Benito Portela | “Non teño decidido se me presentarei á reelección, xa que agora mesmo estou centrado en gobernar”

Benito Portela | “Non teño decidido se me presentarei á reelección, xa que agora mesmo estou centrado en gobernar”
El Ideal Gallego-9999-99-99-999-9771ac73

As Torres de Meirás acapararon boa parte da atención mediática neste terceiro ano de mandato de Benito Portela (Sada, 1975). Pero houbo outras cuestións importantes sobre as que o alcalde sadense repara nesta entrevista con El Ideal Gallego na que debulla os obxectivos marcados pola coalición de esquerdas que preside de aquí ás municipais de 2019. No seu discurso de investidura apelou á “transparencia” e, sobre todo, a un “diálogo” co resto de partidos ao que non está disposto a renunciar porque é o seu compromiso co pobo de Sada.    

Queda menos dun ano para unha nova cita coas urnas, en 2019. Canto do proxecto electoral co que concorreu en 2015 considera vostede executado e canto estaría pendente para este 2018 e os primeiros meses do 2019?  
Os orzamentos están aprobados, o Plan Xeral de Ordenación Municipal está aprobado... Outros proxectos xa están executados e coido que unha gran parte das propostas que se estableceron no pacto de goberno están iniciadas. O que debemos é reforzar e ampliar os mecanismos de participación cidadá que incrementen a capacidade de opinión e intervención da veciñanza na xestión municipal de Sada.

Cal considera o momento máis duro destes primeiros trinta e catro meses na Alcaldía de Sada? 
Máis que un feito en concreto o máis duro de cada día son as situación persoais dos veciños e veciñas de Sada. O feito de, en ocasións, non poder resolverlles, ou facelo parcialmente, os problemas. A xente está a pasalo mal a consecuencia das políticas do Partido Popular no Estado e mais na Xunta e, desde o concello non temos suficientes medios e competencias para poder atallar sempre as demandas e necesidades que ten a veciñanza de Sada.
 
De que se sente máis orgulloso como rexedor Benito Portela? 
Podería dicir que de resolver determinados  problemas enquistados hai moitos anos neste concello, como asumir o mantemento do colexio do Mosteirón, sacar adiante o Plan Xeral de Ordenación Municipal, aprobar cada ano os orzamentos ou insistir na Xunta de Galicia para a consideración da Terraza como Ben de Interese Cultural (BIC) ou do complexo do Castro, así como a mellora de equipamentos públicos, educativos, deportivos e culturais de Sada. Pero ademais deses grandes proxectos, destaco tamén o feito de resolver demandas e necesidades da veciñanza, tanto do núcleo urbano como das parroquias. Demandas que en ocasións non saen nos medios, pero que dan solución concretas e moi necesarias, como poden ser a mellora de camiños, dotacións de auga e saneamento... 

Conseguiron aprobar o PXOM. Cando cre que empezarán a notar os cidadáns ese cambio de modelo urbanístico que recolle o plan para Sada? 
Os veciños e veciñas de Sada saben que coa aprobación do PXOM, Sada conta cun plan que establece unhas condicións de ordenación sostibles e que aseguran unha óptima dotación de equipamentos, zonas verdes, espazos libres... e que garanten tamén unha suficiencia de servizos equilibrada entre o núcleo urbano e as parroquias. Un PXOM que obriga tamén a unha reserva do 30% da edificabilidade nos novos desenvolvementos urbanísticos, con destino a vivenda protexida. E un PXOM que prevé tamén unha reserva suficiente de solo para destino a uso terciario, comercial e industrial de Sada.

Está disposto a repetir como candidato á Alcaldía de Sada?
É algo que non teño decidido, xa que agora mesmo estamos centrados en gobernar, non en falar das eleccións de 2019. Queda un ano para elas e moito traballo por diante, moitas actuacións que están en licitación e outras que próximamente estarán. E, en calquera caso, a miña decisión será consultada e avaliada previamente coa asemblea de Sadamaioría. 

Cando anunciarán os cabezas de lista para as municipais de 2019?
Como xa dixen, a nosa prioridade agora é gobernar Sada.

Como valora a posibilidade de irrupción de novas forzas na corporación de Sada?
Obviamente, iso non depende de min nin de Sadamaioría. Será a cidadanía de Sada quen deba valoralo en maio de 2019. 

De non darse maiorías, estaría disposto a reeditar o pacto coas outras forzas da esquerda, tanto co BNG como con PSdeG-PSOE?
Falamos de hipóteses. Nun momento determinado, e nas circunstancias que vostede indica, avaliaríamos en conxunto esa posibilidade. Pero xa lle digo, estamos centrados en gobernar e non en mirar que vai a pasar nas eleccións. Créame que esta Alcaldía e o Goberno de Sada teñen moitas cousas que sacar adiante para mellorar a vida dos veciños e veciñas do municipio.

Como valora a experiencia de presidir un goberno a tres (Sadamaioría-BNG-PSOE)?
Positiva. Poño un exemplo. Cando asumimos a responsabilidade de gobernar o Concello de Sada en 2015, as tres forzas que conformamos este Goberno reunímonos para tratar de chegar a un acordo respecto ao PXOM. Conseguimos chegar a un consenso e, a partir dese consenso, traballamos para acometer cambios, acadando o obxectivo común de ter aprobado o PXOM, que era un dos principais obxectivos de goberno.  Precisamente é ese consenso o que fai que se acaden resultados positivos que fortalecen o xeito de gobernar dun goberno tripartito. E eu, como alcalde, estou satisfeito da xestión conxunta do goberno que presido.

Acaban de aprobar un orzamento municipal que califican como o o máis social da historia de Sada. Por que esa consideración e que outros aspectos destacaría deste documento económico para 2018?
Os orzamentos do 2018 reflicten unha forma de facer política enfocada na xente, nas demandas recollidas da cidadanía e nun sentir común de primar as necesidades sociais de Sada. Estes son os orzamentos máis sociais da historia do municipio á vista dos datos. Increméntase o investimento nos servizos básicos e protección social aumentando un 15,16% con respecto ao ano anterior e continuando co aumento correspondente ao 2017 que supuxo un 9,61% con respecto ao 2016. Destacaría as novidades nas partidas destinadas a desenvolver o PXOM, o incremento para mellorar a limpeza viaria e xardinería e os investimentos sociais, ambientais e educativos.

Despois de moitos anos, a Xunta publicou a  resolución do expediente BIC da Terraza. Como vai notar o cidadán a nova consideración do inmoble, un dos emblemas da vila de Sada?
Efectivamente, a Terraza é o edificio máis senlleiro do casco urbano de Sada e dende que comezamos a gobernar un dos obxectivos foi que se axilizara o expediente para declaralo BIC como medio para acadar unha protección acorde coa súa importancia. Para elo fixemos diversas xestións na Xunta de Galicia que deron como froito a incoación do expediente para declarar BIC á Terraza. O Plan Xeral de Sada ten unha previsión de uso dotacional público para este inmoble, emblema do noso pobo, e exemplo irrepetibel da arquitectura efémera de inicios do século XX.

En canto ao Complexo do Castro, os propietarios aseguran que estudan varios proxectos unha vez conten coa declaración de BIC (Ben de Interese Cultural). Nalgún deles estará presente o Concello de Sada co que xa chegaron a un acordo, pero podería adiantar en que consiste e por onde cre vostede que pasa o futuro do proxecto levantado no seu día por Díaz Pardo e Luis Seoane?
Na apertura do museo o Concello de Sada ten que estar presente, os termos do convenio terán que ser acordados tamén coas outras partes implicadas, é dicir, o Laboratorio de Formas e Cerámica de Sargadelos, os propietarios do inmoble, a fundación Luís Seoane e a Xunta. O soño de Isaac Díaz Pardo e Luis Seoane creouse para que o pobo galego poida desfrutalo e aprecialo.l

Benito Portela | “Non teño decidido se me presentarei á reelección, xa que agora mesmo estou centrado en gobernar”

Te puede interesar