
O grupo municipal do Bloque Nacionalista Galego (BNG) de Oleiros reclamará no pleno a construción dunha nova escola infantil no municipio, "un concello que está a medrar", explican.
"Cada vez hai máis crianzas de até tres anos no noso concello. As escolas infantís son unha ferramenta fundamental para a conciliación das familias, ademais de supor o primeiro contacto das crianzas cunha educación especializada da man duns traballadores e traballadoras que teñen uns dereitos laborais que é preciso protexer", engade a formación, que asegura que "as prazas nas escolas infantís non chegan".
O BNG preguntará na vindeira sesión "qué xestións están a facer ante a Xunta para dar solución a esa demanda non cuberta e qué teñen previsto facer coas familias que, previsiblemente, se van trasladar a Oleiros nos próximos tempos".










