ARTEIXO - Homenaxe ao mar e a Galicia desde dúas visións artísticas

ARTEIXO - Homenaxe ao mar e a Galicia desde dúas visións artísticas
El Ideal Gallego-2017-03-05-014-9af81873

O mar protagoniza a vida de Viki Rivadulla, nacida na Costa da Morte, e constitúe o fío condutor de toda a súa obra como pintora e escultora. Onte inaugurou “Nemancos” na libraría Á Lus do Candil de Arteixo, a súa última exposición, coa que quere rendir homenaxe á xente ligada ao mar  e aos antepasados galegos. O poeta afincado en Pastoriza Xosé Iglesias, mariñeiro de profesión, presentou “A relixión do mar”.
“A mostra componse de 20 cadros e catro esculturas, pero por limitacións de espazo soamente se exhiben 14 pinturas. Ten unha vertente reivindicativa da cultura mariñeira, que non é só un oficio senón unha forma de vida e de ver as cousas”, di a artista.
Así, Rivadulla amosa en “Nemancos” a seres anfibios que se moven igual de ben en terra que na auga, que mamaron o mar dende nenos e que posúen o carácter bravo que lles imprimen o Nordés, as ondas e o salitre. 
“Utilizo o mar como metáfora para falar de diversos temas, entre eles, desa Galicia que quere vivir de si, do seu”, apunta a artista, quen recoñece que para elaborar as pezas desta mostra plantexouse qué levou aos habitantes ancestrais da vilas costeiras a asentarse neses territorios, “onde ás veces o mar pasa por riba e é complicado vivir”.
Xosé Iglesias, mariñeiro e poeta, recitou os seus versos na inauguración da mostra e presentou, ademais, o seu segundo poemario, “A relixión do mar”. “Coa poesía conto a miña realidade, transmito o que o mar me fai sentir, e Viki fai o mesmo cos seus cadros. Somos dúas almas xemelgas”, conclúe Iglesias. n

ARTEIXO - Homenaxe ao mar e a Galicia desde dúas visións artísticas

Te puede interesar