Cambre afrontará sen medidas extraordinarias o Mecanismo Estatal de Pago a Provedores
O informe da Intervención municipal conclúe que o Concello dispón de liquidez suficiente para afrontar este procedemento pola vía da retención na Participación nos Tributos do Estado

O Concello de Cambre está incluído no Mecanismo Estatal de Pago a Provedores 2026 impulsado polo Ministerio de Facenda, un procedemento de aplicación obrigatoria para aquelas entidades locais que se atopan nos supostos previstos pola normativa estatal en materia de período medio de pago e cuxa finalidade é facilitar a redución desta magnitude para que os prazos de pagamento respecten a normativa de morosidade.
As entidades locais que, como o Concello de Cambre, están obrigadas a adherirse a este mecanismo poden aprobar un Plan de Axuste. No caso de que este non se presentase, non obtivese unha valoración favorable por parte do Ministerio de Facenda ou non se optase pola formalización do préstamo previsto na normativa, a devolución das cantidades correspondentes aos importes que o ICO transferirá aos provedores que acepten participar no procedemento realizarase mediante retencións sobre a Participación nos Tributos do Estado.
Segundo recolle un informe elaborado pola Intervención municipal, aínda que se practiquen as retencións sobre a Participación nos Tributos do Estado que no seu caso procedan, a situación da tesourería permitirá ao Concello de Cambre dispoñer de liquidez suficiente para afrontar os seus compromisos de pago.
Coa finalidade de non trasladar aos veciños as consecuencias que tería a aprobación dun Plan de Axuste e vista a posibilidade de que o Ministerio de Facenda practique as oportunas retencións sobre a Participación nos Tributos do Estado sen que isto vaia provocar tensións na tesourería municipal, o goberno de Cambre non elevará ao Pleno a aprobación dun Plan de Axuste.
A alcaldesa de Cambre, Diana Piñeiro, quixo ademais trasladar unha mensaxe de tranquilidade á veciñanza e despejar calquera dúbida que poida xurdir arredor deste procedemento, subliñando que a decisión adoptada evita a aprobación dun Plan de Axuste e non terá repercusión económica para os veciños e veciñas de Cambre.











