O Pazo de Meirás acolle esta fin de semana a primeira edición do Día de Meirás, unha iniciativa impulsada polo Consello Cívico de Meirás en colaboración co Concello de Sada, que nace coa vocación de consolidarse como unha cita anual arredor da memoria, o patrimonio e o futuro deste espazo emblemático.
Baixo o lema “Memoria, tradición e futuro”, a xornada inicial deste sábado acolle a representantes institucionais, entidades culturais, investigadores e veciñanza para reflexionar sobre o significado de Meirás e sobre o proceso que permitiu recuperar o Pazo para o patrimonio público.
Durante o acto tivo lugar unha homenaxe a distintas persoas e entidades que participaron activamente neste proceso de recuperación.
Entre as persoas recoñecidas atopábase o alcalde de Sada, Benito Portela, quen reivindicou este logro como o resultado dun traballo colectivo impulsado pola sociedade galega e, de maneira moi especial, polo movemento memorialista, que durante décadas mantivo viva a reivindicación da devolución do Pazo á cidadanía.
A recuperación de Meirás constitúe un fito democrático e un exemplo de compromiso coa memoria histórica, permitindo que un espazo que durante anos simbolizou a apropiación e a impunidade sexa hoxe un lugar aberto ao coñecemento, á reflexión e ao encontro da cidadanía.












