Camiñante non hai camiño, faise camiño ao andar por Oleiros
O Concello edita un calendario para 2026 que se centra nas bondades do exercicio pausado e nas sendas peonís

Que sería das máis coñecidas estrofas do libro 'Campos de Castilla' se Antonio Machado houbera paseado por Oleiros? Mellores pode que non, pero a rima ía variar, e dabondo. Non cabe dúbida que insertar o nome do concello no poema non ía ser tarefa doada. Pero as cousas foron como foron e o resultado é dos máis dignos e recitados da lírica do mundo mundial. Non obstante, este exercicio contrafactual, en parte, acábao de facer o goberno local coa publicación dun calendario para 2026 que convida a camiñar con frases reflexivas, como as do poeta castelán, e fotos da paisaxe peonil do municipio.
A publicación, que acompañará os doce meses do ano con fotografías tanto das sendas peonís como de emblemáticos paraxes, xa se está a repartir por todos os fogares xunto cun novo número do boletín 'Vivir en Oleiros'.
Parque da lagoa de Mera
O parque da lagoa de Mera abre a publicación, que viaxa ao parque Santiago Carrillo da Pezoca en xaneiro, coa cita de John Ruskin, un escritor socialista cristián inglés do século XIX, sobre o engailante que é o pracer dun paseo sosegado. Alguén que camiña á beira do mar en Santa Ana, cos faros de Mera ao fondo, protagoniza un febreiro no que o tamén decimonónico poeta británico Alfred Tennyson reflexiona sobre a vida na cita: 'Eu son unha parte de todo o que atopei no meu camiño'.
Unha árbore da finca Tenreiro, en Nós, ao pé dunha senda, acompaña unha frase moi significativa sobre a importancia da infraestrutura peonil pronunciada polo sociólogo americano William Holly Whyte: 'A xente tende a camiñar se dispón de lugares axeitados para iso".
As sendas do parque das Trece Rosas protagoniza abril cunha frase do escritor alemán Hermann Hesse sobre a relación que hai entre as sendas e a vida das persoas. Maio dá para unha breve reflexión nacida da cultura popular, sobre a velocidade lenta cando o obxectivo é ambicioso, sobre unha imaxe do parque Rosalía Mera de Dorneda.
A xente tende a camiñar se dispón de lugares axeitados para iso
Xuño saúda cunha fotografía do concorrido paseo da ría, en Perillo, á que acompaña unha cita do que se considera o urbanista máis activo da humanización das cidades contemporáneas, Jan Gehl, sobre a importancia da mobilidade natural (camiñar e moverse en bicicleta) e a sustentabilidade urbana.
A senda do rego de San Pedro, que transcorre por Iñás e Nós paralela a N-VI, destinada en exclusiva á mobilidade ciclista e peonil, serve para unha reflexión minimalista sobre o tropezo como mecanismo de aprendizaxe. Pola súa parte, Bastiagueiro en marea baixa cheo de xente camiñando pola beira serve de marco a unha cita doutro clásico da mobilidade contemporánea, Colin Buchanan, un enxeñeiro inglés que teorizou sobre a calidade ambiental das rúas, falando da liberdade humana e a 'calidade civilizada' dunha área urbana.
Un recuncho do xardín romántico de Montrove, nas ruínas do pazo Ibarrola, acompáñase dunha reflexión anónima sobre a importancia dos sentidos e o coñecemento, que tenden a reforzarse cando se camiña. É a folla de setembro. Outubro viaxa á fronte marítima e o parque Luís Seoane de Santa Cruz, co castelo de fondo e unha frase de Eduardo Galeano incidindo na escasa importancia de caer cando se camiña.
A vida de cada persoa é un camiño cara si mesma, o ensaio dun camiño, o bosquexo dunha senda
A Marola, o mar Ártabro, o horizonte e o cantil do monumento natural de Serantes e Dexo mostra en novembro unha senda natural daquel espazo, polo que camiñan unha chea de persoas nunha ruta organizada, coas súas roupas de cores e unha frase que serve para pensar no paso do tempo.
E Machado é o persoeiro encargado de pechar o calendario no parque de Bastiagueiro co seu inmortal 'Camiñante non hai camiño, faise camiño ao andar'.









