
A IX Asemblea Comarcal da CIG da Coruña elixiu este sábado Óscar Calvo Varela como novo secretario comarcal, en substitución de Xabier Filgueira Domínguez que ocupaba esta responsabilidade dende o ano 2013. A candidatura de Calvo, a única que concorría, obtivo 146 votos a favor, 8 brancos e 1 nulo. No proceso, que se desenvolveu baixo o lema "Na Coruña, coa forza da nosa clase, organización e loita”, tamén se escolleu a nova Executiva Comarcal e as persoas que representarán a comarca no Consello Confederal. Ademais, no acto de clausura participou o secretario xeral da CIG, Paulo Carril.
A nova Executiva Comarcal, á que só concorreu unha candidatura, recibiu 148 votos a favor, 2 brancos e ningún nulo, quedando composta polas seguintes persoas: Óscar Calvo Varela, María Xosé Corominas Tenreiro, Ernesto López Rei, Silvia Mourelle Rilo, Patricia Cordo Ares, Armando Carril Casanova e Aida Vásques Varela.
Tras ser proclamado secretario comarcal, Óscar Calvo (que até agora era secretario de Organización) dirixiu palabras de agradecemento para Xabier Filgueira “polo enorme traballo desenvolto e por toda unha vida dedicada á loita sindical” da que “debemos tomar exemplo para seguir fortalecendo o noso proxecto nos vindeiros anos”.
Un sindicalismo nacionalista, describiu, “organizado, honesto, combativo e asembleario no que a clase obreira galega pode confiar para defender os seus dereitos, reclamar o que é seu e conquistar melloras nas súas condicións de vida e de traballo”; e que levou a que hoxe "a CIG sexa a maior central de Galiza e da comarca, por afiliación, representación e, sobre todo, por capacidade de mobilización e loita".
Calvo Varela fixo un repaso pola conflitividade máis recente destacando a loita por convenios dignos na limpeza, nas residencias privadas de maiores e centros de día -que xa levan seis xornadas de folga-, ou nos servizos de axuda no fogar; contra os ERE como o de concesionarios Yáñez ou o de Teleperformance; en demanda de melloras laborais e salariais na rede de escolas infantís municipais ou para pedir medidas de prevención e seguridade para o persoal da sanidade.
Conflitos que, valorou, se dan en grande medida en sectores feminizados, precarizados, relacionados cos coidados e privatizados. O novo secretario comarcal denunciou ademais a actuación de patronais sen escrúpulos como Carpintería Ramón García, que despediu ao presidente do comité “polo terríbel delito montar unha candidatura da CIG, presentarse ás eleccións e gañalas”. E animou a participar na concentración convocada para o vindeiro mércores, 18 de xuño, ás 11.30 horas, diante do SMAC da Coruña.
Neste liña, instou a reforzar a organización e a participación interna para fortalecer o sindicato “e seguir sendo a mellor ferramenta ao servizo da clase obreira galega nos centros de traballo, pero tamén fóra dos centros de traballo”, referíndose ao liderado da CIG na mobilización social "en defensa da sanidade pública, dun sistema público de atención ás persoas, no ensino, na defensa da nosa lingua, contra o xenocidio do pobo palestino, contra o espolio dos nosos recursos, os megrapoxectos depredadores como Altri".
No ámbito comarcal, reafirmou o compromiso do sindicato coa creación dunha área metropolitana que xestione mancomunadamente servizos públicos esenciais como o transporte e que defenda o modelo de Nostián dos ataques do PP “empeñado en protexer o caduco, caro e anti-ecolóxico modelo de Sogama”.
Reclamou un plan de infraestruturas que dinamice a economía de todo o Golfo Ártabro e a Costa da Morte, fomentando as conexións ferroviarias con Ferrol, a posta en marcha do ferrocarril a Carballo e Corcubión e un transporte marítimo entre as dúas beiras da Ría do Burgo.
Fronte ás políticas de fomento do turismo e o rentismo, reivindicou un plan industrial para a comarca “que aproveite as nosas potencialidades e que xere emprego de calidade e calidade de vida na nosa poboación”. Trasladou tamén o apoio ás reivindicacións das e dos mariscadores da ría.
Calvo reiterou a demanda de reintegrar os peiraos e os terreos da Maestranza “á súa lexítima propietaria, a cidadanía coruñesa. Non podemos consentir que o territorio coruñés sexa entregado de balde, unha vez máis, para maior beneficio de millonarias e especuladores”. De igual xeito, criticou o apoio da alcaldesa Inés Rey á creación de universidades privadas “que só serven para detraer recursos da pública e transferirllos á privada”.
Antes da elección dos cargos, a IX Asemblea Comarcal debateu e votou o Informe de Xestión da Executiva saínte que foi aprobado por 154 votos a favor, ningún en contra e ningunha abstención. No documento, defendido polo até agora secretario comarcal, Xabier Filgueira, faise un repaso pola acción sindical e a situación da Unión Comarcal da Coruña no último período, no que a central revalidou e afianzou a súa condición de primeira forza sindical.
Os datos finais do período completo 2020/2023 arroxan un resultado de 1.270 persoas delegadas da CIG (30,83% da representatividade), obtendo 244 representantes máis que UGT e 249 máis que CCOO. No que vai de ano 2025 os resultados na comarca sitúan a CIG nunha representatividade porcentual do 34,72%, mentres UGT ten o 27,25% e CCOO está no 23,08%.
Este medre na representatividade, sinálase, foi acompañado dun incremento da afiliación: máis de 2.400 persoas novas afiliadas nos últimos catro anos, cun promedio de 3,9 % ao ano.








