José Luis F. Mouriño: “Aquí non hai alcalde golpista, senón un cos votos suficientes; chámase democracia”

En setembro de 2025 recuperou o bastón de mando cunha moción de censura na que o apoiaron dous antigos edís de Javier Gestal. A día de hoxe, José Luis Fernández Mouriño (Carral, 1962) non se arrepinte: “É máis, estou orgulloso de ter tomado aquela decisión”, asegura.
Que balance fai destes primeiros meses tras recuperar o cargo?
A decisión de facer a moción de censura foi porque, ao noso modo de ver, había unha parálise no Concello, e así se constatou. Nas primeiras semanas comprobamos que as únicas inversións que se estaban facendo eran as vinculadas ao Plan de Obras da Deputación, non había outras iniciativas. Había moita necesidade en sanidade, educación, maiores ou grandes infraestruturas, non había nin proxecto nin terreos para poder actuar.
Cales eran os seus obxectivos principais á súa volta?
En sanidade, a modernización do centro de saúde, que se construíu no ano 87, cando Carral tiña 5.000 habitantes. Hoxe somos 7.000 e a poboación cambiou moito, con moitos rapaces novos. Non só precisa dotación de facultativos, que iso xa non é competencia nosa, senón mellorar as instalacións, porque quedou obsoleto. Expuxemos ao conselleiro de Sanidade a necesidade de crear un novo e estamos negociando con propietarios de terreos para poder ceder unha parcela á Xunta. No 2019 lograramos un convenio para facer un centro de día no colexio Víctor Velasco, que estaba en desuso, tiñamos unha subvención de 150.000 euros pero non se aproveitou e agora está en mans dunha asociación pero non lle vemos actividade.
O centro de maiores é unha prioridade, entón.
Falamos con Política Social e trouxemos á conselleira aquí para chegar a un entendemento e facer algo para os maiores, un centro de día ou unha residencia, pero de novo atopamos que non hai terreos para ceder á Xunta. Tamén é prioritaria a educación, a escola infantil A Galiña Azul está quedando pequena e falamos tamén coa Xunta para unha posible ampliación. Quizais poidamos adquirir os terreos contiguos ou cambiala de ubicación. No caso do CEIP Vicente Otero Valcárcel, por agora non ten problemas de espazo pero hai que lembrar os meus lemas en eleccións pasadas: ‘En pleno crecemento’, ‘Seguimos medrando’, ‘Somos máis’... e hai que prestar servizos acordes a unha boa calidade de vida. E lograremos a implantación da Formación Profesional (FP) no noso IES o curso que vén cun ciclo de Automoción. Esperemos que encaixe e, no futuro, conseguir algún outro módulo moi específico para o municipio de Carral, como é o de Panadería e Repostería.
E existe o problema coa depuradora do Quenllo.
É un problema gordo herdado de hai anos, a depuradora fíxose no 2000 e estaba pensada para o polígono industrial. Fóronse conectando diversos colectores e está sobrecargada, necesita dun mantemento cun custo moi elevado ou facer unha nova. A Consellería de Medio Ambiente dixo que colaboraba economicamente se presentabamos proxecto pero ese proxecto non existía, só un anteproxecto. O anterior equipo de goberno solicitara no 2023 unha subvención provincial para redactalo de case 200.000 euros, pero non foron nin a por ela, non presentaron nese ano de prazo ningún tipo de documentación e perdeuse. Unha depuradora anda polos cinco millóns de euros e estamos falando con Emalcsa e buscando alternativas para asumir esa inversión.
Como avanza o Plan Xeral?
Estivo paralizado, igual que o Inventario de Camiños. Gardárono nun caixón porque podía molestar, porque obviamente un Plan Xeral non pode contentar a todo o mundo. Temos que aprobalo canto antes xunto co inventario, vendo cos técnicos que é o menos malo para a globalidade de Carral, aínda que te enfrentes a algún colectivo.
Non sei se os concelleiros que saíron de Alternativa integrarán a lista do PP en 2027; a min gustaríame seguir traballando con eles, pero non houbo esa conversa
Como foi a reacción da xente á súa volta á Alcaldía?
Boa. Cando foi a moción de censura hai quen se encargou de crispar o ambiente aínda que foi unha cousa democrática que pasa en calquera sitio. Estivo moi manipulado, coma se houbera un atentado ou un golpe de Estado aquí en Carral, como din algúns. Ao día seguinte, na rúa, non se notou para nada. De feito, persoas que levaban camisetas reivindicando ao anterior alcalde hoxe en día falan comigo e colaboran con nós sen problema ningún. Por suposto que hai gustos para todos, pero o que se viu na moción de censura non ten nada que ver coa realidade de hoxe en día no Concello. Non sabemos aínda como Javier Gestal deteriorou así unha maioría absoluta, algo moi difícil de lograr. Tes que ser leal e liderar, non podes estar caladiño, como está agora nos plenos, cunha voceira pero querendo levar as rendas. Tira a pedra e esconde a man. No anterior mandato, que gobernaban cos socialistas, tamén acabou mal. E con estes compañeiros que el cesou estivo, coma quen di, mirando detrás da silveira a ver que facían, con formas maquiavélicas, e antepuxo os seus intereses aos dos veciños de Carral. Estou contento de ter tomado a decisión, non polo meu interés de ser alcalde, senón polo interés dos veciños e por lograr servicios de futuro.
Integrará na súa lista de 2027 a eses concelleiros que foron expulsados de Alternativa?
Agora mesmo só pensamos en lograr as cousas que xa mencionei, son proxectos serios de moita inversión, non son reparacións de baches. Estou máis que orgulloso porque cando temos reunións antes dos plenos, vexo que teñen capacidade, tolerencia e que coñecen exactamente a sociedade de Carral. Síntome a gusto con eles e gustaríame seguir traballando con eles, pero non houbo esa conversación.
E vostede será o candidato?
Hai que pensar unha cousiña, eu en marzo do ano que vén fago 65 anos, non son dos máis áxiles para correr. Tampouco dos máis torpes, pero de aquí a uns meses xa se falará. A situación que me levou a volver ser alcalde non era por ambición senón porque aquí estaba pasando algo fóra do normal. Non vou darme aires pero víame necesario no posto que estou agora, ben sexa polos coñecementos, a experiencia ou simplemente por ter máis anos crin que podía aportar algo máis do que se estaba facendo.
Fala da idade e outro dos veteráns, Ángel García Seoane, dicía hai pouco que non é necesario levarse ben co resto de alcaldes.
Formamos parte dun Consorcio para prestar servizos en común e demostrouse que esa fórmula funciona mellor que andar cada un ao seu. Eu teño boa relación cos demais alcaldes e incluso con ‘Gelo’, non teño nada contra el. As incongruencias do alcalde de Oleiros, nin máis nin menos. É capaz de estar dicindo unha cousa e aos cinco minutos defender a contraria. El foi o principal impulsor daquel proxecto da Área Metropolitana da Coruña, pois para crear algo así non che queda máis remedio que levarte ben co resto. Non pensa o que di e cando fala non di o que pensa. Dedícase a insultarme todos os días que colle o micrófono, pero aquí non hai alcalde golpista, senón un que logrou os votos suficientes para ser alcalde e iso chámase democracia.
Deteriorar unha maioría absoluta é algo moi difícil e Javier Gestal logrouno; para gobernar tes que ser leal e liderar, non podes estar caladiño detrás da silveira
O PP defendeu moitas veces que ten que gobernar a lista máis votada, e nese caso é a de Gestal.
Hai moitos concellos onde non sucede, como en Bergondo, onde mandan PSOE e Alternativa pese a que o PP é a lista máis votada. En Betanzos ou A Coruña, co PSOE, e ninguén cuestiona que sexan alcaldesas Barral ou Rey... Carral é a mostra de que pode un aliarse co PP para sacar cousas adiante. A maioría absoluta que perdeu Javier non a busquei eu: os concelleiros que firmaron a moción foran cesados porque non lle caían ben a outro compañeiro. Iso non é seriedade. E eses concelleiros non quitaron votos tamén? Non se merecen estar no concello? Foron seis anos concelleiros de Alternativa, ata que os botaron fóra por envexa, porque traballaban e porque os intereses de Carral estaban por riba dos do partido.
Que é o máis satisfactorio de ser alcalde de Carral?
Cando nuns anos ande paseando por aí co taca-taca, se son capaz, e vexa en que se foi convertendo a vila. O Campo da Feira era un campo de terra e hoxe é un punto de encontro para os veciños, o Toñito Espiñeira, o instituto, A Galiña Azul, a piscina... placas de Mouriño debe haber dúas ou tres nada máis, os edificios só levan na fachada a data de construción e espero que pronto poidan verse outras datas marcadas noutras instalacións, como o centro de maiores ou a nova depuradora. Non importan os nomes, senón o que queda para os veciños de Carral.














