miércoles 23/9/20

Dolores Sanguiñedo | “Por primeira vez, a comunidade educativa está toda dacordo nas reivindicacións da Lomce”

A cabeza visible das Ampas nos colexios públicos da Coruña ve a Lomce como unha involución na educación dos críos, unha volta atrás que lle quita poder ao mestre coa implantación de reválidas que avalían o esforzo dun curso en catro días e supoñen

Dolores Sanguiñedo leva dous anos ao frente das Ampas | patricia g. fraga
Dolores Sanguiñedo leva dous anos ao frente das Ampas | patricia g. fraga

A cabeza visible das Ampas nos colexios públicos da Coruña ve a Lomce como unha involución na educación dos críos, unha volta atrás que lle quita poder ao mestre coa implantación de reválidas que avalían o esforzo dun curso en catro días e supoñen máis difilcultades de integración para os pequenos con necesidades específicas, os que pola súa parte entran no PMAR (Programa Mellora Aprendizaxe e Rendimento), que, segundo a representante, non lles dá a base para poder entroncar despois na ESO.

Cales son as principais carencias que ve na educación ou alomenos no que están loitando como pais de alumnos?
O máis importante é o que vén derivado da nova lexislación da Lomce, algo que queremos que se deroge 100%, as reválidas e os currículos porque estas probas, en principio, son informativas con finalidade de diagnose ata que se produza o pacto de estado. Cando se aprobe, a ver que pasa...

Por que están en contra de que se fagan reválidas?
Supoñen unha volta atrás na educación, é algo que non se precisa porque hai moitos medios para avaliar aos nenos.

Por que pensan que se implantaron? Ve algo positivo en que realicen este tipo de probas?
Nada. O PP di que hai que primar o esforzo, pero hai moitos xeitos de facelo e non así, pechándolles ás portas a pequenos con problemas específicos. O que acaban provocando as reválidas é que se preparen as probas, pero iso non debería ser a finalidade educativa. Non poden pasar o tempo preparando as reválidas. Ademais, son discriminatorias. Non se pode avaliar a unha persoa por algo que fai entre dous e catro días. É como poñer máis pedras e quítaselle poder ao mestre, que é o que mellor coñece aos alumnos para avalialos. Non ten que vir ninguén externo. É como se isto fora unha carreira de obstáculos.

Ve algo no que se mellore coa nova normativa?
Non, para min é unha involución clarísima porque o feito de diversificar e que en terceiro da ESO teñan que decidir entre aplicado ou académico fai que os que orientan os estudos a FP e elixen aplicado, despois non poden voltar atrás para escoller académico e facer o Bacharelato.

Isto é, que deixan de dar determinadas materias antes?
Si, os coñecementos non son os mesmos. Despois, está o programa novo PMAR (Programa Mellora Aprendizaxe e Rendimento para alumnado de ESO) para xente con problemas de aprendizaxe, que é moito máis sinxelo ca ESO e os nenos non consiguen ter unha base. Antes, a diversificación curricular si tiña suficientes contidos para que os alumnos puideran empatar coa ESO.

Sobre este rexeitamento á Lomce, que opinan os mestres? Están coas Ampas?
Por primeira vez, a comunidade educativa –profesores, pais e alumnos– está toda dacordo nas reivindicacións da Lomce. Para o pacto de estado hai unha subcomisión pero o tema non avanza. Están intentando recabar ideas por comunidades. Diríxense ás asociacións de pais e nais, pero sen tempo material para aportar nada. O máis probable é que estas achegas non sexan tomadas en conta.

Cando se sabe se as reválidas van para diante ou se teñen en conta as vosas peticións?
Suponse que a primeiros de marzo haberá algunha nova. O normal sería ter tido un pleno do Consello Escolar de Galicia para consensuar aportacións. Eu pertenzo á comisión permanente desde agosto.

Cre que houbo avances dalgún tipo na forma de ensinar?
Ningún.

Nunha entrevista a un experto en mindfulness falou de que os nenos exercitan moito menos a memoria e que é importante traballala.
Penso igual, como lle digo á miña filla, “a táboa de multiplicar hai que cantala”. Aos nenos hai que motivalos, é complicado polo que teñen fóra das aulas, pero non se deberían de perder as técnicas de estudo.

Como está sendo a introdución da tecnoloxía nas clases?
Danse situacións moi dispares. Hai aulas que teñen Abalar e traballan con pizarras magnéticas e centros nos que non chega internet. A tecnoloxía implica moitas diferenzas entre o rural e o urbano.

Os bancos de libros son efectivos? As necesidades das familias están cubertas?
Para min, os bancos de libros son unha pretensión de chegar co tempo ao préstamo universal sen querer recoñecelo. A maior igualdade é libros para todos. A Xunta mira o nivel económico e en función diso dan tres, catro ou cinco libros. Despois, están os bancos paralelos das Ampas. O que si, desde a Administración animan os pais para que leven os libros ao centro. Cos anteriores, había para todos, non se discriminaba e creo que é máis económico iso que o sistema que empezou o PP do cheque porque facendo contas, gástase máis cartos que mercando lotes para cada curso, cando hai nenos que non os devolven.

Hai conciliación laboral e familiar tendo os nenos en colexios públicos?
Agora si. A conciliación haina grazas ao traballo das Ampas que son os que se encargan de completar o horario escolar con actividades. Se teñen xornada única, están no colexio de 09.00 a 14.00 horas. A partir das dúas, teñen comedor, xa sexa xestionado pola Xunta ou polas Ampas e actividades de tarde. Así que en principio están ocupados mínimo até as seis. Nos nenos transportados, o único é que non teñen bus para a volta. Necesitan que os vaian a buscar. Tamén están os “madrugadores”, postos polas Ampas e coa mesma condición que de optar por deixalos antes, son os pais quenes os levan.

Como se pode sustentar todo isto?
Coas axudas dos pais e dos concellos. Na Coruña hai un convenio asinado hai anos polo que se subvencionan as tres cuartas partes do custo das actividades. O Concello implícase pero isto vén de moito tempo atrás e na cidade podemos garantir que os rapaces estean no centro desde as 07.30 ás 18.00 horas como mínimo.

Como é a implicación actual dos pais na educación dos seus fillos?
Hai de todo. Hai moitísima desigualdade, de pais que manteñen grupos de Whatsapp que se pasan os deberes, preguntan que hai para mañá e despois os fan cos nenos. Cando hai pais así, a desigualdade é evidente. Os nenos tamén teñen grupos e pásanse deberes e apuntes. Hoxe en día, hai rapaces que estudan polo móbil e pais que están demasiado implicados. Non ten sentido facer deberes por sistema, pero menos que os fagan os pais.

Cal é a situación do galego nas aulas coruñesas?
É mala, non temos conciencia de país. Non se utiliza como se debería e moita culpa témola os pais. O galego ten que ter unha discriminación positiva. Agora hai asignaturas en galego e en castelán e dependo do profesor de turno que escolla unha lingua ou a outra, menos nas materias lingüísticas, claro. Na cidade non pasaría nada aínda que fosen as cinco horas lectivas en galego porque teñen o castelán na casa e na tele, está en todos os sitios.

Están demasiado obsesionados co inglés como para darse conta da importancia que ten o galego? Mellorou a forma de dar o idioma anglosaxón?
É unha obsesión a do inglés, si. Creo que é importante pero tampouco é como para obsesionarse. Pasouse dun sistema que era gramática e chapatoria a outro moito máis oral e nese sentido, a aprendizaxe mellorou.

A ratio permite que a atención aos nenos en clase sexa de calidade?
Son 25 máximo en Infantil e Primaria e 30 na Secundaria, repetidores aparte, co que se poden xuntar 35. Cando hai nenos con trastornos de aprendizaxe, é imposible atendelos con tantos alumnos.

Comentarios