Francisco Castro | “A música de Rosalía disfrútase máis se coñeces aos Beatles”
O escritor presentou o seu segundo libro sobre a banda de Liverpool na Fundación Wenceslao, nun acto organizado por Musicambre

O escritor e editor Francisco Castro, exdirector da Editorial Galaxia, pasou pola Fundación Wenceslao Fernández Flórez para presentar o libro ‘Una honda historia de los Beatles’ (Editorial Almadenes), onde aborda o fenómeno do cuarteto de Liverpool “desde outra mirada” e trata de desmontar mitos. O acto estivo organizado pola asociación Musicambre.
Di que no seu libro conta “a historia dos Beatles como nunca cha contaran”. Que ten de especial?
Se ti fas unha búsqueda nas redes sobre os Beatles só en castelán hai arredor de 4.000 libros. Obviamente había que cambiar un pouco a mirada ou atopar unha nova. Porque esta palabra, ‘honda’, parece unha palabra un pouco complicada para un título pero resume ben a condición deste libro, porque eu non ía escribir do que se atopa na Wikipedia. Que día se coñeceron John e Paul, se utilizaban non sei que guitarra… é un libro máis analítico, sobre todo como se produciu este fenómeno pero de maneira contextualizada. Este é o libro dun fan pero non dun fanático. Tendemos a pensar que apareceron aí catro xenios que montaron a pirula que montaron e iso caeu do ceo, pero explico cousas nas que normalmente non se repara, como que no Reino Unido, no 1962, cando sacan o seu primeiro disco, máis da metade da poboación ten menos de 20 anos. A iso súmalle que se popularizan os tocadiscos, algo crucial. Saen da posguerra e hai bonanza económica, aparecen os primeiros programas de radio nos que se emite música para adolescentes… eles subiron a unha onda que estaba medrando, ninguén lles quita o seu mérito pero hai que contextualizar o momento. E logo intento desmontar algúns mitos, o de sempre da rivalidade entre os Beatles e os Rolling.
Que segue hoxe...
Sempre hai alguén que di ‘ah, eu son máis dos Rolling’, coma se fose excluínte. Como se che ofreceran espaguetis e respondeses ‘eu son máis de lasaña’. A quen miraban sempre de esguello non era aos Rolling, senón aos Beach Boys. O ‘Sgt. Pepper’s Lonely Hearts Club Band’, o meu favorito e o disco que resume toda a loucura dos 60, non tería nacido de non ser polo ‘Pet Sounds’ dos Beach Boys. Tamén estaban influídos por Bob Dylan, ata que o coñecen no 65 as cancións teñen letras moi ñoñas que lle encantaban ás adolescentes, o que pode facer hoxe en día Pablo Alborán, pero despois de coñecer a Dylan, Lennon decátase que é crucial no rock and roll coidar as letras e supón un cambio enorme na súa carreira. Eu fago unha lectura sobre os Beatles un pouco singular, é que se non, non paga a pena publicar un libro sobre os Beatles porque xa está todo.
Canto tempo leva namorado dos Beatles?
Non é broma, eu cantaba os Beatles antes de empezar a falar, tiña a súa música na casa polo meu irmán máis vello e teño o recordo de eu cun cepillo do pelo a modo de micrófono cantando diante do espello. Sempre foi unha paixón, de feito teño obxectos persoais dos Beatles na casa, andeis completos de libros sobre eles… é unha paixón destrozanóminas pero me dá moita felicidade.
Que tipo de obxectos ten?
O día da foto famosísima de 1957, do día que John e Paul se coñecen, hai unha foto que un anónimo lle fai aos Quarrymen, o grupo que tiña John Lennon, e eu teño esa foto asinada por todos os membros dos Quarrymen, dedicada a Francisco Castro, firmáronma para min, non se comprou. Ou as revistas orixinais do club de fans, que se publicaban mensualmente e que se mantiveron ata que se desfixo o grupo no 73. Nas miñas viaxes, especialmente a Londres, encontrei en mercadillos ou tendas de vello volumes desa revista, que gardo convenientemente plastificadas. Teño o orixinal da primeira portada dos Beatles na revista ‘Life’ ou un anaco dunha chaqueta de John Lennon…
Como explicaría a un adolescente de agora o que foron os Beatles?
É difícil que alguén na cultura occidental non saiba quen foron. Un di ‘John, Paul’ e alguén rematará ‘George, Ringo’, inmediatamente e nesa orde, ademais. Non hai moito que explicar, un fenómeno interxeracional, estiven vendo en directo a Paul McCartney e había desde nenos a avós coa camiseta de Abbey Road. Iso non pasa só cos Beatles senón cos bos músicos en xeral. Pero o que lle diría é que non existe absolutamente nada na música de hoxe en día que non estivese antes traballado polos músicos dos anos 60 e 70. Non vou ser fundamentalista e dicir que o inventaron todo, aínda que estes catro inventaron case todo, pero toda a música actual é debedora da ousadía de todos aqueles músicos, sobre todo anglosaxóns, aínda que en España había cousas moi interesantes tamén. Rosalía disfrútase máis se tes certa cultura musical e coñeces aos Beatles e aos músicos dos 60 e 70.
Presentou o libro na Fundación Fernández Flórez, autor que morreu o mesmo ano da explosión da Beatlemanía, no 64.
Non tiña ese dato. Estou seguro de que un home coa súa intelixencia sería capaz de decatarse do fenómeno incrible que se estaba producindo.









