
O Concello de Oleiros lamenta profundamente o falecemento de Juan Carlos Paz Viñas, axente da Policía Local de Oleiros, e traslada o seu máis sentido pésame á súa esposa, ao seu fillo e á súa filla, así como ao resto da súa familia, amizades e compañeiros e compañeiras da Policía Local.
"Con Juan Carlos desaparece non só un excelente profesional, senón tamén unha extraordinaria persoa. A súa humanidade, a súa cercanía, o seu compañeirismo e a súa permanente disposición para axudar aos demais convertérono nun referente para varias xeracións de policías locais de Oleiros", destaca o Executivo nun comunicado.
O Goberno de Ángel García Seoane abunda en que "aínda que xa podía estar xubilado, decidiu continuar en activo porque entendía a súa profesión como unha auténtica vocación de servizo público". "Esa forma de entender o seu traballo, sempre con responsabilidade, xenerosidade e entrega, valeulle o respecto e o cariño de todos os seus compañeiros", aseguran.
Desde o Consistorio oleirense lembran que "eses valores quedaron reflectidos na actuación extraordinaria que protagonizou en setembro de 2024, cando, xunto con outro compañeiro -Emilio Rocha Vilariño-, dous axentes da Garda Civil de Oleiros e un profesional do 061, participou no rescate dunha muller que pretendía quitarse a vida desde o tellado dun edificio de Perillo".
"Tras máis de dúas horas dun operativo de enorme complexidade, Juan Carlos aceptou ser asegurado cun arnés improvisado mediante unha corda para acceder á cuberta do inmoble. Reptando sobre as tellas, sen ser advertido pola muller, abalanzouse sobre ela no instante preciso para impedir que se lanzase ao baleiro. A rápida actuación do resto dos efectivos permitiu arrastralos a ambos ata o interior do edificio. Como consecuencia desta intervención, Juan Carlos sufriu queimaduras nun brazo", lembra o Concello.
Por este acto de valentía e compromiso co servizo á cidadanía, Oleiros concedeulle unha mención honorífica, recoñecendo un comportamento exemplar que representa "os máis altos valores da Policía Local e do servizo público". "O seu legado permanecerá para sempre na memoria deste Concello e de todos os seus compañeiros, para os que foi un exemplo de profesionalidade, entrega e, sobre todo, de calidade humana", conclúen.














