“Soziedad Alkohólika é unha banda totalmente legal; o rock ten que ser subversivo e molestar”

“Soziedad Alkohólika é unha banda totalmente legal; o rock ten que ser subversivo e molestar”

Ramón Boga vivía por e para o Museo Arqueolóxico cando o seu partido político, Unión por Cambre, logrou a Alcaldía nas pasadas eleccións de 2015 e pasou a dirixir a Concellería de Cultura. Apaixoado da literatura, Boga respira e sente a cultura e loita cada día para que non se perdan as tradicións galegas.

Recentemente foi moi criticado pola elección de Soziedad Alkohólika como cabeza de cartel do Rockin Cambre.
O PP dicía que era un grupo con cancións lesivas coas forzas de seguridade do Estado e asociacións de vítimas do terrorismo, alegando que tivera varias denuncias. Esas denuncias non foron adiante e o Tribunal Supremo arquivounas, e ademais desde o Goberno local comentamos o tema coa nosa Policía Local e non puxeron ningunha obxección. Soziedad Alkohólika é un grupo con todas as autorizacións legais para tocar en calquera sitio de España e fai rock, e se fas rock tes que ser subversivo e molestar, porque consiste na crítica social, política...

Ademais, foi unha elección dos rapaces músicos da vila.
Exacto. Tendo en conta que o Rock in Cambre celebra este ano o seu 25 aniversario, quixemos recuperar o espírito co que comezou o festival, cando era feito polos rapaces da vila. Falamos coas bandas de rock e as asociacións xuvenís e elas mesmas escolleron a SA maioritariamente. 

¿Cren que o festival necesitaba un cambio?
É unha fórmula que empezaba a estar esgotada e por iso nós propuxemos, este ano, facer dous días de festival. Co que se facía ata agora, a xente chegaba sobre as 20.00 e marchaba de Cambre sobre as 3 da mañá, co cal toda esa afluencia de público non revertía en todo o tecido empresarial da vila, senón só na hostalería. Este ano propoñemos que a xente pase dous días por Cambre e no cartel están SA, El Último Ke Zierre, The Pink Tones y The Real Mckenzies, ademais de grupos locais. Tamén haberá unha exposición no Museo Arqueolóxico, que repasará os mellores momentos do festival a través de fotos e material diverso.

¿Manterase esa fórmula de dous días de concertos nos anos seguintes?
Depende de como funcione esta edición. Evidentemente este ano é especial porque se cumpren 25 anos, pero se sae ben quizais poida implantarse para o futuro.

Moitos veciños están preocupados polas festas de Cambre.
Nas festas estábanse gastando entre 80 e 100.000 euros en tres días de orquestras e para nós foi unha decisión moi difícil non organizalas, pero vemos un agravio comparativo coas outras parroquias, nas que existen comisións que se encargan tanto de facer as festas como de pagalas. Non é lóxico que as demais parroquias, cos seus impostos, estean pagando as festas de Cambre; e fastidia tomar este tipo de decisións, pero os orzamentos son os que son. Hai cousas máis importantes nas que gastar os cartos, como os Servizos Sociais ou o arranxo de camiños e estradas.

¿Non haberá festas, entón?
Haberá un día de festa. O día 16 de agosto, por ser festivo en Cambre, haberá sesión vermú, xogos infantís pola tarde e verbena nocturna. E o 15, como vén sendo habitual, actuará a banda Sementeira. A programación cultural de verán no concello é moi completa, non creo que poida haber queixa porque hai actividades prácticamente diarias. Haberá concerto de Susana Seivane, noites de jazz, teatro, animación... A oferta cultural é potente, só reducimos o gasto en orquestas, que era altísimo para só tres días.
Como novidade este verán, unha romería galaico romana.
Si, comeza o 15 de xullo e durará unha fin de semana. Esta feira non é un sustituto da festa, como algunha xente pensa, senón que é unha actividade máis que xa levabamos no programa electoral en 2011 e repetimos no 2015. Con esta idea queremos dar a coñecer Cambre doutra maneira, aproveitando que temos uns xacementos arquelóxicos tremendos no centro da vila: un castro en perfecto estado, o xacemento romano, o propio campo da feira... E a nosa igrexa de Santa María, que non é desa época pero é unha xoia do municipio.

¿En que vai consistir?
Cambre terá dous escenarios: no castro se recreará unha aldea castrexa e no campo da feira estarán os romanos. A rúa Wenceslao Fernández Flórez servirá de unión entre os dous pobos e alí se colocarán postos de venda de todo tipo de produtos. Comezamos o ano pasado as charlas nas parroquias para informar á xente de como vestirse ese días e das actividades nas que se pode participar.

¿Coñece a xente as culturas castrexa e romana?
Pouco a pouco van coñecéndoas e sumándose as iniciativas que levamos programando desde fai meses no Museo: charlas sobre a vestimenta romana e castrexa, sobre a vida dos lexionarios, etcétera. Temos que darlle as grazas á Asociación de Recreadores de Galicia, que imparte estas actividades. O importante deste evento é que é unha posta en valor de Cambre e do coñecemento da nosa historia. O que somos, dalgunha forma, ten que ver co que fomos no pasado.

¿Que foi da súa idea de excavar o castro de Cambre?
Sigue sendo unha idea, pero é necesario un Plan Director. Non se poden facer cousas faraónicas, aínda que un alcalde decida destinar dous millóns de euros a excavar o castro, despois son necesarias labores de mantemento e iso é o realmente complicado. Cada parroquia de Cambre, prácticamente, ten un castro; pouca xente coñece esta riqueza castrexa coa que contamos.

Puxeron en marcha iniciativas como a visita do Apalpador no Nadal ou “Contos na lareira”, para fomentar as tradicións galegas entre os nenos.
A miña concellería chámase de Cultura e Tradicións Populares porque tratamos de recuperar algúns costumes que nos caracterizaron como pobo. Estamos traballando sen descanso para dotar a Cambre dunha oferta cultural ampla e variada e cremos que nunca houbo tanta programación de actividades como agora. Seguramente cometamos moitos fallos, pero tentamos facer as cousas o mellor que podemos.

“Soziedad Alkohólika é unha banda totalmente legal; o rock ten que ser subversivo e molestar”

Te puede interesar