Manuel Martínez | “O belén de Bribes é algo singular, unha cousa digna de ver”
Este domingo a Horta do Mosteiro volve converterse no escenario do nacemento de Xesús nunha actividade cuns 70 figurantes

Este domingo, día 14, Bribes volverá converterse no escenario do nacemento de Xesús grazas ao belén vivinte que cada decembro sorprende a veciños e visitantes e que desde hai tres anos ten unha “cor” especial co apoio da Fundación Venancio Salcines.
Desde as 11.00 ata as 18.00 horas, decenas de figurantes poblarán a Horta do Mosteiro para recrear diferentes estampas tradicionais do Nadal, unha actividade que organiza a asociación veciñal O Cruceiro, presidida por Manuel Martínez.
Este belén medra cada ano.
A verdade é que bastante, este ano somos máis que no 2024. Sumouse nova xente, rondaremos as 70 personas figurantes. E o decorado sempre cambia algo, tratamos de retocar algún dos puntos.
Canto tempo lles leva preparar toda a posta en escena?
Comezamos case un mes antes unhas dez, doce persoas, según o día, a montar todo. Son moitas horas de traballo.
O evento gañou impulso co apoio da Fundación Venancio Salcines nos últimos anos.
Desde logo. Non só axuda económicamente, senón tamén no ámbito da promoción desta actividade. Realiza toda a publicidade, organiza un concerto na igrexa e financia todos eses gastos. Temos que agradecerlle moitísimo o seu apoio, este é o tercer ano que colabora, que o belén estivo a punto de non poder celebrarse por falta de fondos.
Canta xente pasa por Bribes en cada edición do belén vivinte?
O ano pasado contaron que viñeran 10.000 persoas, eu non as contei (risas). Vén moitísima xente da zona pero sempre hai caras novas e incluso moitos nenos queren anotarse para ser figurantes o seguinte ano. Este ano temos máis nenos que nunca, antes eran uns 20 e xa case chegamos a 40.
Que papeis fan os nenos?
Pastores, ferreiros, canteiros, paxes dos Reis... todos os oficios. Aquí temos de todo, hai que achegarse porque é unha cousa singular, digna de ver.
Dende cando hai esta tradición?
Máis ou menos desde 2002. Nos inicios poñíase aquí un belén pero non era vivinte; empezou a anterior presidenta, que hoxe se encarga do grupo dos nenos que participan no belén. Eu tardei en entrar na directiva, cheguei en 2010 e son presidente desde 2011. A ver se o próximo ano é o último, que a saúde non me acompaña moito e esta asociación necesita xente nova que lle dea vida, hai que facer aínda moitas cousas.








