“A única imaxe que existe dun líder burgués da época irmandiña está en Betanzos”

“A única imaxe que existe dun líder burgués da época irmandiña  está en Betanzos”

Coincidindo coa XIX Feira Franca Medieval de Betanzos, El Ideal Gallego conversa con Alfredo Erias. Director do Museo das Mariñas e do Anuario Brigantino, e autor da tese de doutoramento “Iconografía das tres Igrexas Góticas de Betanzos” (Sobresaliente Cum Laude na Universidade de Santiago), é o elixido para sinalar os acontecementos históricos polos que apostar para consolidar a posición da cita betanceira en España. Ninguén coma el coñece os misterios de Santa María do Azougue, de Santiago e de San Francisco. 

Contribuiu a Feira Franca de Betanzos á promoción do seu pasado medieval ou, pola contra, considera que a cidadanía non é consciente da súa importancia na Idade Media? 
Desde logo foi unha iniciativa moi positiva para Betanzos. Porque aínda que a cidadanía non sempre sexa consciente, pasear por Betanzos é pasear por unha vila medieval, pola Idade Media.

Hai algún capítulo da historia local que, pola súa importancia, debería terse representado na Feira Franca de Betanzos?
Eu creo que habería que encargar a algún dos nosos escritores, que además son moitos e moi bós, a teatralización do Levantamento Irmandiño. Creo que sería moi importante, non só como capítulo destacado da historia local, senón que trascendeu a todas as vilas e cidades galegas chegando a destruir case a totalidade dos castelos de Galicia. Por outra parte, no Museo das Mariñas temos a un dos alcaldes da Irmandade. A de Afonso de Carvallido é a única imaxe dun líder burgués da época irmandiña, quen ademáis naceu en Betanzos. Porque A Coruña, Pontedeume e Betanzos resultaron claves nun movemento que abarcou toda Galicia.

Contra os Andrade...
Contra os Andrade. Porque os Andrade eran moi interesantes no século XIV, pero no XV a xente non os soportaba, e razóns parece que había, así que, como xa dixen, pola súa importancia para este cidade e para toda Galicia, o tema irmandiño está pendente na Feira Franca de Betanzos.

Cal foi o papel da cidade na Revolta Irmandiña? Moito se ten escrito de cabaleiros, de cabecillas nacidos en Betanzos... Pero, que aporta a cidade á Irmandade de Galicia?
Debeu ser moito, e nese sentido temos o “Pleito Tabera-Fonseca” que nos fala dunha serie de betanceiros, non soamente de Afonso de Carvallido, senón de Xoán Branco e Alonso de Lanzós, que aínda que era un cabaleiro, aparece ligado aos grupos populares, os verdadeiros protagonistas do levantamento irmandiño. Despois hai detalles que non será posible coñecer exactamente, pero o “Pleito Tabera-Fonseca” sinala o que pasou na cidade, case podemos reconstruir os discursos do século XV...

A de “O Bó”, Fernán Pérez de Andrade, parece unha figura marcada pola lenda... Foi tan importante para Betanzos?
Foi importantísima, de iso non cabe ninguna dúbida...

O gran mecenas de Betanzos?
Si, porque fixo obras civís importantes (pontes, hospitais...), pero foi sobre todo foi o gran mecenas da orde franciscana, porque lle interesaba a el... Andrade necesitaba xustificar o seu poder e, para iso, tiña que aliarse coa Igrexa, con algún sector da Igrexa... Os franciscanos non lle creaban ningún problema, pois a castidade, a obeciencia e a humildade non crean ningún... Crearíanlle máis problemas os cistercienses de Sobrado ou Monfero... Así que se alía cos franciscanos, constrúelles as tres igrexas, pois son moi protagonistas na iconografía dos tres templos, a cambio de que lle permitan enterrarse no ábside de San Francisco. Ese é o precio. El quere teatralizar o seu poder, xustificalo socialmente... e símbolo desa alianza é o cordón franciscano da figura do seu sepulcro de San Francisco... 

Por que é un fito da historia da arte o sepulcro de “O Bó”?
É un fito por bastantes razóns. Na Península Ibérica hai sepucros do século XIV con escenas de caza... Os fillos de don Dinís e cabaleiros que os imitaron, pero na España actual, é o único. A importancia está en que, como el quere que o visualicen como un heroe á maneira antiga, o que fai é copiar sarcófagos do Baixo Imperio Romano, dos séculos III e IV. Este é un dos elementos clave, que ademáis coincide co feito de que mande traducir ao galego a “Crónica Troyana”. Tamén é singular que estea sobre un oso e un porco bravo...

Por que? Son os animais da familia, o símbolo dos Andrade...
Por razón de propaganda. Hai que ver sempre propaganda política, propaganda de poder... El elixe, fundamentalmente, un porco bravo. Dependendo das obras, iso sí. Se son civís, como unha ponte, acostuma escoller un oso e un porco bravo, pero se é unha igrexa, coloca un porco bravo e, enriba del, unha cruz. O porco bravo significa Andrade, é o seu símbolo emblemático, e a cruz alude á Igrexa. O que está dicindo é que el levantou ese templo, que leva ás súas costas a Igrexa...

De todos os sepulcros existentes nas igrexas betanceiras hai algún que chame especialmente a atención de Alfredo Erias? Hai un sepulcro que deu lugar a unha certa lenda recentemente porque houbo un escritor que dixo que era un sacerdote mogol ou mandarín chinés, pola súa barba enrolada... Aínda que era máis interesante para a xente que fora iso, é imposible, totalmente descabellado... A roupa, unha garnacha, é medieval, europea... O que non sabemos é quen é. Pode ser un médico ou, cando menos, alguén moi próximo a Pérez de Andrade.

Cal é a máis sorprendente, a que agocha máis segredos das tres igrexas de Betanzos?
Non me atrevería a dicir unha porque as tres se complementan. De feito, hai algún tema iconográfico que non se entende ben se non se estudian as tres. Penso, por exemplo, no Nacemento. Para entendelo hai que dar un paseo polas tres. Pero tamén no pecado de soberbia, na demonización dun personaxe que é herdado de Ulises e dos filósofos clásicos, un vello con barba longa que os franciscanos demonizan como símbolo de soberbia...

Despois de tres decenios de investigación, o historiador abegondés bota de menos aquelas sensacións de descubrimento que puido sentir en Santa María, Santiago e San Francisco.

De todo canto atopou durante os tres decenios de investigación, cal foi o achado que vostede considera máis importante en Santa María, Santiago ou San Francisco? 
Quizáis, polo que significa no mundo da investigación, polas tantísimas voltas que se lle deu... o pomo da espada de  Andrade, que ten unha estrela hexalfa... Eu mesmo antes de chegar ao que creo que é...

Que cree que é?
É unha imaxe emblemática de Deus como luz. Nas igrexas camíñase da escuridade de occidente á luminosidade de oriente, onde estaría Deus, ao ábside, á capela maior... Por iso tamén, no gótico e no románico, a luz non entra de calquera maneira no recinto sagrado, entra a través de formas simbólicas que nos falan de Deus. E esta é unha desas formas, que nos vén de Mesopotamia, da propia Israel... Logo, ademáis, cristianízase porque no centro ten catro follas en forma de cruz, e aí tamén está Cristo. Iso quere dicir que Andrade entérrase como un soldado de Deus ou de Cristo e os soldados de Cristo son os templarios e, aínda que non había templarios nesa época, si sobrevivían, en Portugal con outro nome, a Orde de Cristo. O mestre desa orden era o irmán de Fernán Pérez, Nuño Freire de Andrade...

De aí a tan nomeada vinculación dos Andrade co Temple?
Por iso e porque Fernán Pérez de Andrade, en boa maneira, tamén se fixo coas posesións da Orde do Temple.

Por estas tres igrexas a Betanzos colgáselle a etiqueta de Capital do Gótico de Galicia. Podería ser excesiva??  
Esa etiqueta... xuraría que lla puxen eu mesmo, e non é excesiva para nada, podemos dicilo con total tranquilidade: é a capital do gótico galego cunha diferencia esaxerada. A iconografía é riquísima, de capiteis, de canzorros. Despois, chama a atención a gran cantidade de sepulcros. Máis dunha vintena son antropomorfos e abarcan un arco social moi amplo. Tamén temos auténticos iconos, como o calendario agrícola de Santa María, o único medieval completo de Galicia, ou a única imaxe dun líder irmandiño, un alabardeiro, varias donas...

Escoitelle unha vez, que mesmo a moda se pode observar nos sepulcros de Betanzos.
A moda medieval máis importante da muller en Galicia parte da primeira esposa de Andrade (XIV), con gran influencia na Coruña, pero tamén en Santiago, en Melide, en Sobrado... Chega a Pontevedra, a Noia, a Fisterra... É unha moda de moitísimo éxito e dura un século, porque a última representante é precisamente Clara Sanches (XV), a muller de Carvallido.

“A única imaxe que existe dun líder burgués da época irmandiña está en Betanzos”

Te puede interesar