Benito Portela | “Os sadenses xa nos coñecen e saben que somos xente de palabra”

Benito Portela | “Os sadenses xa nos coñecen e saben 
que somos xente de palabra”
Benito Portrela é alcalde de Sada desde o ano 2015 | javier alborés

O 13 de xuño de 2015, tras unha votación sen precedentes, tomou o bastón de mando da súa vila natal, e catro anos despois confía en manter o apoio da veciñanza de Sada. Porque ahora “xa me coñecen, xa coñece a Sadamaioría e sabe que somos xente de palabra”, explica Portela.

Cales son os eixos básicos do proxecto de Sadamaioría?
En primeiro lugar, obter os terreos necesarios para a execución de equipamentos, zonas verdes e espazos libres... No núcleo urbano como nas parroquias. Está previsto no PXOM, aprobado neste mandato, polo cal hai que impulsar e tramitar a súa execución. Debemos seguir avanzando e reforzando as políticas sociais, e necesitamos o traslado do centro de saúde, a ampliación do Sada e Contornos, a reforma do pavillón... E o noso ben mais prezado, o bordo litoral, incluída a praia e a fachada marítima, precisan dunha mellora e posta en valor, ao igual que As Brañas. Hai que seguir potenciando o turismo e a hostelería, e futuro son tamén as parroquias, onde seguiremos incrementando os investimentos.

Destes catro anos como alcalde, que considera o máis positivo e que o máis negativo na xestión do Concello de Sada?
O máis positivo, a aprobación do PXOM, o incremento do gasto social e, por suposto, que Sada deixase de ser portada por mor dos escándalos urbanísticos. Como aspecto negativo, o pouco apoio institucional tanto do Estado como da Xunta en actuacións básicas en Sada, como as obras de prevención de inundacións.

Todo apunta a que non se darán maiorías absolutas, que haberá que entenderse despois do 26-M. Estaría disposto a reeditar o pacto de esquerdas suscrito en 2015?
A cidadanía de Sada é quen mais ordena, e estou confiado en que saberá valorar estes catro e que imos ter uns resultados que nos permitan saír reforzados e continuar na alcaldía. E estou seguro que, se é preciso, contaremos co apoio das outras forzas progresistas.

Cales son os pasos previstos para continuar o proceso de Meirás?
O Estado non pode continuar cunha pasividade que só beneficia aos Franco, e debe iniciar canto antes as medidas xudiciais que permitan a recuperación para o patrimonio público de Meirás. Unha vez recuperado, o destinaremos para uso dotacional público, conveniado co Estado e a Xunta.

Vostedes insisten en derrubar El Náutico. Non cabería ningunha outra posibilidade para ese espazo?
Nós insistimos en que ese edificio nunca se tivo que ter construído, e que seu impacto e a súa falla de integración nesa zona do bordo litoral onde está ubicado e no entorno da Terraza, obrigan á súa demolición total, deixando a superficie libre de edificacións. Ademáis, os informes técnicos municipais xa teñen acreditado que o actual edificio é inservible para outros usos, desde o punto de vista técnico e desde o urbanístico.

Que medidas plantexan para os problemas de mobilidade e de estacionamento no centro de Sada?
Sada precisa actuacións de mobilidade, en perspectiva metropolitana o primeiro, e humanizando e reordenando o espazo público, con aparcadoiros disuasorios, ampliación do carril bici.. Inicialmente aprobaremos un Plan de Mobilidade para crear as bases para mellorala... Sobre o estacionamento, mediante a execución das previsións do PXOM e acordos de cesión temporal de terreos, poremos a disposición zonas de aparcadoiros disuasorios, no entorno do centro urbano e con doada accesibilidade, con suficientes prazas de aparcadoiro.

Apuntan vostedes a una posible nova conexión coa Vía Ártabra…
Os accesos a Sada non son os axeitados, pero tampouco o é o que ten previsto a Xunta polo seu enorme impacto territorial e a paisaxístico sobre todo con relación a conexión prevista de saída do Porto, polo tanto acordaremos coa Xunta a modificación do PXOM para unha alternativa de conexión coa Ártabra.

Será este o mandato da Terraza?
A Terraza ten incoado expediente declaración BIC pero está pendente de resolución, que seguiremos demandando á Xunta. No suposto de que Costas do Estado declare a caducidade e extinción da concesión, negociaremos a súa cesión a Sada para equipamento público.

Benito Portela | “Os sadenses xa nos coñecen e saben que somos xente de palabra”

Te puede interesar