domingo 25.08.2019

“As institucións deberían implicarse máis co galego”

ANDREA MACEIRAS ESCRITORA

Cando cursaba a Secundaria gañou varias veces o Certame Literario de Cambre e agora, con sete obras publicadas, volve ao seu municipio para ofrecer .

 Andrea Maceiras é natural da parroquia de Pravio	javier alborés
Andrea Maceiras é natural da parroquia de Pravio javier alborés

Cando cursaba a Secundaria gañou varias veces o Certame Literario de Cambre e agora, con sete obras publicadas, volve ao seu municipio para ofrecer unha conferencia. Andrea Maceiras (1987), natural de Pravio, estará en Villa Concepción o día 20 ás 20.00 horas.

De gañar o premio de narrativa municipal a impartir unha conferencia como escritora recoñecida. Como se sinte?
O Concello portouse sempre moi ben comigo, especialmente as bibliotecas locais e Ángeles en particular. Sempre me acolleron cos brazos abertos e é un orgullo que o Goberno potencie a lingua e a literatura galegas.

Cando comezou a escribir?
Ao iniciar a Secundaria. Estudiei no instituto Alfonso X El Sabio e dous profesores, Ernesto e Dolores, animáronme moito a escribir. Foi neses anos nos que participei no Certame Literario. 

Por que escolle a literatura xuvenil?
Gústame ese público, os rapaces non teñen prexuízos e son moi sinceros. E moi críticos. Os adultos temos outra concepción das cousas pero os adolescentes son un público moi fresco, con moita liberdade e mentes abertas.

Como desenvolve o seu proceso de creación de obras?
Antes de poñerme a escribir gústame ter un mapa moi elaborado, que teña un inicio e que vaia percorrendo unha ruta. Preciso ter moi claro o que vou escribir antes de teclear. Baséome en experiencias, pensamentos, frases de libros, de películas ou series... Sempre levo un caderno ou escribo no móbil.

Vén de lograr o Premio Xerais coa novela “Europa Express”.
Si, é unha novela de intriga psicolóxica que trata temas como o amor, as viaxes e a procura da identidade, temas da adolescencia. Os protagonistas son un grupo de rapaces que fan unha viaxe Interrail por Europa. 

Estudou Filoloxía Galega e Hispánica e dá clases a rapaces. Inspíralle a xuventude?
Moito. Son moi optimista coas novas xeracións, teñen metas e soños, len moito máis do que se di. Veñen con moita forza.

Que acostuma a ler?
Un pouco de todo, pero ao final acabo sempre coas novelas de suspense. Agora estou lendo a Rosa Montero.
 
Pode axudar a súa xeración a que non se perda a literatura en galego?
Actualmente hai moitos autores e moitísimos títulos en galego. Son optimista, pero todas as axudas son necesarias, sobre todo a nivel institucional.

Está a favor das novas tecnoloxías na literatura?
Era moi reticente ao libro electrónico pero agora teño un. Sigo preferindo o papel, pero creo que ambas son moi útiles e poden convivir sen problemas.

Traballa xa noutra novela?
Si, espero presentar algo novo en verán. 

Por suposto, en galego.
Si, para min escribir e falar en galego é o máis natural e a nosa literatura precisa de máis visibilidade e apoios.

Comentarios