Antón Castro | “Hoxe en día é difícil vivir de escribir en calquera idioma, xa non se venden libros coma antes”

Antón Castro | “Hoxe en día é difícil vivir de escribir en calquera idioma, xa non se venden libros coma antes”
O autor, nun paseo polo litoral arteixán | xabier maceiras

O escritor e xornalista Antón Castro (Lañas, 1959) leva catro décadas vivindo en Zaragoza, pero leva Arteixo no corazón. O día 2 de maio lanza a edición definitiva do seu libro “Vida e morte das baleas”, con pasaxes nesta vila.

Publica novo libro o 2 de maio. Terá relación con Arteixo, como é habitual nas súas obras?
Realmente non é novo, porque é o meu primeiro libro na súa edición definitiva. ”Vida e morte das baleas”, que publiquei no 97 con Espiral Maior e que saíu en 2006 cunha edición en castelán ampliada, consta agora de 22 contos ambientados en Caión, Arteixo, Muxía... case todos suceden na Costa da Morte. Esta será a edición definitiva, que publica Ediciones del Viento e que me fai moita ilusión publicar.

Sobre que versan eses contos?
O libro empeza na Coruña cun problema amoroso diante do cemiterio de San Amaro e vai medrando ata rematar en Muxía, cunha protagonista que fai unha tese sobre os mariñeiros de Caión e vai atopando textos e historias neste proceso. Nos meus contos, A Coruña e Arteixo seguen tendo os paisaxes que eu lembro de antes. A miña ilusión cando vou por aí é pasear preto do mar, pola Torre de Hércules e a Costa da Morte, o mar é unha peza vital.

Vive en Zaragoza e adora o mar.
Sempre o introduzco nos contos como un mar mitolóxico, de naufraxios, barcos pantasma, etc. Neste libro aparecen dous mariñeiros holandeses que se instalan en Armentón e Lañas.

Como mantén a súa relación coa súa vila natal?
Agora teño menos vinculación, porque a vida cambia e é máis complicada. Meus pais, que vivían aí, xa morreron e iso me alonxou algo máis de Galicia, eu levo desde o ano 78 vivindo en Zaragoza. Aínda así, sigo tendo moi presente a Arteixo e gustaríame pasar máis tempo por alí.

Que bota de menos de aquí?
Moitas cousas, recordo con moito cariño Arteixo e á súa xente, teño grandes amigos como Xabier Maceiras, que está a facer un traballo de campo impresionante coas súas “Crónicas de Arteixo”.. Eu gardo unha imaxe de Galicia sublimada polos meus recordos, pola saudade e a sensación de perda, porque non estou aí. No libro invento un sitio que mestura lembranzas da miña nenez, que pasei entre Vilarnovo e Castelo, preto de Barrañán. O meu lugar máxico chámase Baladouro e alí fabulo con ese mundo primitivo e con personaxes viaxados e vencellados ao mar.

É profeta na súa terra e a biblioteca de Meicende leva o seu nome.
Iso é algo que me enche de orgullo, aínda que todavía non tiven oportunidade de coñecela e prestarlles todo o que precisen da miña bibliografía. Na miña casa teño uns 30.000 libros e faime moita ilusión que unha biblioteca leve o meu nome, ademais en Meicende, un lugar que tamén asocio coa miña infancia, cando vía os partidos de fútbol local e xogaba preto da presa. Espero poder visitar ese lugar pronto e ofrecerme para axudalos en todo.

Presentará o novo libro alí?
Sería unha emoción enorme, como se se pechara o círculo, porque está ambientado neses lugares pero nunca presentei unha obra miña na Coruña, por exemplo. Sigo moito a literatura galega, non só adoro os clásicos como Otero Pedrayo, Cunqueiro, Fole, Ferrín ou Dieste, senón que procuro estar ao día das novidades de Manolo Rivas, Xulio López Valcárcel ou Pepe Cáccamo.

Pódese vivir da literatura galega?
Hoxe en día é difícil vivir de escribir en calquera idioma. Agora xa non é tan importante a venda de libros como todo o que vai aparellado, desde conferencias ata colaboracións en prensa. Teño a sorte de levar vivindo do xornalismo e a literatura toda a vida.

Usa as novas tecnoloxías?
Temos que axeitarnos a un mundo novo, cada vez se compran menos libros. Hai que seguir.

Antón Castro | “Hoxe en día é difícil vivir de escribir en calquera idioma, xa non se venden libros coma antes”

Te puede interesar