miércoles 15.07.2020

Benito Portela Fernández | “En Sada aínda estamos pagando as consecuencias de políticas urbanísticas depredadoras”

Alcalde de Sada

As primeiras semanas do ano están sendo especialmente produtivas para o municipio, especialmente pola resolución de asuntos encallados dende hai anos 

O rexedor, no balcón do despacho da Alcaldía de Sada | Patricia G. fraga
O rexedor, no balcón do despacho da Alcaldía de Sada | Patricia G. fraga

Nun mes que está sendo crucial para o Concello de Sada, o alcalde, Benito Portela Fernández, atende a El Ideal Gallego para mandar unha mensaxe clara: “Estamos aquí para solucionar os problemas da xente”. A consideración da Terraza como Ben de Interese Cultural, a aprobación inicial da declaración de As Brañas como Espazo Natural de Interese Local (ENIL) e o anuncio da Xunta de conveniar coa Deputación da Coruña e o Concello de Sada as obras do río Maior, tres cuestións esenciais para o desenvolvemento da vila sadense, están sobre a mesa do mandatario, quen ademais encara unhas semanas de cambios, os derivados da reestruturación que debeu acometer trala saída, por “razóns exclusivamente persoais”, de Francisco Xosé Montouto Pérez.

Cando se aprobará a reestruturación do Goberno de Sada despois da saída de Francisco Montouto? 

Esperemos que para o pleno deste mes esté xa a nova distribución, pero estamos pendentes tamén da credencial da concelleira que entra, Marisa Rúa.
 
Que cambios realizará e como será a nova estrutura de Goberno? 

Marisa Rúa, que entra na corporación, asumirá as competencias Medio Ambiente e Normalización Lingüística; Rebeca Mouriño vai levar unha parte de TICs que xestionaba Montouto, co obxectivo de estender a implantación da fibra óptica en todas as parroquias, que é un dos retos para este mandato; Pilar Taibo engade ás súas delegacións actuais a de Seguridade Cidadá, que estaba adscrita á Alcaldía, e eu asumo as competencias de Urbanismo.

Como se encaixa a renuncia dun compañeiro que, como Montouto, estivo con vostede desde o mesmo nacemento de Sadamaioría? 

Era o portavoz de Sadamaoría e, tanto no anterior mandato como neste, quen se encargaba de xestionar a área de Urbanismo, especialmente complexa en Sada onde, por desgraza, aínda estamos pagando as consecuencias políticas urbanísticas depredadoras do pasado e, nese sentido, Montouto era una peza clave, o responsable dun inmenso traballo e de logros que, aínda que non sempre visibles, lle ocuparon moito tempo á fronte da área de Urbanismo.  

Unha área que agora asumirá vostede, a propia a Alcaldía. 

E intentaremos asumila coa maior dilixencia, consciente de que será complicado estar á altura de Francisco Montouto. 

Que lle parece que algunhas voces vincularan esta renuncia a un cisma interno en Sadamaioría?

A renuncia do compañeiro Montouto respondeu a razóns exclusivamente persoais. Así mo transmite el mesmo. E quen non entenda iso, que por encima da política están as persoas, é mellor que deixe tamén a política.

Estamos pendentes da autorización da Xunta e do informe de Costas do Estado para proceder á execución dos traballos de demolición do edificio El Náutico

En relación coa “herdanza” urbanística que ten que asumir Sada, que plazos manexan para a demolición de El Náutico?

A cuestión de El Náutico está xa fora do que é tramitación urbanística, e simplemente queda por finiquitar o procedemento de contratación e executar a obra. Estamos pendentes da autorización da Xunta, que lle solicitou informe a Costas do Estado.

E neste momento, cal é a súa proposta para o espazo que ocupa actualmente El Náutico?

Deixalo libre, como debería ter estado sempre, e recuperar un vértice privilexiado nun sistema xeral de espazo libre, no ámbito de protección de A Terraza, que acaba de ser declarada BIC (Ben de Interese Cultural).  

Respecto á execución da sentenza de O Fiunchedo...

Estamos dando pasos para a execución da sentenza, e en contacto permanente cos veciños afectados para que estean informados de primeira man de como está o proceso en cada momento. Considero que é o mínimo que pode facer unha administración cunhas persoas nunha situación tan complicada, que pode derivar na perda da súa vivenda.

Despois da súa declaración como  BIC, que pasos se darán respecto ao edificio de A Terraza? 

O Goberno de Sada solicitará, e así o plantexaremos ao pleno municipal, a resolución expresa da prórroga así como a desafección da mesma do dominio público marítimo terrestre e a súa posterior cesión ao Concello de Sada, a entidade máis acaída para elaborar o plan director que garantizará unha mellor conservación e rehabilitación do inmoble, para preservar nas mellores condicións este BIC. É un inmoble senlleiro e vital para Sada.

En canto ás Cerámicas do Castro, tamén solicitan que se declare Ben de Interese Cultural. En que punto está ese procemento e cal é a resposta da Xunta?

Neste caso, o expediente está pendente de incoación. Os propietarios están de acordo e tamén se mantivo unha reunión coa Xunta, para solicitar este BIC e a posta en valor do museo. Nese encontro, os representantes autonómicos amosaron a súa disposición. É un dos nosos obxectivos e coido que este é o ano más acaído, ao coincidir co centenario de Isaac Díaz Pardo e cos cincuenta anos da apertura do Museo Carlos Maside.

Solicitamos a resolución expresa da prórroga así como a desafección do dominio público marítimo terrestre de La Terraza e a súa posterior cesión ao Concello de Sada

En 2016, Sada rexistra un dos episodios máis graves da súa historia recente coas inundacións de As Brañas e A Lagoa, e hai menos de dous meses, de novo se desborda o río Maior. Vostedes, o Goberno de Sada, sempre reclamaron actuacións para paliar un problema estrutural, unhas obras a executar a través de un convenio que a Xunta acaba de anunciar. 

A coherencia é algo cada vez menos frecuente na política e neste tema creo que mantivemos a nosa postura clara desde hai catro anos, desde o mesmo 2016. A actuación pode considerarse como unha primeira medida das que corresponda acometer pola declaración desta zona como Área de Risco Potencial de Inundacións (Arspi), de tal xeito que contribúa a minimizar os riscos de inundación en Sada.

Esas obras serán a solución para evitar calquera novo episodio de inundacións en Sada?

Vendo os episodios que se están a producir en todo o mundo, non creo que se poida garantir nada, pero si minimizar o risco e, por suposto, contar cunha maior resistencia ante episodios desfavorables. É unha obra fundamental para Sada. Hai que ir paso a paso. 

A coherencia é algo cada vez menos frecuente na política, e na cuestión das obras do río Maior, creo que mantivemos a nosa postura clara desde hai catro anos

A raíz de ese episodio, algún experto apuntou á posibilidade de que puidera haber algún problema en Bergondo que, seguindo o curso do río, acabase afectando tamén a Sada. Tivo oportunidade de analizar isto con Bergondo? 

Non nos gusta acusar a ninguén e non vou acusar do problema a Bergondo. Evidentemente, os ríos discorren por varios concellos. A intensa impermeabilización do solo, sobre todo do solo urbano,  é un problema da sociedade actual, que conleva caudais punta que nas zonas baixas poden xerar problemas. Temos que concienciarnos do problema e pensar que as impermeabilizacións non son sempre a solución, senón que hai que mellorar a capacidade filtrante do terreno. Dito eso, no noso núcleo temos moito que facer. E nas parroquias, que ás veces son as grandes esquecidas porque os incidentes pasan máis desapercibidos que os que se rexistran no centro urbano, onde é verdade que chega con máis forza e ten maior impacto sobre a xente... Pero hai desbordamentos en Seixeda, en Riobao, en Souto, en Fortiñón e outros. É un problema de todos e do que todos temos que tomar conciencia porque o certo é que se lle preguntas a un veciño, prefire un sobreancho, canalizacións entubadas.... Cando o sistema de cunetas é moito máis sostible.

Por iso ao mellor é necesario que vostedes e Bergondo vaian da man ante a administración competente, neste caso Augas de Galicia... 

Claro, por iso é á Xunta a quen compete determinar esa cuestión, pois xa estamos falando dunha cunca intracomunitaria e, en virtude das leis vixentes, non somos nós quen debemos actuar no río, pero si estamos dispostos a colaborar, e de aí a nosa proposta de convenio coa Xunta e a Deputación. Entendemos que ten que haber colaboración máxima entre institucións para solucionar os problemas da xente.

Meirás pode ser epicentro da memoria, o símbolo da memoria histórica para todo o Estado

Unha das noticias máis importantes da última semana para Sada foi a aprobación inicial da declaración de As Brañas como Espazo Natural de Interese Local (ENIL). Só uns días antes, o municipio volvía a abrir espazos informativos ao celebrarse a audiencia previa ao xuízo no que determinará a propiedade de Meirás, logo da demanda interposta pola Abogacía do Estado contra os netos de Franco. O alcalde abunda nunha e outra cuestión e nas consecuencias que, cada unha na súa medida, terán para Sada. Ademais, adianta algúns dos aspectos que marcarán os primeiros actos organizados con motivo do centenario de Isaac Díaz Pardo.

En que medida afectará a declaración de As Brañas como ENIL á imaxe desa zona de Sada?

O reto máis importante, o máis inmediato, é aprobar un plan de conservación do espazo natural e determinar as actuacións que se marcan como obxectivos da declaración provisional de As Brañas como ENIL. Unha delas é, precisamente, mellorar as condicións hidrodinámicas do núcleo de Sada. O plan de conservación identificará os valores que se deben protexer e os posibles riscos que  poidan afectar a a eses valores naturais, pero tamén fixarán as normas de uso e de aproveitamento do solo e dos recursos naturais, do mesmo xeito que definirá as normas relativas ao uso público, así como as actividades científicas e educativas
 
No Orzamento Municipal de 2020, no apartado de cultura,  dase prioridade a unha partida adicada aos actos conmemorativos do centenario de Isaac Díaz Pardo. Podería adiantar en que consistirá algunha desas actuacións para evocar ao promotor de Cerámicas do Castro? 

Non está todo pechado e intentaremos que moitos dos actos resulten sorprendentes, pero podo adiantar que haberá un gran acto o día 30 de maio de 2020, no que están traballando entidades sociais e culturais do noso concello animadas pola Asociación Irmáns Suárez Picallo, e que se desenvolverá na rúa Abegondo, ao carón do mural (pintado pola artista internacional Lula Goce en Cantalarrana) e do IES Isaac Díaz Pardo. 

Como alcalde, vostede sempre reivindicou o papel de Díaz Pardo, non só como artista e intelectual, senón como industrial,  polo que o seu proxecto supuxo para a vila de Sada. 

É que a figura de Isaac Díaz Pardo é fundamental para Sada. E non só desde o punto de vista cultural, senón tamén do social. Tanto del como da súa muller, que participaban activamente na xestión do complexo, e estaban igualmente implicados nos movementos cidadáns.
 
Con que expectativas chega o Concello de Sada ao xuízo pola recuperación de Meirás? 

Hai dous anos, viamos isto como algo moi lonxano, e pouco a pouco, foronse dando os pasos para chegar a este punto. O Concello de Sada sempre foi parte activa neste proceso e así seguirá, porque temos que loitar ata o final para que ao fin se faga xustiza. Somos moi optimistas e estou convencido de que en xullo estaremos un paso máis adiante para a incorporación do pazo ao patrimonio público. 

Como imaxina vostede o futuro de As Torres de Meirás? 

Para nós é fundamental que Meirás, que pode considerarse que foi o epicentro do franquismo durante moitos anos, poida ser tamén o epicentro da memoria, o símbolo da recuperación da memoria histórica para todo o Estado.

Comentarios