
Juan Fariña presentará a súa terceira novela 'Agosto Dezaseis' o mércores 22 de xullo ás 19.00 horas na Casa Charry de Oleiros. Un acto no que intervirá o alcalde, Ángel García Seoane.
‘Agosto Dezaseis’ transcorre en territorio recoñecible: Betanzos. Un territorio envolto na historia, a memoria, a imaxinación e algún que outro misterio dos xa incontables que esconde a Cidade dos Cabaleiros.
O núcleo da narración é o Globo de San Roque, parte do día 16 de agosto como referencia temporal inevitable e, case a modo de ucronía, vai desenvolvendo toda a acción na cidade do Mendo e do Mandeo.
A novela desprégase en diferentes momentos históricos mais o lector pode identificar moi facilmente rúas e barrios, como a A Magdalena, A Ribeira ou Santa María, ou as celebracións do San Roque, que aínda que aparecen transformadas conservan toda a súa identidade.
Un dos elementos máis salientables da novela son os 'misteriosos' túneles subterráneos, as minas do casco histórico que tanto tempo levan espertando a curiosidade de historiadores, investigadores e veciñanza e das que pouco se sabe a día de hoxe, e a atmosfera que envolve ese misterio patrimonial de Betanzos é peza angular na obra de Fariña.
A novela serpentea entre unha realidade documentada, a especulación do que puido ser se dera outra solución e a ensoñación convertendo en literatura algúns episodios descoñecidos de Betanzos.













