Un deseñador coruñés rende homenaxe a Afonso X coa Baralla de Pedra

Imaxe promocional da Baralla de Pedra | landra gráfica

A firma Landra Gráfica, do coruñés Miguel Cuba, vén de presentar a Baralla de Pedra, “un artigo que é ao mesmo tempo un xogo de cartas, un recurso didáctico, un artigo de coleccionismo ou mesmo un souvenir”.


Así o explica o propio Cuba, que destaca que no 800 aniversario do nacemento de Afonso X O Sabio “era o momento idóneo que para facer unha homenaxe á lírica medieval galego-portuguesa, que pasa por ser unha das épocas douradas da nosa literatura e que desperta moito interese no extranxeiro, non tanto aquí, onde apenas se promociona”.


Apunta que tamén é o momento axeitado de lanzar esta baralla debido ao Ano Xacobeo “e coa restauración do Pórtico da Gloria aínda moi recente, para poñelo en relación con outros elementos patrimoniais importantes en Galicia como a escultura románica, presente non só na catedral de Santiago senón tamén en igrexas e capelas do noso territorio”.


Este produto é versátil, moi visual e “xoguetón”, comenta Miguel Cuba, perfecto para estas datas de regalos e cartas a Papá Noel e Reis Magos.


A Baralla de Pedra inspírase na baralla tradicional pero adaptada ao mundo da lírica medieval. “Nestes naipes amósanse os principais tipos de cantigas (amigo, amor, escarnio e maldicir), os distintos profesionais da música medieval (do segrel á soldadeira, do trobador ao menestrel), algúns dos símbolos recurrentes nestas composicións (o cervo, a fonte, a ermida etc) e, sobre todo, os protagonistas que a fixeron posible, de María Balteira a unha escolma dos trobadores máis representativos (Martín Códax, Meendiño, Afonso X o Sabio, Airas Nunes, Bernal de Bonaval, Paio Gómez Chariño, etc)”, manifesta Cuba.

O deseñador coruñés quería mesturar o factor histórico coa experiencia didáctica e achegar a lírica galego-portuguesa a todo tipo de públicos “a través dun obxecto cotián e lúdico e non dun libro de texto”.


Referencias ao Pórtico

A Baralla de Pedra recrea, tamén, instrumentos musicais e vestuarios medievais presentes no Pórtico da Gloria ou no coñecido como “Libro dos músicos” –un dos pouco manuscritos orixinais que se conservan das Cantigas de Santa María, a obra promovida por Afonso X– ademais doutras fontes documentais, sinalan desde Landra Gráfica.


Este artigo pode adquirirse directamente na web a un prezo de 9,95 euros máis IVA. Tamén están dispoñibles na tenda online dúas tazas, unha dedicada a Afonso X e outra a Martín Códax, ademais dunha chea de produtos con autores como Castelao, Rosalía ou Cortázar como protagonistas.

Un deseñador coruñés rende homenaxe a Afonso X coa Baralla de Pedra

Te puede interesar