
Cando Xosé Manuel Seivane Rivas (Fonmiñá, Lugo, 1921-Cambre, 2012) construíu a súa primeira gaita en 1939 nun pequeno obradoiro da Terra Chá, non imaxinaba que o seu legado seguiría vivo ben entrado o século XXI e que os seus descendentes continuarían o seu incansable labor de investigación arredor deste instrumento. Hai uns días, Seivane lanzou o seu último invento: o bordófono.
Foi grazas a un proxecto en colaboración con Andrés Rodrigues e Iván Nespereira, que acudiron á sede da marca en Volteiro, Cecebre (Cambre) para elaborar un estudo sonoro do proceso construtivo da gaita. “Rexistraron desde como soa a serra na madeira ata o torno, o taladro, o lixado ou o pulido. Tamén o ‘tic tac’ das tesoiras cortando a tea ou o dedal durante a costura. Os sons que para nós son un rebumbio, que nos parecen ruído, teñen valor para eles e remataron o estudo con esta idea do bordófono, que se inspira na gaita multibordón que elaboramos en 2019 no noso 80 aniversario”, explica Álvaro Seivane.

Partindo da importancia dos bordóns na gaita, “que xeran un pedal ou drone que sirve como base para a realización da melodía co punteiro”, deseñouse este bordófono, “que alimenta as posibilidades de execución" e permite “procesar a infinidade de harmónicos”, di o artesán. Este novidoso instrumento non se infla coa boca –aínda que o permite– senón cun compresor moi silencioso que proporciona aire constante.
Constante evolución
“Sempre se entendeu que un bordón só daba unha nota fixa, pero agora poden dar dúas ou tres. Todo é evolución, tamén na gaita, e as nosas creacións foron retroalimentando outras novas, estamos en constante evolución e sempre temos dous ou tres proxectos en marcha, paralelamente á construción de gaitas. A investigación é algo que nos vén no sangue, é conxénito”, sinala o maior desta saga e pai da gaiteira Susana Seivane.

O bordófono viaxou estes días ao festival Mixtur de Nova Creación Sonora, en Barcelona, onde Rodrigues e Nespereira presentan o traballo ‘Ronco: disección anatómica da gaita’.
Seivane trasladou en 1994 o obradoiro á localidade cambresa de Volteiro e hoxe en día constitúe un exemplo de empresa familiar de éxito en Galicia, na que traballan varias xeracións. “Somos sete no equipo e facemos sobre 300 gaitas ao ano, ás veces menos. Temos un límite porque no queremos ser unha fábrica de gaitas, queremos que todas, pero todas as pezas pasen pola nosa man. Claro que temos máquinas e adiantos que non tiñan os nosos antecesores, pero todo pasa polo noso ollo. Queremos seguir sendo artesáns”, indica Álvaro.

O seu produto estrella seguen sendo as gaitas de do e de si bemol, pero xa teñen fabricado todo tipo de modelos e agora, explican, están “mirando bastante para atrás, porque as gaitas antigas teñen o seu aquel”. “Mira que éxito ten Abraham Cupeiro co aulós, ese instrumento da antiga Grecia que son como dúas frautas”, recoñece.
Na Patagonia ou a Antártida
As creacións de marca Seivane soan hoxe en lugares como a Patagonia e teñen chegado mesmo a Antártida, da man dun investigador francés. Tamén acabaron tendo contacto cun traballador da NASA, Patrick, co que aínda manteñen unha gran amizade.
Precisamente, Estados Unidos é un dos seus mercados máis importantes actualmente: “Facemos gaitas para americanos que nada teñen que ver con Galicia nin con España e o mellor é que a través da gaita temos feito amigos que despois veñen de vacacións aquí”, di Seivane.
A innovación nos instrumentos, engade, non se fai en absoluto con ánimo de lucro: “Faise por ese espíritu de estudo que sempre nos inculcaron. Xa experimentamos facendo a gaita decana, a mussette francesa ou unha que chamamos Acorde. O ano pasado creamos a 4D, na que os elementos (ronco, ronqueta, chión e punteiro) saen en catro direccións”, manifesta o luthier, que asegura que neste laboratorio de ideas cambrés, que mestura música e arte, “a cabeza non pode parar”.
