sábado 5/12/20

Javier Gestal | “Pensei que ía respirar tras as eleccións, pero as negociacións do pacto chegáronme a quitar o sono”

Deu a sorpresa nas eleccións municipais superando o PP de José Luis Fernández Mouriño, pero asegura que quere “cordialidade” con todos os grupos e só “traballar por Carral”
Javier Gestal posa diante da Casa Consistorial de Carral | quintana
Javier Gestal posa diante da Casa Consistorial de Carral | quintana

Javier Gestal Pose (Carral, 1957), funcionario do Consistorio carralés e líder de Alternativa dos Veciños no municipio, deu a sorpresa na comarca da Coruña tras superar en votos o que era alcalde de Carral desde 2003, José Luis Fernández Mouriño.  

Alternativa dos Veciños logrou 1.503 votos, o 37,98%, mentres que o PP fíxose con 1.306 (33%) e o PSOE con 831 (21%). Unha das súas máximas este mandato, di, será atender máis os maiores, xa que a poboación avellenta e cada vez hai máis xente soa nas aldeas. Apunta que o departamento de Servizos Sociais e a Axuda no Fogar (SAF) deben funcionar adecuadamente e coidar a xente, “porque agora é unha das cousas máis demandadas”.  

Despois deste agobio das últimas semanas, entre a campaña e as negociacións do pacto de goberno, como se atopa? 

Empezo a respirar. Foi un camiño que pensei que ía ser bastante máis fácil e chegoume moito, moito. Paseino mal, podo dicilo, de quitarme o sono. E ata o pleno do pasado día 24 tivemos que chegar a un acordo para gobernar estes catro anos de maneira un pouco cómoda. Firmamos un pacto co PSOE, un bo acordo, e agora estou bastante máis relaxado.  
 
Dixo que contaba coa maioría nas eleccións e levou un disgusto. 

Non foi disgusto, o resultado foi un todo un éxito pero o ideal para gobernar tería sido a maioría para ter máis facilidade á hora de poñerse en marcha. Pero agora estamos ben, cun gran acordo.  

Sorprendeulle superar o PP? 

Despois de 16 anos de goberno do PP, sendo a primeira vez que nos presentabamos, si. Non tivemos unha campaña detrás moi forte, empezamos un mes antes das eleccións e foi moito traballo. Recorremos o concello casa por casa, veciño por veciño, cuns días de calor... Para min iso xa foi moito e pensei que xa ía respirar despois das eleccións. Pero despois do traballo veu a tensión e as noites de barrenar e darlle voltas a todo. Chegou un momento de tal agobio que pensei en deixalo, porque estiven sen cobrar desde a toma de posesión, o 15 de xuño. A miña compañeira Susana igual, ela xa desde o día 1 non cobraba porque deixou a súa empresa, e a situación facíase insostible. Teño que dicir, ademais, que o meu grupo de traballo é espectacular, desde o primeiro momento estiveron esforzándose e aínda que eu sexa o representante, os cinco membros que teño no Goberno están funcionando ao 100%. Están todos os días desde as oito da mañá e algunha vez temos saído ás once da noite estes días.

Quedou moito traballo atrasado do anterior Goberno? 

Tivemos que arranxar o tema do contrato da Axuda no Fogar, que estaba sen solucionar. Houbo que subrogar xente que estaba nas tres empresas, unha primeira e dúas “ponte”, e foi moitísimo traballo, falando cos sindicatos e coas traballadoras.   

Cales foron os problemas para confirmar o pacto co PSOE? 

A ver, é normal que cando comezas a negociar pidas moito. Tivemos cinco reunións e as cousas foron falándose, chegando a un entendemento. Nun principio Pablo [Couto] pedía Urbanismo e Obras, que finalmente vaino levar en cooperación comigo, e pouco a pouco fomos concretando as áreas para cada un.

Afirmou que “Gelo” –Ángel García Seoane– lle ofreceu ser candidato dúas veces antes de dicir que si. 

Ao final convenceume e non estou arrepentido en absoluto. Encontrei unha persoa extraordinaria a nivel humano e iso foi o que me acabou de enganchar.

Confía en sumar máis dun mandato en Carral? 

Creo que si, cun home como Gelo, co apoio que che brinda sempre, creo que si. Eu sei que ten carácter, pero é unha persoa espectacular.

Cales son as primeiras actuacións que deben acometer? 

O primeiro será facer un prego de condicións adecuado para o serviz de axuda no fogar, para sacar a concurso o contrato e que se presenten empresas. Por outra parte, xa tivemos contactos polo tema da parcelaria en San Vicente e imos ben, e tamén estamos co Plan Xeral, que temos que sacalo adiante. Vai bastante ben encamiñado, o problema dos plans deste tipo son os informes sectoriais: Augas de Galicia, Patrimonio, Fomento... Todo o mundo pide o seu. Conseguindo estas tres medidas eu xa me conformo, ademais de ofrecerlles aos veciños colaboración e axudalos en todo o que precisen. Para min a maior ilusión no meu traballo era que, despois de axudar a unha persoa maior, vías que estaba completamente agradecida e, ás veces, a punto de chorar. Aquí estamos para traballar e axudar: facemos unha xornada completa, e por iso cobramos.

Cre que vai cambiar Carral coa súa chegada á Alcaldía?

Tentaremos facelo o mellor posible, pero tanto como cambiar o municipio da noite para a mañá... Non podo dicir tanto. O tempo dirá se o fixemos ben e os veciños decidirán se queren seguir con nós. Eu estou dando o 100%. Serán catro anos de sacrificio pero se botas boa semente e abonas ben, recollerás boa colleita.

O Plan Xeral tomará medidas para eliminar os “esqueletos” de edificios sen rematar? 

Esa é outra das nosas prioridades, que se me esqueceu antes. Contactaremos coas entidades bancarias que levan isto, o primeiro sempre é falar e tratar de negociar. Non ten que ser fácil cando o municipio da Coruña, con máis poder adquisitivo, tamén ten esqueletos. Creo que é cuestión de presionar e de poñer en práctica as tres pes: prudencia, perserverancia e paciencia. 

Dicía que estaba bastante endebedado o Concello. 

Non, non é para tanto. Hai débedas, van aparecendo cousas coas que non contabas, pero non é tanto como o que pensabamos.

O anterior Goberno local reclamaba a titularidade das variantes da N-550 en Ponte Lago e Herves para telas en mellor estado. Continuarán con isto? 

Si, no seu momento pedíase a cesión destas zonas a Fomento e non creo que haxa problema para que no las dean. Será algo que continuaremos.

Pedirán máis seguridade nesa estrada, que cruza a vila? 

O que lle imos reclamar a Fomento é mellorar a seguridade na zona do IES, especialmente, e tamén á altura do CEIP Vicente Otero. Queremos que o casco urbano de Carral que se ve atravesado pola Nacional estea regulado a base de semáforos con pulsador. Igual que en Vilaboa, que está toda regulada con este tipo de semáforos. É a mesma estrada así que se Culleredo pode, nós tamén poderemos. Acabamos de aterrar aínda, será a partir de setembro cando nos poñamos seriamente con isto e tamén me gustaría reunirme con todos os alcaldes que teño alrededor para buscar colaboracións entre municipios para iniciativas que poidan xurdir ou para o que faga falta.

Firmouse recentemente un convenio con Sepes que permitirá aumentar o solo industrial do polígono dos Capelos.

Logrouse cambiar a calificación de solo de residencial a industrial nesta zona. Agora temos o problema do Goberno central e ata que non se solucione non avanzarán o resto de cousas. Se finalmente gobernan os socialistas a min viríame estupendo, porque temos con nós ao PSOE e xa falaríamos con eles. Agora mesmo hai moita demanda de parcelas industriais.

Dependen de Madrid noutros proxectos ou obras? 

Que eu saiba, non, pero o que che comentaba, imos solicitar pasos de cebra con semáforos regulados por pulsador na N-550. Ata o Monumento aos Mártires non hai un só paso de peóns e no entorno do IES é necesario, porque os rapaces cruzan por aí. Nun casco urbano os pasos de peóns deberían ser, xa logo, case cada cen metros. E nas zonas escolares, aínda que contamos co apoio sempre da Policía Local para conducir o tráfico, é necesario mellorar a seguridade.

Hai que apostar pola Área Metropolitana, sobre todo os concellos pequenos coma nós

Aínda está afacéndose ao novo despacho e asegura que os seus compañeiros seguen a chamalo Javi, “coma sempre”, e non “alcalde”. Quere manter a cordialidade co anterior Goberno local e dá as gracias por ter un equipo de concelleiros e funcionarios coma o que ten, “xa que sempre están aí para axudar”. Javier Gestal sinala que nos vindeiros meses quere manter reunións cos rexedores dos municipios do entorno, para poder trazar colaboracións en distintas materias e traballar na liña da creación da Área Metropolitana da Coruña.   

Cal será a posición de Carral con respecto a Área Metropolitana? 

Pois apostar por ela é moi importante para os municipios e sobre todo para os concellos como Carral, máis pequenos.
 
E coa Vía Ártabra? 

Practicamente non nos afecta, afecta máis ben a Cambre. 

Se despois a conectan coa A-6 xa non será só cousa de Cambre. 

A ver, claro, aí si que nos beneficiaría moito. Todo o que sexan infraestruturas para mellorar as conexións vannos beneficiar a todos e deben ser prioritarias. Se a Vía Ártabra ten unha saída no polígono dos Capelos, Carral pode crecer moitísimo. 

Carral crece en poboación cada ano. 

Si, aínda que vai moi lento. Estivo crecendo máis no 2007 co boom da construción. Pero é certo que a xente se foi asentando aquí últimamente porque agora coa Terceira Ronda estás en 15 minutos na Coruña, antes levaba media hora mínimo. Eu chego a Catro Camiños en 15 minutos, sen atascos, e para a xente que vai traballar a Pocomaco, A Grela, esa estrada é unha marabilla para nós. 

En resumo, queda moito por facer pero vese con ilusión. 

Claro, quero darlle as grazas ao grupo de traballo que teño detrás e tamén aos meus compañeiros do concello polo trato que me están dando, xa me coñecen de hai moito pero agora dinme “faite á idea de que agora eres o xefe”. Aínda non me mentalicei moito diso, algúns chámanme alcalde pero a maioría me chaman Javi, coma sempre. Levo aquí desde primeiros dos 90.

Como é entrar no Concello e vir sentarse ao despacho do alcalde e non á túa  mesa de sempre? 

Hai que dicir que no despacho non estou moito, porque por agora teño moitas reunións. Hoxe mesmo tiven unha cita na Coruña e outra aquí polo tema do PXOM. É algo agotador pero creo que vai ser os primeiros meses e despois a cousa se calmará un puco. Os compañeiros me apoian moitísimo. 

Que tal a relación co anterior alcalde? 

Ben. Eu non son unha persoa política, aínda que haxa quen poida dicir que o son porque me metín nisto. Eu viñen aquí para intentar facelo o mellor que poida e o último que quero é que alguén poida dicir de min: “Este chegou a alcalde e agora volveuse orgulloso”. Vou seguir sendo o mesmo Javier de sempre, aínda que polo cargo nalgúns momentos haxa que marcar distancias. Os compañeiros xa me conocen e saben como son.

Por último, cre que lle pode perxudicar ser dun partido independente que non ten representación na Xunta e en Madrid? 

Pode ser, sempre axuda que os gobernantes sexan dos teus e mirarán máis polos concellos nos que teñen alcaldes. Pero Alternativa ten un representante na Deputación, un ente que nos axuda moito aos concellos, e confío en que poida lograr cousas para Carral.

Comentarios