Ao coautor da cinta xunto con Paula Quiroga sempre lle picou a curiosidade deste personaxe do que oiu cousas en casa. Así que empezou a pescuda, primeiro como un traballo para a facultade de Xornalismo e logo de forma independente porque o audiovisual acabou tendo patas para camiñar libre grazas á colaboración da xente que foron atopando Lois e Paula: “Foi un tema que non se tocara e iso chamoume a atención ao tratarse dun alcalde da cidade”.
Os dous non só descubriron a unha persoa dadivosa, senón tamén “unha perspectiva diferente de ver unha cidade” porque cando “empezamos a elaborar o documental, era tabú para moitos sectores”. Significaba un modelo de cidade distinto ao que se acabou impoñendo, no que se daba “unha convivencia das forzas políticas e no plano urbanístico, fixéronse moitas zonas verdes e déuselle protagonismo ao porto”, unha cuestión en disputa actualmente. Ese concepto foi o que lles fixo saír da Coruña para despegarse do apelido “localista” e converterse en universal.
Por un lado, está o lado íntimo, aportado polo seu viúvo Jorge Galiñanes, que fala do afectivo e cariñoso que era e despois está o Merino profesional, dun xogador de xadrez que entrou na política por amor á humanidade e á cultura, algo parecido ao que lle pasou a Castelao.
Conta o estudante de Xornalismo que Domingos estaba por riba de calquera insulto, “cunha elegancia”, que os empurrou a mover o silencio e a falar de temas sobre os que non se escoita falar.
Di Lois que o homenaxeado cambiaba taco por ironía e do que supuxo ocupando despacho no Concello, a cinta destaca que con el se abriron as portas de María Pita. Xunto a Merino, estaba un Manuel Rivas que entrou como xefe de prensa a través dunha oposición: “Tamén intervén no documental”, ademais de cuestións como que os plenos se trasladaron ás oito da tarde “para que a xente puidese participar”.
Pero “Outra Coruña Posible” afástase de todo signo político, “non é un documental de partido, nin de trincheira”. Supón un relato porque “queríamos contar unha historia e seleccionamos as fontes en base a iso, empregando o lado creativo, analizamos a súa figura e A Coruña da súa época”. Tamén o abordaron como político contando dese o inicio coa cooperación da xente: “Tivo moi boa recepción, impresionounos moito porque nos paraban pola rúa”. Para Lois, foi como levantar unha pedra e atopar as palabras agochadas. Sen máis axuda que o seu maxín, a parella removeu no pasado para contar a historia do primeiro alcalde democrático tras o franquismo.