Diana Piñeiro levará por terceira vez ao pleno unha solución para pagar as facturas da Rede Cultural

A alcaldesa de Cambre, Diana Piñeiro, volverá defender no pleno ordinario deste xoves unha solución para aprobar o pagamento das facturas pendentes correspondentes á Rede Cultural 2025 e resolver así unha situación que continúa afectando a artistas, compañías e provedores que xa prestaron os seus servizos ao Concello.
O executivo municipal levará novamente este expediente ao pleno despois de incorporar nova documentación e un terceiro informe técnico complementario que amplía a trazabilidade da tramitación realizada durante o anterior mandato.
Segundo recolle a documentación incorporada ao expediente, os informes sitúan a principal deficiencia na ausencia da preceptiva Retención de Crédito (RC) e na inexistencia do correspondente expediente administrativo previo que debía garantir a cobertura legal e económica da programación cultural desenvolvida en 2025.
O novo informe incorporado ao expediente aclara ademais que a solicitude da Rede Cultural debía ir acompañada igualmente da correspondente reserva de crédito municipal, dado que o programa provincial só financiaba o 40% das actuacións e o Concello debía asumir o 60% restante.
A documentación achegada acredita tamén que existiron actuacións administrativas vinculadas á programación cultural antes do inicio dos espectáculos, incluíndo comunicacións oficiais e actualizacións de representación perante a Deputación da Coruña.
Diana Piñeiro subliña que “desde o primeiro momento este Goberno mantivo unha posición clara: buscar unha solución para que artistas, compañías e provedores poidan cobrar polo traballo realizado”.
O Goberno municipal lembra que xa levou este asunto ao pleno en dúas ocasións anteriores para intentar aprobar o pagamento destas facturas, atopándose ata o momento co voto en contra de Unión por Cambre, mentres o resto da Corporación non apoiou a proposta.
A alcaldesa considera que “despois da documentación e dos informes incorporados ao expediente, é momento de que a Corporación dea unha resposta definitiva ás persoas que seguen pendentes de cobrar”.
Piñeiro fai ademais un chamamento aos grupos que non apoiaron as anteriores propostas para que reconsideren a súa posición e permitan sacar adiante unha solución definitiva para artistas, compañías e provedores.
“O Concello ten a obriga de responder fronte aos profesionais que xa cumpriron co seu traballo, e este Goberno vai seguir defendendo unha solución para que poidan cobrar”, conclúe Diana Piñeiro.










