Antón Reixa | “Nunca tivemos unha banda tan enérxica, con tanto sentido do espectáculo e tanta técnica coma agora”

Antón Reixa | “Nunca tivemos unha banda tan enérxica, con tanto sentido do espectáculo e tanta técnica coma agora”
La banda, en una imagen promocional | antón segade

A cabeza de Antón Reixa arde pero non queima. Home polifacético e flamante gañador da Medalla de las Bellas Artes, o escritor, cantante, guionista, productor e todo o que se lle poña por diante vén de “resucitar” dous dos seus estandartes: Os Resentidos e o colectivo Rompente. No verán de 2018 a mítica banda de rock decidiu voltar aos escenarios e o “siroco” creativo foi tal que xurdiron novos temas, que presentarán este sábado no Garufa Club (22.00 horas).

Siniestro Total sepáranse e Os Resentidos ao revés, a tope.
Somos grupos irmáns e é certo que eles nunca pararon. Nós estamos volvendo en serio desde 2018, así que todo o que dixen de Mick Jagger vou ter que tragalo.

Como está sendo o regreso?
Cunha ilusión renovada, ademais este concerto do Garufa estaba programado para o 13 de marzo de 2020, cando se decretou o estado de alarma, así que felices. O pasado verán estivemos tocando bastante pero co protocolo covid tocabamos ao aire libre e para un público sentado, unha circunstancia moi estraña para un grupo de rock. Como alí non se podía bailar nin fumar acababa todo o mundo fóra da zona acotada e nós tocando diante de cadeiras baleiras. No Garufa, afortunadamente, estaremos suor contra suor.

A que soan Os Resentidos agora?
Aos de antes, pero ben tocados. Dos fundadores do grupo inicial quedamos Javier Soto e mais eu, el é o guitarrista de Siniestro, que se retiran en maio, pero Javier continuará nos Resentidos. Estamos rodeados de xente máis nova e nunca tivemos unha banda tan enérxica, con tanto sentido do espectáculo e con tanta técnica. Curiosamente cando escribimos novas cancións veuse que somos Os Resentidos de sempre: hai rock and roll, hai rap e hai música latina, os tres ingredientes do noso repertorio histórico. E está todo moi ben tocado, a pesar do cantante.

Supoño que nos seus concertos haberá moito nostálxico e moitos que leven aos seus fillos.
Si, déronse casos. No 2019 veuse o target claro da banda no Festival de la Luz, en Boimorto: xente que nos coñeceu nos 80, familias, xente relativamente nova que nos descubriu polo Xabarín Club... Igual que somos contrabandistas e transxénero na música, tamén somos transversais no público.

Tamén houbo quen descubriría o grupo cando soou “Galicia caníbal” na serie “Fariña”.
Recoñezo que grazas a que Carlos Sedes, o director dos capítulos, recuperou “Galicia caníbal” e “Galicia sitio distinto” produciuse unha reactualización do grupo.

Que opina de fenómenos como Tanxugueiras ou Baiuca?
Espectacular. No seu momento fomos o primeiro grupo que acadou a profesionalidade cantando en galego e agora debe haber 200 grupos. O de Baiuca é un fenómeno que sigo, moi interesante.

O seu desde o accidente de 2016 foi unha auténtica reconstrucción, que diría Xoel López. E mesmo superou o covid.
Si, tívenas todas. Pero estas cousas danche unha visión enerxética da vida.

Algún proxecto máis á vista?
Estou empezando cos monólogos e quero lembrarme de Pedro Brandariz, co que comecei nese territorio.

E polo medio, a Medalla.
Eu creo que se confundiron (ri). É un premio a toda a cultura galega, eu enténdoo así. 

Antón Reixa | “Nunca tivemos unha banda tan enérxica, con tanto sentido do espectáculo e tanta técnica coma agora”

Te puede interesar