Seivane cumpre oito décadas de investigación, traballo e paixón pola gaita

Seivane cumpre oito décadas de investigación, traballo e paixón pola gaita
El Ideal Gallego-9999-99-99-999-218b2040

Hai oitenta anos, Xosé Manuel Seivane Rivas construíu a súa primeira gaita na súa localidade natal, Ribeira de Piquín (Lugo), poñendo a primeira pedra dun “imperio” que acabaría por converterse no “apelido da gaita”, como reza o seu lema. A firma Seivane, que en 1994 trasladou o seu obradoiro á localidade cambresa de Volteiro, en Cecebre, constitúe un exemplo de empresa familiar de éxito en Galicia, na que traballan varias xeracións.

“Noso pai amou a gaita dende pequeno, cando era novo tiña moitos oficios: zoqueiro, perruqueiro, facía mobles, amañaba escopetas... Era moi habilidoso, tiña un gran talento natural e moito enxeño, ao que se unía un moi bo oído musical. Esta combinación de artesán e gaiteiro era excepcional, non era habitual na época”, apunta Álvaro Seivane, un dos fillos do “patriarca”, quen lembra a seu pai sempre traballando “na busca permanente da perfección”. 

Xosé Manuel, irmán de Álvaro, asegura que naceron entre gaitas, destinados a dedicarse a este sector. “Dende pequenos xa facíamos no torno os nosos xoguetes, os rulos da nosa nai, que era perruqueira... Sen darnos conta fomos amando a gaita igual que o noso pai”, indica, e engade que un dos obxectivos do obradoiro nos seus comezos era reducir os prazos de entrega no oficio, con máis capacidade de produción e coa pretensión de modernizar os tradicionais sistemas construtivos.

Traballo en familia
O fundador de Seivane, que finou en xaneiro do 2012, nunca pensou converter a marca no referente musical que é hoxe. Actualmente son oito persoas as que traballan na empresa, entre elas Saínza Seivane –filla de Álvaro e irmá da gaiteira Susana Seivane– e Roberto Portela Seivane –fillo de Clara, a irmá de Álvaro e Xosé Manuel–.  

Gaiteiros de todo o mundo utilizan os seus instrumentos e, con motivo do 80 aniversario, a firma está a recibir mensaxes de lugares como a Patagonia, Australia, EEUU, Perú, México ou Arxentina, entre outros. Din que están preparados para a gran demanda que teñen: “Temos a maquinaria máis moderna pero traballamos sempre sen perder de vista a tradición. Gústanos que cada gaita que sae do noso taller pase polas nosas mans, por eso temos limitada intencionalmente a produción”, di Álvaro.

A familia Seivane trata de “reinventarse” cada día e continúan investigando e estudando cada detalle, “buscando o punteiro perfecto, a gaita perfecta”, comenta Xosé Manuel, quen afirma que un dos piares da marca é a comunicación continua entre o artesán e o gaiteiro.

“As gaitas Seivane ofrecen un rexistro dunha oitava e media e pódense alcanzar, cunha técnica especial, as dúas oitavas, á vez que ofrecen un cromatismo de calidade que abriu novas posibilidades musicais. Ademais, potenciouse a incorporación de materiales nobres como a alpaca ou a plata para os anelados”, sinalan desde a empresa, tamén coñecida grazas á música de Susana, neta do fundador e unha das figuras deste instrumento en Galicia. 

Para celebrar este 80 aniversario, Seivane ten en marcha no seu Facebook –ata o 17 de maio– o sorteo dunha gaita conmemorativa e aseguran que haberá máis sorpresas e iniciativas.

Seivane cumpre oito décadas de investigación, traballo e paixón pola gaita

Te puede interesar