Baiuca | “É positivo que existan proxectos con identidade; pódese triunfar na música coa idea de cantar na túa lingua”

Alejandro Guillán ‘Baiuca’ (Catoira, 1990) será o encargado de abrir as Festas de María Pita 2025 coa súa mestura de música tradicional galega e de sons electrónicos. O artista catoirense regresará á urbe herculina case un ano despois de tocar no festival Noites do Porto, no peirao de Batería, para deleitar aos asistentes dunha cidade na que tocar “é todo un privilexio”.
¿Que supón para vostede tocar nas Festas de María Pita?
Creo que é un deses lugares perfectos para un concerto, aínda que xa estiven na praia de Riazor como parte do Noroeste hai uns anos. O público da Coruña é un dos que mellor nos acolle. Todas as visitas á cidade foron sempre moi boas. Para min é todo un privilexio.
O ano pasado estivo de xira europea. ¿Como foi a experiencia?
Este ano non estamos viaxando tanto fóra como o pasado. No 2024 si que o fixemos e a acollida foi moi boa. Estou moi contento vendo o ben que está a reaccionar a xente a este novo disco (Barullo), que nun sentido está máis enfocado ao baile.
Pasaron máis de sete anos dende que irrumpiu na escena con ‘Solpor’. Hai un ano saiu Barullo, un álbum totalmente diferente.
A verdade que si. Sempre é a miña idea. Eu no plantexo facer un disco de longa duración se non vai rachar co disco anterior. ‘Embruxo’ e ‘Solpor’ xa eran moi diferenciados e o mesmo pasa con ‘Barullo’. Obviamente son discos que todos sonan a Baiuca e iso para min é algo moi importante. Sempre busco ter certos estilos que caractericen a miña música. Iso é algo que todo artista con personalidade debería buscar, máis aló da relación con Galicia. Que me relacionen cunha canción ou un estilo músical é algo do que estou moi orgulloso. Que poidan dicir, isto sona a Baiuca. Iso encantaríame.
¿Como nace a idea de facer un disco máis electrónico?
En realidade sempre estivo presente. Na miña cabeza sempre foi un desexo e ata agora nunca xurdiu a ocasión de facelo. Quería facer algo máis mirando ao clube, pero nunca saiu con tanta forza como neste disco.
¿Tiña medo de perder a esencia folclórica galega?
A verdade é que os inicios dos discos saen de forma espontánea. Cando me dou conta das caracterísiticas que quero meter, tiro por aí. Neste disco, por exemplo, as percusións están máis presentes que en ‘Embruxo’. Agora quería que eses sons xogaran outro papel. Foi un cambio pero sen apartar a identidade galega, que sempre está presente na miña música.
Ademais, tamén están presentes moitas voces colaboradoras.
Si. Ao final cando vou tendo melodías e ideas de composición vou vendo que voces me piden e cales poden funcionar. Neste disco participaron artistas como Xurxo Fernández ou Felisa Segade. Poder contar con eles foi marabilloso. Tamén con Lelaina, que no disco anterior, ao facelo na pandemia, o fixemos a distancia. Apetecíame ter ese contacto con eles. Normalmente estou no estudio moitas horas só. Hai que compensar con colaboracións que me axuden a ter visións que me poidan servir de inspiración. Cando te metes no estudio con outra persoa, nunca sabes que ideas te pode aportar.
¿Cal é a súa visión do panorama actual da música galega?
É un momento no que a escea vai cambiando. En Galicia sempre houbo moita música e o positivo que hai agora é que non hai medo de que se convirta en música de masas. A nosa industria non ten nada que ver con outras. Hai veces que pensamos que aquí está todo moi ben pero cando miras a outros lugares ves que hai moito que cambiar e avanzar. Temos moito talento. Non hai que ter medo a fracasar nin a buscar un camiño novo.
¿Todos estes novos grupos axudan a descentralizar a música?
A industria en España está centrada en Madrid, pero eso non debería ser unha excusa para pensar que non se poda facer música desde outros lugares. É moi positivo que existan proxectos con identidade como a nosa. Pódese triunfar na música coa idea de cantar na túa lingua.












