“O Batallón Literario recitaba en todas as festas. Eramos a Panorama da poesía”

“O Batallón Literario recitaba en todas as festas. Eramos a Panorama da poesía”
O autor na súa librería de Arteixo, Á Lus do Candil pedro puig

O poeta Modesto Fraga (Fisterra, 1974), veciño de Arteixo que rexenta –xunto á súa muller– a libraría Á Lus do Candil neste municipio, vén de recibir en Mondoñedo o segundo premio Leiras Pulpeiro de poesía por “Regreso a Ítaca”.

Cando comezou a súa paixón pola escrita e a poesía?
Sempre escribín poemas e tiña textos en publicacións periódicas, pero o primeiro libro, “Do amor salgado”, publiqueino no ano 97 grazas a que gañei o premio literario O Grelo-Amigos de Galicia. Esa obra saíu á vez que “De mar e vento. Cinco poetas de Fisterra”, un libro moi vencellado ao Batallón Literario da Costa da Morte, un grupo que englobaba a todos os poetas desa zona e co que levamos a poesía a lugares da vida cotiá. Comezou a andar o Batallón e a lograr moitísima sona. Para min foi o inicio da miña traxectoria de publicación e tamén unha carta de presentación, hai xente que aínda me identifica cos poemas de “Do amor salgado” e co Batallón.

Fisterra, lugar máxico e simbólico, ten que inspirar.
Ten unha mitoloxía e un patrimonio inmaterial enorme, o lugar onde naces e vives sempre evoca sentimentos. Eu tiña en Cee un local chamado Macondo onde facíamos actividades literarias e aí naceu o Batallón. Recitabamos no palco das festas, reivindicabamos o uso do galego e a retirada dos nomes das rúas a personaxes franquistas... Nos 90 iso foi moi transgresor e estabamos en todos os sitios de Galicia, mesmo en Cuba. Eramos a Panorama da poesía.

Por que viu vivir a Arteixo e, sobre todo, por que decidiu montar unha librería?
A miña muller, Alba, é de aquí. A situación do libro é complicada pero nós pensamos, hai cinco anos, que Arteixo non contaba cunha librería propiamente de libros, e que un concello con máis de 30.000 habitantes ten unha cantidade potencial de lectores moi alta. Apostamos por converter o local nun punto de encontro, con actividades para os nenos, exposicións e presentacións. O libro infantil funciona moi ben e temos a librería moi orientada ao galego, porque eu son autor nesta lingua e teño unha obriga co meu idioma. Hoxe en día edítanse auténticas alfaias en literatura infantil en galego, é un momento moi bo nese sector.

Traballa en novos proxectos?
Estou corrixindo “Devalar sen pel”, que gañou o certame de poesía de Carral e vai saír á luz en maio. É un libro que rompe co que fixen ata agora, está escrito con voz de muller.

“O Batallón Literario recitaba en todas as festas. Eramos a Panorama da poesía”

Te puede interesar