Benito Portela | “A nosa aposta é a vía civil, pero apoiaremos calquera para incorporar Meirás ao patrimonio de Galicia”

Benito Portela | “A nosa aposta é a vía civil, pero apoiaremos calquera para incorporar Meirás ao patrimonio de Galicia”
Copia de El Ideal Gallego-9999-99-99-999-c33f6d50

Sada encara unha semana crucial para o denominado caso “Meirás”. Os membros da comisión de expertos que estuda a incorporación do pazo ao patrimonio público están citados para mañá en Santiago. O xoves será a Xunta pro Devolución do Pazo de Meirás a que celebre unha nova sesión na Coruña. Unha e outra abordarán as conclusións dos distintos informes emitidos a propósito da  situación da propiedade e as alternativas para paralizar la operación iniciada polos Franco. Todo, despois de dous días marcados pola constatación da venda do pazo por oito millóns de euros e pola asociación do PP e do PDSP para impedir do debate sobre Meirás no Concello de Sada.

O PDSP sempre mantivo a mesma postura sobre Meirás, pero, por que cre que os populares sadenses deciden discrepar neste asunto do posicionamento do PPdeG?
Discrepa do actual discurso do PPdeG, pero hai que recordar que en marzo do ano pasado, En Marea presentou unha proposición no Parlamento de Galicia para modificar a Ley de Memoria Histórica de 2007 e que todos os bens obtidos de xeito irregular se incorporasen ao patrimonio público. Naquel momento responderon que a proposta vulneraba o dereito á propiedade privada dos Franco. Meses despois, a presión popular provoca un cambio de postura no Goberno de Feijóo. 
 
Un Feijóo que insiste en que Galicia xa asumiu os custes do pazo no 1938 e que o pobo galego non pagará nin un euro aos Franco... Mentres, o voceiro municipal advirte de que é unha cuestión que non interesa en Sada. Que opina desta valoración  de Anido? 
Eu coido que houbo un notable incremento da implicación cidadá nesta cuestión a raíz do anuncio da Fundación Francisco Franco de utilizar as visitas ao Pazo de Meirás para facer apoloxía do fascismo, e que o posicionamento de Anido non se corresponde co da maioría social do pobo de Sada. 

Segue a Fundación Nacional Francisco Franco coa xestión das visitas ao Pazo de Meirás? 
Segue xestionando o sistema de visitas e, despois dos dous expedientes sancionadores abertos pola Xunta a solicitude do Concello de Sada, están cumplindo o réxime establecido ao tratarse dun BIC. E a día de hoxe non nos consta que as utilicen para facer apoloxía do fascismo, como si anunciaran en 2017. 

SadaMaioría, ao que vostede pertence, solicitou, por varias vías ademais, a presentación inmediata da acción de nulidade contra o título de propiedade dos Franco. Cre que as conclusións dos informes das comisións de expertos tamén irán por aí, por acudir á xustiza para tratar de acabar coa detentación polos herdeiros do ditactor do Pazo de Meirás?  
Digamos que esa será a proposta que nós defenderemos nas distintas comisións, tanto en Santiago como na Coruña. Esa é a primeira medida concreta, a primeira na que se puxo negro sobre branco nas mesas nas que participamos, pero nós, desde logo, estamos abertos a apoiar calquera iniciativa política ou xurídica que conleve a incorporación do pazo, a custe cero, ao patrimonio público e Galicia. Estamos desexando escoitar as conclusións dos investigadores e as propostas das mesas, porque coidamos que a unidade de acción é fundamental para botar aos Franco de Meirás.

O acto de entrega do pazo a Franco celébrase un 5 de decembro de 1938, pero non é ata outubro de 1941 en que Pedro Barrié, cun poder do ditador, rexistra a propieade a nome de Franco. Que puido pasar nese tempo e pode ser este un dos vicios para que prospere a acción de nulidade contra a titularidade dos Franco?
É un dos fundamentos das nosa estratexia. No acto do 5 de decembro de 1938 anúnciase unha doazón e no ano 41, case tres anos despois, rexístrase unha compra-venda que nós pensamos que é totalmente nula. De aí que esa diferenza, tanto temporal como de contido, pois o que se anuncia non é o que se  fai a posteriori, sexa unha das claves da nosa proposta, a que nós defendemos.

A vicepresidenta provincial, Goretti Sanmartín, sinalou que as conclusións dos informes conteñen “novidades importantes” e que hai opcións para incorporar o pazo ao patrimonio de Galicia. Vostede puido ver eses informes ou algún representante de Sada?  
Non coñeceremos eses informes ata o xoves porque, aínda que solicitamos poder consultalos, respostóusenos que non se entregarán a ninguén antes do día 1.

Apuntou vostede a que a unidade será primordial para o éxito deste proceso, pero dentro da propia esquerda están a ter distintos discursos e mesmo no caso concreto  do Goberno de Sada, o seu partido presentou unha moción que, aínda que non se debateu polo rexeitamento da urxencia, ía ser emendada polo BNG... 
É a nosa obriga coordinar as distintas propostas, mesmo nas comisións e, entre todos os que participamos nas mesas, e analizando todos os informes, tanto xurídicos como os históricos, que dalgunha maneira tamén son a ferramenta que empregan os técnicos para estudar a viabilidade, e sumar para conseguir o que é o obxectivo de todos, o de incorporar Meirás a patrimonio público galego a custe cero para Galicia.    

A decisión dos Franco de poñer á venda o pazo neste momento é unha provocación, como sosteñen algunhas voces, ou a consecuencia do nerviosismo pola posibilidade de perder Meirás?
Teño que dicir que o Goberno de Sada sempre contou con esta posibilidade, e por iso instamos á Xunta a rexistrar o BIC no Rexistro da Propiedade e, ao mesmo tempo, expresamente, o Plan Xeral de Sada, recolle a prohibición do cambio de uso do pazo para limitar sustancialmente as posibles ofertas. E o concello de Sada xamais autorizará a modificación dos usos do pazo. 

Segundo a inmobiliaria, hai empresarios hoteleiros interesados na propiedade, pero é posible abrir un hotel no Pazo de Meirás tal e como está o PXOM de Sada?
Non. A día de hoxe, o que compre o Pazo de Meirás ten que utilizado como vivenda porque ten uso exclusivamente residencial e iso non o imos cambiar. 

Que mudou en Galicia nos últimos vinte anos para que o feito de que os Franco pretendan vender Meirás sexa contestado desta maneira polo pobo e polas propias autoridades, tanto de Sada como de Santiago. Porque esta non é a primeira vez que os herdeiros do ditador especulan con Meirás, xa  venderon parte dos terreos no 99...
Cambiou a sensibilidade da xente, como resultado, en parte, do importante traballo de divulgación que se está a facer desde distintos ámbitos sociais, de coñecer o que aconteceu realmente e de que agora somos quen de compararnos co resto do mundo e de darnos conta de que estamos vivindo unha situación  anacrónica, que non pode ser que os herdeiros dun ditador, dun xenocida, sigan detentando a propiedade de bens como o Pazo de Meirás.

Algunhas voces insisten en que se non cambian as leis estatais son poucas as opcións de éxito en procesos como o que quere a incorporar Meirás ao patrimonio galego. 
Eu coido que hai que valorar todas as posibilidades e que, se a día de hoxe nós apostamos pola vía civil, tampouco desbotamos outras alternativas como cambiar as disposición adicionais da Ley de Memoria Histórica de 2007, unha proposta que xa defendeu En Marea no Parlamento de Galicia. 

Quen presenta a primeira investigación sobre o espolio de Meirás  son dous veciños de Sada. Iso é un plus para a causa deste pobo por “recuperar” o Pazo de Meirás?
É admirable e agradezo o traballo feito e as horas, os anos, adicados a esta investigación. Esta publicación contribuiu a dilucidar que pasou, a aclarar un dos episodios máis negros da historia de Sada.   Confío en que teña continuidade e anime a outros a seguir investigando sobre eses anos escuros.

Desde o anuncio dos Franco, pudo  abordar este este asunto con Alberto Núñez Feijóo? 
Nin desde o anuncio nin antes, nunca falei persoalmente co señor Núñez Feijóo. l

Benito Portela | “A nosa aposta é a vía civil, pero apoiaremos calquera para incorporar Meirás ao patrimonio de Galicia”

Te puede interesar