lunes 28/9/20

José Luis Fernández Mouriño | “Carral é o único municipio do segundo cinturón da cidade que medra en poboación”

Alcalde Cre que as eleccións xerais serán “moi importantes” para o desenvolvemento dos municipios e carga contra a lentitude da burocracia, que ralentiza o crecemento local

O rexedor carralés posa diante da Casa Consistorial do municipio | quintana
O rexedor carralés posa diante da Casa Consistorial do municipio | quintana

José Luis Fernández Mouriño (Carral, 1962) leva desde 2003 á fronte de Carral e afirma que non sente “desgaste” e que o seu proxecto ten aínda “moito que facer polo municipio”.

Empézase a notar o estrés das eleccións?
Estas eleccións xerais van ser moi importantes. Aínda que os alcaldes esteamos pensando exclusivamente nas municipais, as xerais teñen moita relevancia porque Carral depende moito de quen estea gobernando en Madrid. Para quitar adiante unha cousa no concello, incluso con partidas xa aprobadas, lévanos moito tempo polos prazos de contratación. Somos 6.500 habitantes, imaxina no Goberno central con 40 e pico millóns de persoas. Por iso interésame que o PP saque un bo resultado en Carral, en Galicia e en toda España porque vou ter as portas máis abertas en Madrid.

Que teñen paralizado agora?
No 2003 tomei posesión e xa no 2004, co PSOE en Madrid, tiñamos perfilado o cambio de solo nunha parte do polígono de Os Capelos, de residencial a industrial, pero neses oito anos houbo unha parálise. Fun moitas veces a Madrid pero aquilo non dou arrancado. Tamén poderá dicirse que despois estivo outros oito anos Rajoy e tampouco se logrou, pero cando estivo de ministra Ana Pastor adiantamos moitas cousas. Quen impulsou a rotonda da Rocha foi ela, porque era galega. O seguinte, Íñigo de la Serna, adecentou un pouco a N-550 pero seguiron paralizando as variantes de Ponte Lago e Herves, que seguen sen cedelas.

Non hai desgaste persoal?
A palabra ilusión usámola todos, pero todos os días xurden cousas e o noso proxecto non está nada rematado. Desgaste, desgaste, non, porque eu non son dos alcaldes máis novos pero arredor teño exemplos como os alcaldes de Abegondo, que leva 20 anos; Oleiros, que leva desde que naceu; Carballo, A Laracha, Cerceda ata que o inhabilitaron... E Cambre que tivo 26 anos a Tonecho e Culleredo máis de 30 a Julio Sacristán. Sempre quedan cousas por facer e agora temos máis experiencia e máis coñecemento das necesidades dos veciños.

Considera que cumpriu o seu último programa electoral?
Boa parte del, si, polo menos o que nos compete a nós. Dependemos doutras administracións e somos o último eslabón. Por exemplo, o saneamento é unha espiña que teño cravada, un tema no cal Augas de Galicia ten moitas atribucións. Durante estes últimos anos marcamos unhas inversións grandes e temos desde fai uns anos unha depuradora, que cando entrei non estaban facendo unha boa función. Temos tres parroquias sen saneamento e hai outras dúas que só teñen parte, nós temos un plan director e imos ampliando a rede periodicamente para garantir a auga potable. Agora vaise mellorar a depuradora de Cañás para que, incluso en tempos de sequía, contemos con auga. A miña obsesión sempre foi sentar as bases para que, se Carral crece, haxa sempre servizo. A subestación eléctrica, que tanto malestar xerou, logrou que neste concello nunca falte a corriente aínda que haxa temporais. A veces hai que sacrificar votos e pensar máis a longo prazo.

Aposta polas maiorías absolutas, pero nas xerais non ten pinta.
É o que din as enquisas, pero ata o último día non se sabe. Pablo Casado é unha persoa nova, penso que moderna, que vai a máis. Non sei se haberá maiorías absolutas, pero espero que o PP estea aí como estivo sempre, así ten que ser.

Xurdiron novos partidos en Carral e un candidato é desta casa, un funcionario. Sorprendido?
Todos somos libres de concurrir a unhas eleccións, eu admiro a inquietude dos veciños para propoñer ideas que axuden a mellorar Carral, sempre que sexa polo interés do municipio. Sería desagradable que fora por intereses particulares, eu iso non o creo. Pase o que pase nas eleccións, debe haber un diálogo entre as formacións para facer máis cousas por Carral.

Medran en poboación?
Exactamente. Carral, que non é do primeiro cinturón da área metropolitana, senón do segundo, medra en habitantes, o que non pasa en Abegondo, Cerceda e incluso Bergondo. Por algo será, algo teremos. Estamos tratando de dar todos os servizos, aínda que sabemos que faltan algúns. Os nosos adversarios dicían no seu día que non eramos capaces de ter un instituto porque non había rapaces e agora témolo. É certo que non ten Bacharelato, pero o día de mañá, se houbera nenos suficientes para telo, collería nas instalacións do IES porque se planificou para iso. O mesmo cando se fixo a Galiña Azul, dicían que non habería nenos e que se puxese un aula por cada tramo de idade, pero puxéronse dúas de cada e hoxe en día xa estamos pensando en contar con outra escola infantil, sexa pública ou privada, porque nalgunhas idades hai lista de espera.

Contarán con máis solo industrial gracias un acordo con Sepes.
Si, despois dun proceso longo por fin se conseguiu e isto é importante non só porque as empresas pagan tributos no municipio, senón porque os veciños van poder ter opcións laborais. No seu día estaba planificado e agora fomos capaces de convencer ao novo director de Sepes. O papeleo é moi engorroso, a veces parece imposible que non saian adiante cousas que son tan evidentes, pero a administración é así.

Que actuacións realizan para fomentar a inserción laboral?
Cando saen as listas do paro a primeiros de mes, encóntraste que, se divides os veciños que temos entre os parados que hai, somos o concello que menos xente no paro ten en relación ao total de habitantes. Ogallá tiveramos paro cero pero non o estamos facendo mal, e ademais en colaboración con outros concellos temos en marcha accións formativas que, en canto rematan, case todos saen con postos de traballo. Agora está funcionando un curso de xardinería e estamos orgullosos de ter acondicionado a Aula da Natureza, os traballadores dos obradoiros están facendo plantacións autóctonas, entre elas, de cepas de viño branco lexítimo. O val de Barcia e A Brexa foron no seu día lugares onde había viñedos e o Centro de Formación Agroforestal de Guísamo nos di que esta zona é perfecta para ese viño en concreto.

Un dos oficios estrela en Carral, o de panadeiro, estase a promocionar entre a xuventude?
Aí quédanos moito por andar. Como sabes, son fillo de panadeiros e cando entrei de alcalde creamos unha asociación coa idea de conseguir a identificacion xeográfica protexida do pan de Carral e consolidar a súa calidade. O proceso administrativo, de novo, é moi lento, e este distintivo ten que ir ao Ministerio de agricultura e a Bruselas. Pillounos nun momento no que estaban estrictos e o que temos é unha subdenominación dentro da etiqueta “pan galego”. É unha profesión na que se traballa moito pero a maioría das panaderías de aquí teñen relevo xeracional: na da miña familia están os fillos da miña irmá, en Da Cunha son os fillos os que a rexentan, O Pincho pasoulle o negocio ao fillo, en Panadería Mercedes está o neto de Mercedes á fronte... a tradición continúa.

Que infraestruturas chegarán proximamente?
Vasme chamar pesado, pero volvo falar da burocracia. Temos en Carral inversións que rondarán os 800.000 euros e están sen contratar polos prazos dos trámites, como pode ser o andén de Tabeaio a Carral ou a finalización dos pasos de peóns intelixentes, actuacións de seguridad vial en varias rúas... Temos proxectos de saneamento e mellora de canalizacións, acondicionamento das instalacións deportivas, cubrir as pistas de pádel e os arreglos nos locais sociais do municipio. O que pode coincidir é que agora se vexan moitas máis obras na rúa e a xente diga que son polas eleccións, pero por min se terían feito moito antes. Non é algo premeditado. Estes días vai comezar a reordenación do tráfico e dos autobuses no entorno dos Mártires e iso non é un capricho que se faga porque nos acordamos agora que veñen as eleccións, senón que é unha zona perigosa para peatóns e conductores.

Comentarios