
A Romaría de Santa Margarida regresa un ano máis ao cartel das festas de María Pita, para pechar da mellor maneira o mes de celebracións na Coruña. Será dende o 28 ao 31 de agosto e cunha estrea calificada de "evento espectacular" polo concelleiro de Cultura, Gonzalo Castro. Na presentación do programa completo este mércores, o edil sinalou que este evento, que pon o feche ás festas de María Pita "ten un especial valor dende un punto de vista cultural, identitario, e político. A reivindicación do noso, da nosa cultura, da nosa lingua".
Por iso, Gonzalo Castro non quixo pasar a oportunidade para agradecer o traballo das agrupacións e entidades que "día a día traballan na difusión da nosa cultura na cidadae, que fai que A Coruña sexa referente", agrupacións e entidades que volverán ter unha presenza central na romaría do parque de Santa Margarida. "Unha romaría que cada ano é mellor e que combina o máis tradicional con propostas máis novidosas e doutros países, nacións irmás do ámbito cultural celta", sinalou o edil. "Persoalmente, síntome moi orgullo de participar na iniciativa. Eu, dende que teño uso de razón, teño clarísimo o país no que vivo, a miña cultura e a miña linuga, onde debo estar e que debo defender, por iso agradezo o traballo das entidades", sinalou Castro antes de comezar a debullar o programa completo, que se iniciará o 28 de agosto.
Será da man do proxecto Gala i Ovidio, que une a cantante Aida Tarrío, compoñente das Tanxugueiras, e o produtor e músico Raül Refree. Os dous propoñen unha reinterpretación das cancións tradicionais, diluído xéneros polo camiño, nun proxecto musical que rende homenaxe aos fillos de Rosalía de Castro que nacían en 1871 cos nomes de Gala e Ovidio.
As entradas para o concerto, que será o xoves 28 dende as 21.00 horas e no que tamén estará Belém Tajes, están á venda en Ataquilla a partir de 21,60 euros.
Ao día seguinte, o 29 de agosto, chegará unha nova edición de Música nas Estrelas, que levará música e visuais ao Planetario da Casa das Ciencias, nesta ocasión, da man de Germán Díaz e Benxamín Otero e con visuais de CASF.
Ao serán o anfiteatro do parque de Santa Margarida viste as mellores galas para a Gran Noite do Folclore, coas actuacións das asociacións tradicionais más representantivas da Coruña: Cántigas da Terra, Son d'aquí, Donaire, Aturuxo e Xacarandaina.
O sábado 30 comezará a Romaría ás 11.00 coa apertura da mostra de entidades e artesanía. Á mesa hora, Aturuxo impartirá un obradoiro de iniciación á pandeireta e ás 11.15 será o momento para outro de achegamento ao baile na comarca de Ordes da man de Cántigas da Terra. Fransy González encargarse ás 12.00 dun obradoiro de pandeireta avanzado no que se aprenderá a tocar a ruada de Cances da Vila e ás 12.30 os máis pequenos poderán achegarse ao baile tradicional da man de Son d'aquí.
Ás 13.30 actuará Pan Sen Fron antes de pechar a mostra de entidades e artesanía dende as 14.30 ás 16.00. Ás catro Maghúa impartirá un obradoiro de Combo de Percusión Tradicional é as 16.15 Xacarandaina ensinará baile tradicional a adultos na súa versión para iniciarse. Pan Sen Fron chegará co seu obradoiro intermedio de pandeireta ás 17.00 e Artur Puga porase á fronte do obradoiro avanzado de baile no sur de Ourense. Ás 18.00 dende Donaire ensinarán aos que se queiran achegar por vez primeira á pandeira e ás 19.00 pechará a mostra e actuará Abril.
Os concertos da noite do sábado terán como protagonistas ás cantareiras, homenaxeadas no Día das Letras Galegas 2025, podendo ver tres formatos arredor da poesía popular oral, dende o máis tradicional con As Lagharteiras e Os do Fondo da Barra, até Comando Curuxás e Cántigas e Frores, que misturarán as súas voces nunha noite para desfrutar e bailar.
A xornada do domingo 31 comezará coa música da Banda Municipal da Coruña na escalinata da Casa das Ciencias. A continuación, o escenario das merendas acollerá o dúo cántabro Casapalma e pola tarde haberá pasarrúas de Espadana antes do concerto de Xiro. Os concertos da noite terán como convidados Os Melidaos, seguidos dos escoceses Rura, acollendo de novo unha nación celta na Romaría tras recibir en anos anteriores Sharon Sannon e Starijenn. Pechará a programación unha daas bandas máis prometedoras do folk estatal e que traerán convidadas galegas, El Nido.













