xa que levará aparellado un roteiro polos lugares emblemáticos do municipio de todos os tempos, desde a casa onde naceu Arsenio Iglesias –”todo o mundo sabe que O Raposo é de Arteixo, pero moi poucos onde vivía”, di Maceiras– ata, por suposto, o balneario, no seu momento motor económico da vila. “Remataremos no edificio onde se ubica agora o café Melandrainas, que foi a casa de Manuel González Berao, un personaxe local cunha vida moi interesante que acabou de chófer do trolebús A Coruña-Carballo”, apunta o autor.
Maceiras recoñece que coas súas “Crónicas”, que comezou a escribir en setembro de 2014, pretende poñer en valor o traballo que facían, nos anos 90, o Boletín Informativo Municipal e a radio de Arteixo. “Gústame falar coa xente que xa ten unha idade, que viviu unha vila diferente á que temos. Eu teño nostalxia daquel Arteixo de antes, no que se falaba cos veciños e se daban os bos días. Agora somos unha pequena cidade, sempre ás présas”, sinala o escritor, quen tamén se encontra inmerso noutros proxectos –como un documental sobre as expropiacións de Sabón e un libro sobre a historia do fútbol en Arteixo e A Laracha, entre outros–.

Historias nas parroquias
Xabier Maceiras, veciño do Rañal, tentou que no seu libro “estean representadas todas as parroquias de Arteixo”, aínda que apunta que, obviamente, “a vida daquela época estaba no centro do municipio e moitos post son sobre o balneario, o cine, a sala de festas... Téñolle moito cariño a un que escribín sobre a fábrica conserveira A & J Salgueiro do Rañal, onde traballaba miña nai e no que fixen o meu pequeño homenaxe a todas as miñas veciñas empregadas alí”.

Despois de case tres anos de andadura co blog, as “Crónicas” pasaron agora a papel da man de Edicións Embora, no que é un primeiro volume con 38 artigos. A idea, explica o escritor, é que poida haber segunda parte, ou incluso terceira, no futuro. Historias non lle faltan, afirma: “Despois de tanto tempo, agora hai xente que me ensina fotos ou conta cousas. Gústame que estas historias queden recopiladas e non se perdan no esquecemento”, manifesta.


Para Maceiras, Arteixo conta cun gran ambiente literario “pero a cidadanía non o palpa”. Por iso, solicita ao Concello “unha aposta rotunda pola cultura, desde os grupos locais de música ata os artistas e escritores, que hai moitos”. Unha aposta que fai extensible a todas as administracións, ás que nun día coma o de hoxe, dedicado ás Letras Galegas, tamén anima a fomentar e reivindicar o uso do galego. “O Día das Letras ten que ser sempre, igual que o Día da Nai ou o dos namorados”.

“Crónicas de Arteixo” conta cun prólogo do escritor e xornalista local afincado en Zaragoza Antón Castro, a quen Maceiras agradece a súa colaboración.

Comentarios