Carlos Babío | “Queda por gañar a xudicial, pero a batalla do relato xa lla gañamos aos Franco”

Carlos Babío | “Queda por gañar a xudicial, pero a  batalla do relato xa lla gañamos aos Franco”
El Ideal Gallego-9999-99-99-999-bd4f21ab

Durante anos buscou a “verdade” e en 2018 publicou, con Manuel Pérez Lorenzo, “Meirás. Un Pazo, un Caudillo, un Espolio” (Fundación Galiza Sempre). Un traballo que contribuirá a documentar a demanda interposta pola Administración do Estado contra os Franco. Carlos Babío (Sada, 1967) considera que o pazo é “un dos símbolos máis importantes da impunidade do franquismo” e, partindo desta premisa, explica os sucesos máis destacados dunha operación iniciada en 1938, así como as claves da situación actual, a dous meses da audiencia previa á que están citados demandantes e demandados, o 31 de xaneiro de 2020 na Coruña.

O último que trascende é a contestación dos herdeiros de Franco á demanda civil interposta pola Administración Xeral do Estado. 

O que nos deixa perplexos é que os Franco pretendan borrar a memoria do NODO, cambiar a versión histórica ao respecto do Pazo de Meirás, e incluso utilizar unha empresa corrupta da que se beneficiaba o propio ditador para xustificar que o Pazo de Meirás é propiedade privada… O que evidencia é que queda por gañar a batalla xudicial, pero a batalla do relato e dos feitos xa a gañamos.

Fálenos desa empresa, “Pazo de Meirás. Productos de la Huerta”…

Comezou a súa actividade nos 40. Era, sobre todo, unha explotación gandeira que lle xerou importantes beneficios ao ditador, principalmente pola venda de leite, principalmente ás coopeativas pero tamén ao propio Estado… Pero tamén ovos, lúpulo e madeira, xunto co arrendamento de algunha parcela… Os traballadores desta “pseudo-empresa” eran empregados públicos, pois é o erario público quen abona as nóminas deses traballadores e traballadoras. A xestión faise a través da Garda Civil. Dun “guardia civil-hortelano·”, que era a categoria profesional que tiña. A Franco entréganselle as mellores reses da importación holandesa… É dicir, todo o achegaba o erario público, salvo os beneficios, que eran privativos dos Franco.

Pero eles defenden que era unha empresa privativa de Franco.

Eles intentan demostrar que os beneficios privativos proceden dunha empresa privativa, cando era o Estado o que a mantiña e quen a sufragaba.

Unha empresa que non aparece no testamento de Franco…

Coa publicación do testamento o que se fai é xustamente o contrario do que parece que se pretende, que é o branqueamento do réxime franquista. Do que nos fala ese testamento é de propiedades inmobiliarias que xa coñecíamos e de contas bancarias que xa coñecíamos, pero o que non nos conta ese testamento é do que falta como os negocios. Se eles tiñan unha empresa (“Meirás, Productos de Huerta”), como alegan na súa contestación á demanda do Estado, por que non aparece no testamento? Por que todos os bens que o ditador recibía tanto no palacio do Pardo como en Meirás non aparecen tampouco? Por que esas xoias, que veñen do réxime e que acaban de ir a vender a Londres, non aparecen? 

O terceiro argumento é o da usucapión que, en contra do que argumenta a Abogacía do Estado, os Franco empregan para si, sinalando o pazo como “ben patrimonial” que puido ser adquirido polos descedentes con este mecanismo pola súa posesión “pública, pacífica e ininterrompida”, sen que ninguén o reclamara desde 1975.

A famosa usucapión… Eles din que, pese aos seus anteriores argumentos, sería del porque en trinta anos ninguén o reclama. “Y el pazo es mío”. Oiga, miren, nos están dicindo que o pazo é seu por ocupas? O relato que nos ofrecen os Franco é que “Meirás es nuestro porque lo ocupamos”? 

Vostede, moi discreto nesta cuestión, nunca falou da súa colaboración coa Abogacía do Estado na documentación da demanda, pero hoxe sabemos que resultou determinante… Algúns cifran nuns 8.000 documentos os que se inclúen esa demanda por Meirás.

Incluso máis, porque se fixo unha escolla e porque 8.000 folios os ocupan xa a serie documental que fai mención a moitos máis documentos que eses 8.000.

As partes están citadas para o 31 de xaneiro de 2020 para una audiencia previa no xulgado da Coruña. Cre que irán os Franco?

Coñecendo a actitude prepotente, que están acostumados a vivir fóra da legalidade constantemente, acostumados a todos eses privilexios emanados da Transición… É difícil calibrar que van facer os Franco. En todo caso, é decisión da xuíza ter un acto previo. O Estado debe defender a reversión dese ben, porque non se trata de establacer unha contía economica… Do que se trata é de rachar cunha impunidade. E a impunidade non se negocia nun xulgado sobre unha contía económica. Iso é irrelevante. Do que estamos falando é de normalizar democráticamente o Estado e para iso é necesario reverter Meirás no patrimonio público.

Que plazos se manexan para completar este proceso?

O que din os xuristas é que en primeira instancia non debería ir máis aló de dous anos, pero en conxunto apuntan a uns seis anos para todo o proceso…

En calquera caso, vostede é dos que defende que, en caso de que non prospere a vía civil, existen outras vías para reclamar o Pazo de Meirás.

Cando se institucionaliza a causa de Meirás por parte da Deputación da Coruña. que é a primera administración que empeza a traballar nesta cuestión con expertos, tanto historiadores como xuristas, o que se di é que hai causa xudicial pero sen desbotar outras vías. É a vía na que coinciden todos os técnicos, tanto da Universidade de Santiago como da Coruña. Pero en caso dunha sentenza desfavorable á devolución do Pazo de Meirás, na instancia que sexa, incluso no Tribunal Supremo, non vai volver xusto o inxusto, e non significa que non existan outras vías.

Apunta vostede á unanimidade dos técnicos respecto á existencia de causa en Meirás. Tamén respecto á Casa Cornide?

O caso Cornide, en relación co do Pazo de Meirás, está aínda en “pañales”. Porque a diferenza de Meirás, non houbo ningún informe técnico xurídico-histórico que permita definir unha estratexia a seguir. Teño dito por activa e por pasiva que na Coruña perdéronse catro anos ao respecto da Casa Cornide a pesar de terse denunciado e solicitado. Para Meirás houbo dúas comisións para avaliar unha estratexia e achegar un informe histórico que acompañe o relato, máis investigacións.

Son vostedes os que atopan a carta que, en opinión dos colectivos da memoria, probaría unha suposta operación para entregar Cornide a Franco…

Atopámola dentro dun expediente dunha administración pública, a Casa Civil do Xefe do Estado, sobre o Pazo de Meirás. Mire se existe vinculación…

Entra nos seus plans seguir investigando sobre a Casa Cornide?

Eu seguirei investigando e, se hai ocasión, tamén sobre Cornide. En calquera caso, poñemos a disposición do Concello da Coruña e de calquera administración que o necesite, todo o que xa temos que fai mención á Cornide.

Que ten Galicia que non teñen outras comunidades, incluso cidades, para ser quen de alcanzar a unanimidade coa que se reclaman os bens supostamente espoliados aos Franco, e nomeadamente o Pazo de Meirás.

Conseguimos a unidade política e cívica pola implicación de moi distintos colectivos, da sociedade civil e das institucións públicas… Son moitos os que colaboran para que esto suceda, como a actual condesa de Pardo Bazán, da que me consta a súa implicación persoal.

Con Francisco Franco en Mingorrubio, os colectivos da memoria xa non apuntan tanto ao Valle de los Caídos como obxectivo, senón a Meirás.

O Pazo de Meirás é o noso Valle de los Caídos particular e rachar con ese símbolo, co que supuxo, é cuestión clave para Galicia. Para eles é un símbolo, como se desprende dos comunicados da Fundación Francisco Franco. Están facendo en Meirás o que dixeron que farían, e con total impunidade, ademais. Para os colectivos da memoria é o maior símbolo do espolio do réxime, que suporá abrir o melón e iniciar a loita para recuperar outros espolios.

Que debería ser Meirás se algún día pasa a ser patrimonio de Galicia?

Ese é un debate que se deberá abrir a posteriori pero, en calquera caso, creo que nunha parte ten que estar presente Emilia Pardo Bazán. Noutra haberá que recordar o que alí pasou, o que foi… Un espazo para a Memoria Histórica. Pero, insisto, é un debate que se dará no seu momento.

O caso de España é unha anomalía democrática dentro do que é Europa

Babío acaba de voltar de Bruselas, onde asistiu á xornadas “Franquismo post Franco”, organizadas polo Grupo de Memoria do Parlamento Europeo co obxectivo de dar a coñecer “a realidade da represión”, “o espolio da ditadura” e os pasos que se están a dar para “acabar coa impunidade”, explica o investigador de Meirás. Con Babío, representantes políticos, xornalistas, historiadores e vítimas, que expuxeron a situación “anómala” que vive España en comparación co resto de Europa. “É algo tremendo, aquí está todo por facer”, apunta ao respecto da Memoria Histórica.

Esperan algún cambio na xestión da Memoria Histórica despois da saída de Franco do Valle dos Caídos?

O caso de España é tremendo, pois está todo por facer, e xa van máis de corenta anos… Corenta e un desde a Constitución do 78. A Ley de Memoria Histórica de 2007 avanza de maneira moi cativa na normalización democrática e practicamente nada na impunidade, que permanece. Mesmo eses avances cativos que se deron, como a retirada da simboloxía fascista dos espazos públicos, aínda non acabaron, e un exemplo moi claro é precisamente o de A Coruña. Falamos de que non se fixo nada en relación cos espolios, cos títulos nobiliarios, a simboloxía… É necesario sacar o franquismo das institucións e as vítimas das cunetas.

Din que, en caso de que o socialista Pedro Sánchez consiga os apoios necesarios para volver á Presidencia do Goberno, esta será a lexislatura mandato da Memoria Histórica

Iso di Fernando Martínez, o foi director general para la Memoria Histórica, e a ver se é verdade e non queda só en anuncios. Porque de anuncios xa vamos fartos e o que hai é que poñerse mans á obra en actuar en todos os ámbitos do franquismo, da loita antifranquista…

E iso abordaron vostedes en Bruxelas.

Iso é. O franquismo ten moitas caras, e o que puxo sobre a mesa en Bruxelas foi a oportunidade de contar con unha visión global de todas esas caras, a necesidade de pór en común distintas experiencias e traballar de maneira conxunta para combater a impunidade.

Apuntaron a que España é unha excepción en Europa.

Nesta cuestión, o caso de España é unha anomalía democrática dentro de Europa. España ten un problema aínda por resolver, e niso ten moito que ver que o franquismo sen Franco segue nas administracións.

Pero a Transición…

A Transición fíxose gardando os privilexios e os franquistas foron, en boa medida, protagonistas desa Transición. Algo que pervive no tempo e cambialo require dun enorme traballo porque moitas persoas ás que o franquismo lles outorga certos privilexios seguen disfrutando desas prebendas na actualidade.

Un dos compromisos que adquiriu Europa nas xornadas ás que asistiu é o impulso de “grupos irmáns de memoria” con colectivos de Francia e de Portugal. 

O Grupo de Memoria do Parlamento Europeo comprometeuse a establecer outras comisións similares en distintos países para darlle un maior impulso á necesidade de normalización democrática e de loita contra a impunidade franquista. Porque o estado español é o único do mundo que ten sen resolver esta cuestión. Outros países que tiveron experiencias co fasciso traballaron a prol da normalización democrática facendo xustiza, memoria e reparación.

Carlos Babío | “Queda por gañar a xudicial, pero a batalla do relato xa lla gañamos aos Franco”

Te puede interesar