
Os Diplomáticos de Monte Alto e os veciños do barrio celebraron hoxe un roteiro, baixo o nome ‘Todas somos Diplomáticas’, para celebrar que unha das rúas da zona levará o nome do mítico grupo coruñés. A proposta, impulsada pola Asociación Cultural Alexandre Bóveda, conquistou a membros da banda como Xurxo Souto, Guni Varela e Pulpiño Viascón, que camiñaron con lecidia e música desde o entorno da praza de San Xosé ata o Circo de Artesáns de San Andrés xunto a decenas de persoas.
Souto, un dos líderes da expedición, explica que os membros do grupo están “moi contentos” polo do nome. Especialmente, di, porque é na rúa onde antes se honraba ao alcalde franquista Sanjurjo de Carricarte, e que levará agora o nome do grupo trala iniciativa da AC Alexandre Bóveda, á que agradeceu.
A travesía discorreu polas rúas con significado para o grupo e o barrio. Partiu da praza de San Xosé e pronto chegou á rúa Oriente (onde tocaban Los Satélites), logo Polvorín (centro do carnaval do barrio), Marola (onde naceu o escritor Manuel Rivas), campo de Marte (onde Os Diplomáticos de Monte Alto tocaron en numerosas ocasións nas festas do barrio), campo de artillería (onde está a sala Mardi Gras, na que tamén tocaron), entre outras. A festa rematou no Circo de Artesáns de San Andrés, onde está a sede da AC Alexandre Bóveda, e cuxa discoteca foi testigo doutra noite máxica de festa.
A AC Alexandre Bóveda, nun comunicado, destacou que Os Diplomáticos de Monte Alto “non só representan unha expresión musical singular e profundamente galega, senón que tamén son símbolo de resistencia cultural, irreverencia democrática, compromiso e defensa da identidade popular”.












