
O Bloque Nacionalista de Culleredo alerta sobre a "grave situación de inseguridade viaria que se está a dar na autovía de entrada á cidade entre A Garrocha e os túneis do colexio Rías Altas, pola ausencia en varias zonas de malla de protección".
A día de hoxe, sinalan, a malla de protección perimetral atópase rota ou totalmente ausente en varios treitos da autovía, "cando é un elemento esencial de seguridade".
"A AC-14 soporta unha alta densidade de tráfico, ao ser un dos principais accesos á cidade da Coruña e ao seu aeroporto. A ausencia da barreira supón un risco directo, pola proximidade a masas forestais e de que diversa fauna salvaxe invada os carrís de circulación. Existe un grave risco de atropelos de animais e de manobras evasivas de emerxencia que deriven en accidentes de gran magnitude", lembra a agrupación cullerdense, que lidera Tono Chouciño.














