Castelo quenta motores para unha semana de música, contos, humor e gastronomía
Chega a undécima edición do festival promovido por Xosé A. Touriñán

Este luns comeza un novo Castelo Conta, o festival promovido polo actor e cómico Xosé A. Touriñán na súa parroquia natal cullerdense, un lugar ao pé do monte Xalo onde conflúen cada agosto música, tradición oral, gastronomía, natureza e humor.
Ata o domingo 30, Castelo énchese de actividade desde primeiras horas da mañá –coas actividades para a cativada–. O luns 24 ás 14.00 na taberna Casa Rodríguez –que rexentaron os avós de Touriñán– actuará Factoría de Subsistencia e elaborarán pinchos os chefs Jorge Trigo (A Espiga) e Nacho Moreira (La Esquina de Valentina e Concha). Pola tarde haberá un encontro dedicado á figura da cantante Finita Gay, coa participación de Xurxo Souto, quen subirá ao escenario pola noite coa súa Orquestra Bravú Xangai.
O martes 25 será o turno de Tapa D’ Orella ás 14.00 -cos petiscos de Manuel Rodríguez (Playa de A Cova) e Begoña Vázquez (Regueiro da Cova)-, Kid Mount ou 9Louro.
Xa o mércores 26, un dos días con máis protagonismo da música tradicional galega, estarán Balteira ou Ailá, ademais de presentarse o proxecto 'As pegadas do baile', de Artur Puga. A Gran Foliada pechará o día na Eira do Ferrador e na taberna poñerán sabor Lolo Mosteiro e Paula Martínez (A Artesa da Moza Crecha) e Damián Paris (Decanta-t).
O documental 'Mulleres que contan' e o concerto de De Ninghures terán lugar o xoves 27. Dirixida por Hadriana Casla, a peza audiovisual recolle o proceso vivido por mulleres de Taboada, Vilaño, Triacastela, Baroña, Manzaneda e A Illa de Arousa que durante meses participaron en encontros, conversas e espazos de reflexión arredor dos coidados. É a continuación de 'Mulleres de Castelo', estreado hai dous anos. Na parte gastronómica estarán Bea Sotelo (Illas Gabeiras) e Álex Méndez (Os Cachivaches).
Concerto de Xoel López
O músico coruñés Xoel López será un dos pratos fortes do programa. Co seu último disco, 'Oniria Popular', baixo o brazo, tocará o venres 28 ás 23.00 horas na polideportiva con Antía Muíño como teloneira e as entradas están á venda en Ataquilla.com. Antes, nos Vermús na Taberna, participarán Kike Piñeiro (A Horta do Obradoiro) e Lucía Freitas (A Tafona), coa música de Ulex.
O sábado 30 será A Noite do Castelo Conta, que reúne a parte dos cómicos máis recoñecidos de Galicia. Nesta ocasión formarán no escenario Pepo Suevos, David Amor, Quico Cadaval, Lucía Veiga, Marita Martínez, Patricia Castrillón, Gari Garrido, Oswaldo Digón, David Perdomo e Javier Veiga. Ese mesmo día actuarán Quinkillada, Skadelos, Tanto nos Ten ou Gin Toni's e os petiscos do mediodía levarán a firma de Chisco Jiménez (Culuca), Moncho Méndez (Millo), David Vilariño e Patricia Navarrete (Taberna do Campo) e Pablo Morales (Habaziro).
A festa remata o 30 coa emblemática romaría do San Ramón. Toda a programación pode consultarse aquí.















