A Tenda do Gato, a marca cullerdense que exalta os autores galegos e recupera a memoria colectiva
A primeira camiseta que lanzou Jorge Longueira, cunha frase de Castelao, traspasou fronteiras; hoxe aspira vivir dun proxecto que naceu por casualidade

Hai quen ao rematar a carreira se apunta á escola de idiomas para aproveitar o tempo mentres non atopa traballo, pero Jorge Longueira decidiu apostar por facerse viral coas súas camisetas. Tras estudar Ciencias Políticas e facer un máster en márketing e deseño gráfico, este cullerdense lanzou A Tenda do Gato, un comercio online onde exalta os autores clásicos galegos e recupera a memoria local.
“Fixen un máster en márketing e deseño gráfico e mentres preparaba as oposicións rompín unha perna. Nese impasse merquei unha máquina de chapas e outra de gravado láser e comecei facendo algunhas camisetas como afición. Unha cousa levou á outra e o que gañaba íao invertindo. Acabei facendo, incluso, unha FP de carpintería coa que aprendín a traballar as pezas de madeira que hoxe vendo”, explica Longueira, que actualmente fai prácticas para ser profesor pero aspira a poder vivir dun proxecto que comezou de casualidade pero está traspasando fronteiras.
E é que o cullerdense logrou un éxito total co seu primeiro produto, unha camiseta coa frase de Castelao ‘vale máis un país con árbores nos montes que un Estado con ouro nos bancos’ que se vendeu moito fóra de Galicia. “A ilustración é de Lucía Feijoo e fóisenos das mans. Tiven que facerme autónomo xa nese momento porque as vendas superaron as nosas expectativas”, indica o emprendedor, que tamén traballa con ilustradores como Bruno Lopes Teixeiro e Fedelhando (@fedelhando).
Jorge Longueira recupera, entre outras cousas, “os trazos do Laboratorio de Formas e o pensamento dos autores clásicos e icónicos galegos, para manter viva a memoria e a historia de Galicia”, explica, e engade que dous dos seus referentes na ilustración son Luis Seoane, Isaac Díaz Pardo e Xosé Vizoso, pero pon a Castelao como “o autor de referencia, cunha dimensión que abrangue moitos aspectos, non só o cultural e político”.
Rosalía de Castro, o baile tradicional, as árbores galegas ou imaxes como os cabalos en liberdade de Santo André de Teixido enchen os deseños de A Tenda do Gato, que admite pedidos por Instagram.
“É un orgullo que os meus deseños anden por aí. A situación do galego é pésima e dáme moita pena que esteamos rodeados de todos os idiomas menos o de aquí”, apunta este veciño de Culleredo, que xa ten en mente unha peza que homenaxea aos cans de palleiro.










