A Deputación dedicará 220.000 euros a mellorar o entorno do colexio e o pavillón de Tarrío, en Culleredo

A Deputación aprobou este venres no pleno provincial as obras de mellora da seguridade viaria no entorno do colexio e do polideportivo municipal de Tarrío, no concello de Culleredo. A actuación desenvolverase na estrada DP-1705, de Tarrío ao Gaiteiro, e contará cun orzamento de 221.001,30 euros, afirmou o ente coruñés.
O proxecto permitirá construír un novo itinerario peonil accesible de 327 metros pola marxe dereita da estrada, entre os puntos quilométricos 1+030 e 1+357. A nova beirarrúa terá 1,80 metros de ancho e dará servizo ao colexio, ao polideportivo e ao campo de fútbol, nunha zona cunha elevada circulación de peóns, especialmente nas horas de entrada e saída dos centros.
A deputada de Vías e Obras, Mónica Rodríguez, e o alcalde de Culleredo e deputado provincial, José Ramón Rioboo, destacaron que a actuación permitirá dar resposta a unha demanda importante das familias e da veciñanza de Tarrío, creando un percorrido peonil continuo, accesible e seguro nun entorno especialmente sensible pola presenza do colexio e das instalacións deportivas.















