
O teatro será protagonista nos vindeiros meses en Carral. O Concello celebrará unha nova edición do Ciclo de Teatro de Outono con nove funcións para públicos de todas as idades que comezarán este venres, día 3. Todas terán lugar no local Xente Nova de Tabeaio ás 20.30 horas.
Teatro de Ningures será a encargada de inaugurar o programa con 'As gardiás ou o nó do tecelán', mentres que De Ste Xeito Producións tomará o relevo con 'Neura' o día 10 e Teatro do Noroeste con 'As damas de Ferrol' o 17. Verdeveras Expresións Artísticas chegará ao municipio con 'As formas do amor' o 24 de outubro e Código Azul o 31 con 'Tolóptica'.
Programación de novembro
O mes que vén arrincará da man do grupo Butacazero e de 'O único que verdadeiramente quixen toda a vida é ser delgada' (7 de novembro), para seguir o día 14 con 'Cortello de amor', de Amorodio Teatro.
'Desexo', de Talía Teatro, será a antepenúltima función do ciclo e chegará o 21 de novembro ao local social Xente Nova, mentres que 'Compañía', de Xampatito Pato, pechará o Ciclo de Teatro de Outono de Carral.

A entrada será libre ata completar aforo, pero unha vez que estea iniciada a función, non se permitirá o acceso á sala.










