
Case dez anos despois da súa morte, a obra de Eduardo Fernández Rivas segue ‘medrando’, e non só nos muros da súa casa natal, convertida hoxe en museo, senón tamén na memoria colectiva dunha vila que comeza a redescubrir a dimensión dun artista internacional nado do Fiunchedo.
Ata o final do mes de abril, a Casa da Cultura de Sada acolle unha exposición que non deixa indiferente a ninguén: 80 obras, cores intensas e trazos contundentes que revelan o vigor creativo dun autor irrepetible, como explica o seu irmán Farruco, director da Casa Museo Rivas.
“É unha exposición xigante”, comenta entre as máis de oitenta copias colgadas na entrada da Pintor Lloréns, que o visitante pode mercar. “Se venderamos os orixinais, a casa museo non tería sentido”, aclara Farruco.
O obxectivo da mostra é claro: democratizar o acceso á obra de Fernández Rivas, homenaxear a súa memoria e reivindicar a súa arte: “Queremos que toda a xente poida coñecer esta obra xigantesca”, insiste o director da casa museo e comisario desta exposición, convencido de que, durante anos, o artista –en alta estima en círculos reducidos e cunha traxectoria internacional que o levou a expoñer en cidades como Nova York, Madrid ou Boloña– segue sendo un misterio para moitos veciños de Sada.
A súa obra está espallada por coleccións de medio mundo, e iso contribuíu, dalgunha maneira, ao seu descoñecemento na súa terra, polo que esta exposición pretende devolvelo ao sitio que merece aquí, en Galicia.

Definir a obra de Fernández Rivas non é sinxelo, xa que atravesa distintos estilos, cun código único marcado polo expresionismo, pero tamén por unha constante investigación artística e unha ‘obsesión’: Exipto.
Así, segundo críticos da súa época, tratábase dun creador capaz de reinterpretar múltiples correntes, construíndo unha identidade propia, allea a modas ou influencias superficiais, como no seu día apuntou a crítica británica Lavinia Morrison, quen incidiu en que “su obra jamás les dejará indiferentes”, nin en Italia, coa que estivo estreitamente vencellado, nin nos Estados Unidos, onde sorprendeu aos críticos da revista ‘Temas’ tras unha mostra individual na Galería Jaditte de Nova York, nin en Galicia.
A súa faceta como exiptólogo engade unha dimensión singular á figura de Eduardo Fernández Rivas. Apaixonado polo Antigo Exipto, chegou a impartir conferencias, publicar ensaios e mesmo conducir un programa televisivo dedicado ao mundo faraónico, que non dubidou en investigar directamente en museos e xacementos, acumulando unha ampla bibliografía especializada e gañando recoñecemento tamén neste ámbito, con varios libros, o último, publicado despois da súa morte, en 2018. “Viaxou moitas veces a Exipto, mesmo varias veces nun ano”, sinala Farruco

A exposición de Sada é só o comezo e Farruco xa traballa en levar esta mostra por outras cidades como Betanzos, A Coruña ou Ferrol, nun intento de consolidar o nome do seu irmán como un dos máis destacados valores culturais da terra e de dar a coñecer a Casa Museo Rivas.
Os ingresos obtidos da venda das copias –con prezos accesibles— destínanse ao mantemento do museo e á continuidade do proxecto dos Fernández Rivas. Porque, en realidade, todo xira arredor dese lugar: a casa do Fiunchedo. Un espazo onde pasado e presente dialogan, onde a memoria se conserva viva e onde a obra dun artista que percorreu o mundo regresa, finalmente, ás súas orixes, a Sada.
Agora, tendo en conta o contexto e a historia do artista, visitar a mostra da casa da cultura sadense non é só contemplar cadros, tamén é achegarse á vida dun home bohemio, erudito e profundamente creativo; un artista que levou a súa obra por distintos países, que investigou culturas antigas e que deixou unha pegada que agora comeza a ser recoñecida como merece nas Mariñas. Dez anos despois da súa morte, Eduardo Fernández Rivas segue falando. E faino, como sempre, a través da súa pintura









